Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre a "Operación Rei": Reflexións dun non letrado (I)

viernes, 01 de febrero de 2013
O 26 de outubro do 2009 a Casa do Concello de Castro de Rei foi tomada polas forzas do orde cun inusitado despregue tanto de efectivos como de medios de comunicación para cubrir a información de evento tan sonado, sen que se chegase a saber quen os convocara ou avisara para que acudisen tan puntuais.

Eses medios espallaron polo mundo as caras e os nomes dos detidos: o, daquela, alcalde, Xoán Xosé Díaz Valiño, e os edís Ana Canto, Antonio Balado e Roberto Lorenzo. Teño a sensación de que aquel mesmo día estas persoas perderon o tan cacarexado dereito da presunción de inocencia, que din que está enraizado na Declaración Universal de Dereitos Humanos, e deixaron de ser “presuntos” inocentes para convertérense en “presuntos” culpables, porque non creo que sexa posible ser simultaneamente e ao cincuenta por cento presento inocente e presunto culpable.

Aquel mesmo día filtrouse por algunha regandixa da Casa do Concello de Castro de Rei un personaxe nin invitado nin votado: o medo, que contaminou á Corporación Municipal e quizabes tamén a algúns funcionarios co que lle é máis propio a este fillo do demo, o agarrotamento, tan mal compañeiro para gobernar un concello ou calquera institución coma a temeridade, emparentada tamén do demo.

Igualmente naquel mesmo día comezaron a filtrase por debaixo dalgunha porta o por algunha fiestra do edificio dos xulgados de Lugo, aínda que o sumario fose protexido baixo segredo, informacións que algúns periodistas sempre estaban moi a punto para recoller. E tamén aquel mesmo día os “imputados”, que non xulgados, nin sequera aínda acusados, comezaron a ter reparo en andaren por entre a xente debido á sensación de sentírense xa condenados polo pobo debido á información que a este se lle servía en nome do “dereito á información” e do “interese público”, nunca, ¡Deus nos librara!, no nome do dereito a consumir morbo, nin do interese polo sensacionalismo, nin, por suposto, polo afán de ter máis oíntes ou televidentes, ou vender máis xornais. .

O avogado e analista xurídico Oscar Cano afirma que “é unha realidade evidente, e así o confirman as enquisas, que os cidadáns españois, e especialmente os medios de comunicación, non respectan a presunción de inocencia”. Pero supoño que tamén haberá outros analistas xurídicos que digan todo o contrario, dependendo de quen lles pague, do mesmo xeito que hai altos dignatarios que din que por riba de todo cren na xustiza e logo apelan as sentenzas cando non están conformes con elas. Eu tamén creo na xustiza, como abstracción, pero desconfío moito cando vexo algunhas sentenzas, do mesmo xeito que creo na beleza mentres non me miro ó espello, o na bondade ata que fago introspección ou exame de conciencia.

Despois de trinta e nove meses das primeiras detencións, polo vinte e tantos de xaneiro deste ano 2013, soubemos que a Señora Xuíza que, cumprindo co seu deber, levou a instrución, rematara a investigación desta malfadada operación. Non me sorprende que levase tanto tempo a investigación con todo o que a Sra. Xuíza ten que facer, véndose na necesidade de interrogar a máis de corenta persoas e coa precariedade de medios en que, polo que teño escoitado, se moven os xulgados. Pero, no medio de todo isto os “imputados”, entre os que agora tamén aparece a secretaria municipal, María Xosefa Fernández Legaspi, sen seren aínda xulgados, levan 39 meses “condenados” pola opinión pública, ou, como mínimo, baixo sospeita e cumprindo pena, polo menos interna, por presuntas imputacións de prevaricación administrativa, cohecho, fraude, tráfico de influenzas e falsidade documental.

Se saísen condenados, descontaranlles algo polo que levan sufrido? E se saen absoltos percibirán algunha indemnización polo sufrimento e algunha gratificación dos medios de comunicación que se beneficiaron á conta deles?

Outro día poida que escriba algo máis sobre conversas con Valiño que non aparecen nas escoitas telefónicas e sobre algún outro aspecto deste tema, pero dende hoxe quero deixar dito que, sexan ou non culpables, solidarízome con todos eles, por seren meus amigos, por seren coma min fillos, ou no caso da Secretaria, acollidos neste Concello e, sobre todo, porque, como terei ocasión de explicar, eu tamén son aínda ben corrupto sobre todo no que se refire a tráfico de influenzas.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES