Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pasado e futuro: Desdén e fetiche

viernes, 01 de febrero de 2013
Nalgunhas colaboracións, neste medio, puxemos de relevancia a importancia que nunha sociedade sosegada ten manter en equilibrio, no presente, o pasado, acochado na experiencia das xeracións máis vellas, e o futuro, catalizado co impulso, máis ou menos moderado, das novas xeracións.

Dende a miña perspectiva dun ancián que xa recorreu as distintas etapas da vida, podo xulgar aqueles erros que semellaban insignificantes coma causantes de verdadeiras catástrofes sociais, e albiscar un futuro fusco e prometedor, a vez, con nubes ameazantes de tormentas e espazos nidios que auguran a realización dalgunhas esperanzas. Polo tanto, dabondo confuso.

Vostedes, amigos lectores, cadaquén, outeando dende a súa cume, estarán, ou non, en desacordo coas miñas apreciacións, dispostos a despachalas cun xesto de desaprobación, de dúbida ou de asentimento. Por iso débolles a achega de razóns. Ponderar o alcance das mesmas só lles corresponde a todos menos a min, que xa me pronuncio facendo uso delas.

Non podo evitar a sensación de que esta nosa sociedade está azoutada por innumerables “revolucións”, porque cada cidadán ten a súa, e REDUCE o presente, sen darlle tempo a ofrecer espazo abondo para xulgar correctamente o pasado e as alternativas que asoman polo futuro.

Temos presa, moita presa, e todos quixéramos ver xa acadadas as realizacións das nosas revolucións agora, no presente, e como isto corresponde ao futuro, incluso a realización das revolucións que marcan época, o que estamos a facer é “futurizar” o tempo dos proxectos, desacougándoos, facéndoos vítimas dunha certa FUTUROLATRIA: Todo o pasado é, cando menos, obxecto de indiferencia, se non é detestable. As ilusións están nun futuro en ruptura, con solución de continuidade co pasado e fugaz co presente.

Así, as revolucións persoais quedan engulidas pola fascinación dos éxitos, albergada no inconsciente de cadaquén, sen base, sen estrutura, impertinente cos verdadeiros obxectivos, avivando as incertezas dun mar de opinións que non se aclaran, e xeran mellores ou peores xustificadas esperanzas no ámbito científico e tecnolóxico, coa crúa preterición do humanitario.

Queda así o futuro galvanizado contra o pasado, pois este nin tan sequera ten valor exemplar para o de agora, no que a prepotencia mestúrase coa impotencia, a soberbia coas conductas esmorecidas; pero uns e outros estamos sufrindo os efectos dunha excesiva velocidade: Uns, porque non poden frear o seu galope desbocado, e os outros, porque somos incapaces de cabalgar.

Pese a toda esa arrogancia dos revolucionarios particulares, aínda é moi difícil non aceptar que ós vellos correspondelles unha certa tutela, e, sen embargo, nestes tempos a marxinación é evidente, algo que non pode esquecerse, porque as mesmas residencias (sexamos realistas...!) son antesalas, máis ou menos confortables, onde a vellez espera o seu natural desenlace da vida; pero tamén son unha clara evidencia do desprezo á experiencia do pasado, de que xa non encerra ningunha clase de patrimonio cultural digno de estima, porque xa non é o ancián o que sabe, senón a xuventude.

Non podemos evitar un sentimento de ofuscamento e azoramento ante actitudes (recorden a do ministro de sanidade xaponés...!) que nos arrebatan aquel acougo reflexivo dos nosos antepasados: Estamos inmersos e asoballados nunha corrente impetuosa, que leva consigo frenéticamente a cerna da nosa civilización, incapaces de represala nun presente tan exiguo. E desta maneira, sen a argamasa dun saber que as novas xeracións rexeitan, esfarelan as valiosísimas innovacións no saco sen fondo dun progreso horizontal. Nada madura na continuidade, nin tan sequera a froita, dende que se arrancou de presoiro o que madurara pausadiñamente.

Non se me obxecte esta xeneralización, pois aínda que hai excepcións impostas polo peso da realidade, na praxes cotián xustifícana os indicios de que os axentes dos nosos tempos esquecen que media un bo treito entre as ideas e a súa realización, e disto tamén sabemos algo “os de antes”: Os “fundamentalistas” de novo cuño non terán bastante cunha visión dende as ideas, se non consideran en serio o tempo da súa realización.

Volvo a repetir que temos presa, moita presa, e a historia ensínanos que os grandes logros da humanidade só se foron producindo a través de moitas xeracións, e cando se precipitaron os acontecementos, aqueles abortaron: Catalizar as dinámicas socias corresponde as novas xeracións, modular os tempos e aconsellar o ritmo parece que debía ser o roll dos que hoxe están nas residencias ou marxinados nas súas casas.

Hai que facer uso do GO-SLOW (ir lentamente) inglés, para evitar un molesto empacho do futuro, porque, como di un autor, “no la paz del derecho, sino la violencia cruda constituye el espíritu de nuestro tiempo” (grave, moi grave...!). E, por moito que a esperanza de Faustino Oncina Coves, da Universidade de Valencia, esteña en que “la religión vuelve por sus fueros cuando la secularización ha alcanzado su cenit y sus mártires celebran la caída de las potencias ateas”, non debemos esquecer que as metáforas, salvando o seu valor retórico, só nos serven para entendemos mellor.

Sería bo que o presente non desdeñara o pasado dende nunha atmosfera fetichista do futuro.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES