Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Racionalizar o mundo rural?

martes, 29 de enero de 2013
Compás social

Unha noticia aparentemente anecdótica pode darnos a chave dun problema de fondo. Vinteún pobos rurais da provincia de Toledo quedáronse sen Servizo de Urxencias Nocturnas; e os veciños, todos a unha, alporizáronse fronte ás autoridades sanitarias. Os medios de comunicación correron a voz coma un lóstrego. Mentres tanto un alto cargo do Ministerio de Sanidade saíu dicindo, nunha linguaxe altamente tecnocrática, que había que “racionalizar” o mundo rural, que en moitos pobos en todo o mes ninguén ía a urxencias, e que noutros casos en todo o ano non acudía máis dun 5% de pacientes. “Hai que racionalizar”, insistía o alto cargo ministerial; e que neste intre hai que recortar, quería dicir que era razoable suprimir o servizo. Días despois afirmaba a Presidenta de Castela-A Mancha que ninguén se quedaría sen Urxencias Nocturnas, que a menos de 15 minutos todos terían ese servizo, -algo case imposible-. Mais, de que forma había que “racionalizar”? Como a liorta crecía de modo exponencial e o alcalde de Tembleque denuncióu a situación, o Tribunal Superior de Castela-A Mancha deixou en suspenso, durante cinco meses, a orde de pechar as Urxencias Nocturnas. Estas reabríronse, e de momento todo volveu a calma.

Daquel rebumbio quedou dando voltas no maxín a repetida frase das autorizades: hai que racionalizar o mundo rural! A palabra máxica “racionalizar” tamén a repito ducias de veces, mais a miña idea de racionalización non encaixa co manifestado polos gobernantes responsables deste caso. Racionalizar é coma un paraugas aberto no que as varas e a tea están ben estendidas en todas as direcións, nun equilibrio tenso e estable que protexe das inclemencias a todos os espazos e estratos de cidadáns. Racionalizar ós máis débiles desde unha soa perspectiva económica, acaba sendo un fraude social inaceptable. Unha racionalización específica para o mundo rural? Aparentemente teñen razón: non se poden malgastar recursos económicos públicos nuns servizos infrautilizados. Entón, o máis razoable é surpimilos? O salto é mortal. ¿Non hai outras solucións proporcionais para ese mundo rural, nunha ampla parte agónico e cargado de persoas da terceira e cuarta idade? Onde queda a idea de servizo público para todos?

Neste remuíño de cavilacións, os feitos observados amoréanse uns tras doutros: no mundo rural español e galego, xa case non paran os trens. A telefonía fixa quedou inacabada e obsoleta, a cobertura das televisións, dos teléfonos móbiles e de Internet segue ranqueando. A educación preescolar leva camiño de nunca chegar ós últimos recantos de poboación rural. Centos de pequenos pobos quizás acadaron un polideportivo, mais non teñen nin un mal salón para actos culturais. Certo que no tempo das vacas gordas, as vías de comunicación chegaron ó último casal. O sistema de ensinanza primaria e secundaria completouse ata universalizarse en todo o medio rural, e o mesmo ocorreu coa organización do sistema sanitario. Mais agora, na marea do fluxos e refluxos das vacas fracas, o mundo rural, determinados mundos rurais, semidespoboados e empobrecidos en case todos os aspectos, van ser “racionalizados”, é dicir, están sufrindo o atallo máis curto dunha suposta racionalización: adelgazar, recortar, minimizar e suprimir sen máis consideracións. É esa dinámica da historia?
É moi probable que esa dinámica do mundo rural se faga máis extensiva e intensiva nos tempos próximos, cando calle a reforma político-administrativa das administracións locais. Na Galicia rural, despois do murchamento das parroquias virá a languidez de moitas pequenas vilas e núcleos rurais. Aparecerán moitos máis eidos en litixio, que afectarán a base da sociedade rural e daránnos a medida da racionalización ideada e defendida pola trindade dos principais actores sociais: os medios de comunicación, os partidos políticos e o sistema xudicial. É un destino fatal? Non, é o froito de moitos anos dunha política errática, que agora “racionaliza” marxinando...
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES