Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre a "Operación Rei" (II): Reflexións dun non letrado

martes, 05 de febrero de 2013
Alguén, despois de ler en Galicia Dixital a primeira entrega destas miñas reflexións sobre a Operación Rei, chamoume por teléfono con considerables mostras de cabreo polo escepticismo que, según el, eu mostraba á hora de expresar a miña fe pouco entusiasta na administración de xustiza neste noso estado cualificado por moitos como de dereito e de igualdade de tódolos cidadáns ante a lei. Acabou dicíndome, case berrando, coma se eu fose xordo, que el tampouco cría nos curas. Teño que recoñecer que a min non me falta xenio, pero respondinlle moi comedido, que nos curas tampouco creo eu, porque teño un moi preto de min, (eu mesmo), que non me merece toda a credibilidade que sería de desexar. Ó sumo aspiro a merecer que me crean polo que digo e fago como medio para chegar a creren en Deus. Se en lugar de crer en Deus alguén crese en min sería un idólatra ou un crente nun deusiño moi raquítico.

¿Como podo crer cegamente na xustiza á que pintan cos ollos tapados, non sei se é porque ela non ve o que vemos os outros, ou se será para que non chegue a ver o que debería ver? Poñamos por caso; agora recentemente o Doutor Morín, especialista en abortos máis ou menos atrampullados, despois de ser instruída a súa causa nun xulgado de prestixio e de que o ministerio fiscal competente pedise para el 272 anos de prisión, resulta absolto pola Audiencia de Barcelona, ou sexa dun país desta España nosa, pero máis duns ca doutros. Se Barcelona xa fose parte do estranxeiro outro galo cantaría. ¡Canta frustración debe supoñer para o xulgado instrutor e para o ministerio fiscal ver como se esfuman na Audiencia da Cidade Condal os case trescentos anos que se pedían!

Ante acontecementos semellantes cabe non desesperar e manter a dúbida de que todos os presuntos culpables da Operación Rei poidan volver a ser considerados como presuntos inocentes e declarados logo inocentes de pleno dereito. ¡Ogallá así sexa!, sen por iso menosprezar o traballo de investigación realizado ata agora e o esforzo por descubrir corruptelas noutros 27 concellos da provincia de Lugo. ¡Menos mal que a operación Rei tamén pode estenderse a condes, duques e marqueses!. Así consolámonos con “Mal de moitos...”

Non me podo facer unha idea completa das conclusións a que se chegou na instrución desta causa, debido a que, se non me falla a memoria, e conforme ao que se publicou, fálase dun procedemento abreviado no que se recollen esas conclusións en cento e pico folios. Como non creo que haxa humano capaz de resumir de xeito exhaustivo en dúas páxinas dun xornal nin en poucos minutos dun noticiario televisivo eses máis de cen folios, e como non podo tampouco pretender saber o que sae nas escoitas telefónicas baseándome só en dez ou doce frases publicadas, entresacadas polo que din de meses de escoita, ¿como vou poder emitir xuízo fiable de condena destes presuntos implicados se quero respectar o dereito á presunción de inocencia que os ampara?

Dicía tamén no escrito anterior que me sinto solidario con todos os da Operación Rei porque eu mesmo non estou libre de corrupción sobre todo no referente a tráfico de influenzas. Confeso que teño pedido máis dunha recomendación para outros. Creo que non para min, aínda que dende a agonía do franquismo algún dos que responderon con cartos públicos ás miñas peticións de axuda para as parroquias que me toca servir, cresen que tiñan dereito a comprarme e a que lles devolvese o favor en votos, que xa me dixo un amigo que hoxe valen máis dous votos ca antes catro xamóns.

A isto debo engadir que, se rezase por teléfono e este estivese “pinchado”, poderían imputarme por rezar por necesidades de amigos, de fregueses e da humanidade, (pedindo por exemplo luz para que os médicos atinasen no diagnóstico e nos remedios dalgunha enfermidade ou que os gobernantes tivese suficiente sensibilidade para remediar a fame). Poderían imputarme e acusarme, se cadra, de tráfico de influenzas nada menos ca con Deus. E se algún funcionario competente, (ou incompetente), transcribise esa oración e recortase a transcrición, poñamos por caso, polo “Dános hoxe o noso pan de cada día”, por non considerar de interese para a investigación da imputación o resto da oración, poderían acusarme de prevaricación, falsidade e fraude por utilizar unha oración incompleta e, polo mesmo, probablemente nula. E se algún deses polos que rezo tivese a virtude de ser agradecido por ben nacido e quixese que lles aceptase algún agasallo como mostra de gratitude, poderían acusarme de cohecho ou soborno.

¡Que difícil debe ser impartir xustiza con obxectividade! E supoño que será especialmente difícil cando o que ten que xulgar ou instruír as causas ha de fixarse por imperativo legal máis no negativo para culpar ca no positivo para des-culpar. Quédame aínda para outra entrega, así que: Ata logo se Deus e vosoutros queredes.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES