Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir no rural, que bonito é

miércoles, 06 de febrero de 2013
Din os que saben disto, os sociólogos, que nos últimos cincuenta anos o rural galego sofre un proceso de cambio que camiña na dirección equivocada. A Administración e as autoridades non atopan solucións.

As consecuencias negativas son ben visibles. Entre elas, o abandono do rural: a inmensa maioría dos concellos perde poboación. Outra, o avellentamento da poboación e o que iso implica en atención médica, factura farmacéutica e creación de servizos para os anciáns. Outra máis, a caída de emprego. E aínda outra, a perda acelerada de patrimonio cultural tradicional e do patrimonio inmaterial. Con cada vello que se nos vai, arríncannos anacos de cultura.

Ademais hai un claro desequilibrio territorial. Preocupadas andan as nosas autoridades e lograron preocuparnos a todos, por unir Galicia co centro peninsular con bandadas de AVE.s, autovías e pirámides innecesarias, pero a asignatura sempre pendente é a desvertebración do territorio.

O proceso de urbanización provoca que a poboación se concentre nas áreas urbanas costeiras. O chamado Eixe Atlántico, estreita franxa de Ferrol a Vigo-Tui concentra nun tercio do territorio galego ó 57% da poboación, mentres que as zonas do Interior e Interior Deprimido, co 54% do territorio, apenas ten o 23 % dunha poboación minguante. Pouco falta que declaremos aos nenos e nenas que viven nese rural “especie protexida en vías de extinción”.

Máis madeira. Mentres en 1950 sete de cada dez galegos traballaban no agro e ocupaban o espazo rural, hoxe só o fai un de cada dez. Iso significa menos xente, menos vida, menos empregos, menos servizos. E perda acelerada de identidade, porque se algo nos define é unha maneira de ser, un xeito de falar e un modo de ocupar o territorio. Por iso a chamada angustiosa e urxente das autoridades e dos veciños do rural para manter abertos os colexios. Ben saben que detrás de cada escola pechada acaba pechando a aldea.

Os habitantes destes concellos rurais escoitan abraiados cantos de sereas políticas que falan e prometen medidas-para-fixar-a-poboación-no-rural mentres en nome de non sei que racionalidade, optimización, redistribución, reasignación… etc., etc. de recursos, arríncanlles bocado a bocado os escasos servizos que lles quedan.

E pregúntanse pampos como é que a súa terra renta cada vez menos, mentres outros multiplican as súas gañancias co que eles producen. E por que o seu traballo, a cultura da terra que creou Galicia, vale cada vez menos. E por que a enerxía da súa auga, ese oro blanco, e do seu aire, ese ouro transparente, deixa só migallas neses concellos mentres engordan os petos insaciables dos buratos negros onde habita a cobiza, tan lonxe da terra.

Un esforzado orientador de Preescolar na Casa, cando aínda existía ten benemérito programa, preguntaba abraiado a un velliño que tornaba as vacas:

- Pero vostede, con tantos anos no lombo e aínda termando da facenda?

Mirou meu vello ao lonxe. E de alí a un cacho contestou:

- E que lle imos facer? Nin sei para que traballo. Aquí xa non quedan nenos. Xa non queda nada.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES