A señora Xusticia
Xiz, Xulio - miércoles, 06 de febrero de 2013
Cando eu era pequeno as cousas non eran coma agora que todos tratamos e somos tratados de ti coa maior das naturalidades, peinemos canas ou non peinemos nada. E un non sabe, por exemplo, se cando a un enfermo de idade moi avanzada un médico ou enfermeiro o mesmo as súas versións femininas- o atúa con naturalidade hospitalaria se é máxima mostra de agarimo ou exceso de confianza.
Daquela, aínda o século era de mediana idade, algúns fillos adoitaban tratar de vostede aos pais; os alumnos colocaban o don diante do nome dos profesores, e ás persoas de idade avanzada dos corenta en diante- cedíaselles o paso nas beirarrúas, nas portas, nos cruces como puro sinal de boa educación e respecto polos maiores.
Mesmo teño oído falar da Señora Xustiza para referirse ao conxunto do aparato xudicial, tal era a reverencia puro medo, en realidade- que causaba o estamento xudicial entre a modesta clase entre a que eu me movía.
Todas estas manifestacións, hoxe manifestamente carcas fóronse co vento. Non co vento da Democracia, aínda que coincidisen no tempo ese fresco xeneral que xurdíu de todos os puntos da Rosa dos ventos, senón un ventarrón irrefrenable que varreu tantos costumes, tantos xeitos de vivir, que baleirou aldeas e vilas en beneficio das cidades, fixo tábula rasa das boas maneiras e conseguiu que cambiásemos o autoodio tan proclamado antes polas nosas cousas por pasotismo, introducíndonos ata máis arriba do pescozo nos goces da atafegante sociedade de consumo.
Xa non aseñoramos á Xustiza, agora moito máis coñecida e por moitos- frecuentada. E as informacións xudiciais son máis abundantes e seguidas ca as da vida social. E case veñen a ser o mesmo.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora