Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O desexo da máscara

sábado, 09 de febrero de 2013
O entroido, para moitos de nós, é a festa mais agardada de todas cantas celebramos ao longo do ano. Por intensidade, por duración e por cantos rituais se construiron nas súas celebracións durante anos, mesmo séculos, sobrevivindo aos obscenos destinos que os séculos XIX e XX nos concederon. Porque as mascaradas, é dicir, a construcción simbólica de personaxes ou obxectos, é algo compartido polas múltiples e diversas culturas que o homo sapiens tivo a ben desenvolver dende o mencer dos tempos. Mas, en esencia, o entroido é festa.

E a festa encamíñanos ao paraíso, achéganos o desexo, permítenos a emoción e a fascinación, énchenos de satisfacción e paixón, racha coa monotonía e, fundamentalmente, reforza os valores solidarios da comunidade. A substitución dos modos de vida tradicionais por uns modos de vida modernos e civilizados como consecuencia do despoboamento masivo das áreas rurais ten como resultado unha transformación, entre outras, das representacións colectivas que existen na nosa sociedade. Así, o entroido de Vigo ou da Coruña nada ten que ver co entroido que se celebra, por exemplo, en Vilariño de Conso ou nas parroquias ribeirás de Chantada. Son cousas ben diferentes, aínda que leven o mesmo nome. Son diferentes porque as necesidades e a comprensión do mundo non son as mesmas entre quenes habitan as cidades que entre quenes habitan as aldeas. Para uns o entroido é espectáculo e bailes de disfraces e para os outros o entroido é unha celebración que prima a desorde e a violencia fugaces para reforzar as relacións entre viciños e suavizar as tensións e os conflictos. En todo caso, calquera entroido é unha demostración da creatividade imaxinativa da comunidade. Porque nada é aleatorio, aínda que todo sexan brincadeiras. Cada unha das cerimonias, obxectos ou personaxes que fan a súa aparición durante os días máxicos (domingo fareleiro, domingo lambedoiro ou oleiro, domingo corredor, xoves de compadres, xoves de comadres, sábado, domingo, luns ou martes de entroido) ten un significado. Significado que ten sentido, como é lóxico, tan só no seu contexto. Son os saberes prácticos da tribo.

Comemos a fartar, bebemos ata encher e saímos celebrar ás rúas ou ás corredoiras vestidos como nos apetece (ou do que nos corresponde) para expresar sentimentos que ordinariamente serían unha amiaza para a orde social. No entroido celebrámonos e interpretámonos a nós mesmos, expresamos o noso xeito de ser e de sentir, defendemos o pracer de viver, formulamos as nosas crenzas e creamos vínculos de identificación parroquial, vilega ou urbana.

Entón, porqué nos empeñamos en celebrar o entroido lonxe dos nosos viciños?

Se por curiosidade académica ou por ansias de troula vamos a Xinzo, a Viana do Bolo, a Laza, a Salcedo ou a tantos outros lugares durante o entroido viremos impresionados de tanta representación que nos aproxima á orixe mesma da sociedade, mas é na nosa comunidade, con a nosa xente, onde temos a oportunidade perfecta para crear, inventar, reinventar, satirizar, adaptar, as costumes e as normas, porque esas son as que coñecemos e comprendemos, e porque o entroido é un foro ideal para quen pretende cambiar o status quo das cousas.

Agora que as prácticas carnavalescas durante as muiñadas, as fiadas, as esfollas... desapareceron no nome do progreso, a razón e a ciencia estamos na obriga de festexar aquelo que aínda resiste. Temos a responsabilidade histórica de evitar a desaparición definitiva das creacións culturais feitas pola nosa xente ao longo dos tempos.
Viana, Xavier
Viana, Xavier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES