Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bendito Entroido

miércoles, 06 de febrero de 2013
Saúdo ao Entroido con gañas e necesidade de vivilo. Gañas e necesidade de saborear a liberdade natural, a máis fonda que oculta o noso ser. Teño gañas de Entroido, e isto significa ter gañas de facer o incorrecto, quizais o pouco aceptable, mais aquilo que todos levamos dentro alén da postura e a formalidade que nos esixe a nosa vida cotiá. Teño gañas de satirizar e ridiculizar determinados feitos, de rirme de min mesmo, de todo o que me rodea e finalmente de ser feliz no soño ínfimo e fugaz de que a liberdade plena está a un dedo de min.

O Entroido é ruptura, desafío, anarquía e tolemia colectiva que normaliza e acepta por uns días a informalidade. Don Carnal chega para espirnos e devolvernos ao noso Paraíso natural, aquel expropiado a Eva e Adán por querer embarcar rumbo ao descoñecido. Por uns días podemos rachar as nosas máscaras e amosarnos como realmente somos e soñamos ser.

Despois diremos que non, que todo era tolemia, e que todo volveu á normalidade coa envoltura do noso disfrace particular, creado para aceptar a nosa realidade e loitar nela por un feixe de ilusións ben merecidas.

Necesitamos o Entroido porque o que vivimos día a día é incrible, mais cruelmente real; tamén o Entroido é incrible, mais nunca cruel xa que a sátira sempre nace cos pés no chan e o berro no ceo. Entón o noso Entroido nace como unha rebelión de berros limpos contra a farsa cruel á que nos someten día a día os medios e a clase política. Agora si! Agora imos dicir a verdade que non se escoita, esa que nin sequera nos deixan pensar e que cada vez costa máis articular...

Nas nosas rúas aparecerán rostros coñecidos con pancartas e carteis que levarán o ADN da actualidade. Entón ninguén calará e quizais alguén sinta vergoña....

É tempo de destapar verdades, de declararnos en simbiose coa natureza que nos é propia, de soñar liberdades absolutas e eternas, e de dicir o que nunca dicimos por medo a ser arrasados polo dedo acusador do sistema.

Bendito Entroido que nos permite por uns días ser como somos sen medo, e sen medo saborear a liberdade e a ledicia espidas na máis pura esencia do ser, que demanda travestido unha realidade máis xusta, equitativa e sobre todo realmente ceibe.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES