Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vaise pechar outra casa máis

viernes, 01 de febrero de 2013
En Castro de Rei, o pasado domingo, houbo representación teatral dos Baluros, ese grupo de teatro que inventou Xosé Manuel Carballo hai trinta e tantos anos, e que representou obras xa lexendarias como “O menciñeiro á forza”, “Vaise pechar unha casa mais”, “Dous vellos e unha sóa soidade” , “Recobrou o sorriso o Eleuterio” e “Bo Nadal”.

O que pasou este domingo foi histórico para Castro de Rei e para Lugo, especialmente no eido do teatro, porque Os Baluros, os mesmos de hai trinta anos, ofreceron a representación número cen de “Vaise pechar unha casa máis”, obra que entón escribiron Xosé Manuel Carballo e Xulio Pita, crego e labrego, man a man, para representar o problema do abandono do noso rural que daquela chegaba á súa fase crítica e agora cristalizou estrepitosamente.

Para saber o que son cen representacións dunha obra de teatro hai que ter tido contacto co teatro afeccionado. E eu fixen tres obras: a primeira en Vilalba, unha representación; a segunda en Lugo, dúas representacións; e a terceira en Lugo, unha representación.

Na representación en Vilalba, en xaneiro de 1964, estaban Carlos García Fraga, que eu lembre agora, e o xa falecido Domingo Somoza, que era o director.

Cen representacións dunha obra de teatro afeccionado fan historia, din moi claro como son estas xentes de Castro de Rei, como toman en serio o seu traballo, como é de enérxico ese cura ilusionista e ilusionado que os dirixe, e que forza ten dentro xente como Xulio Pita, que se ten que ir cedo das actuacións culturais porque hai moitas vacas que muxir na súa explotación gandeira.

Non puiden estar na representación e ben que o sinto, pero prometinlles, morte en fóra, que irei ver a número cento un – que tampouco é un mal número- o próximo tres de marzo, tamén no Teleclub de Castro de Rei.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES