Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Apoio a David Reboredo

miércoles, 30 de enero de 2013
Levamos demasiado tempo vivindo no país da estupidez. Vivindo nunha democracia con normas que o pobo considera moitas veces absurdas e fora de sentido. Isto é así porque desgraciadamente estamos nun sistema cada vez máis oligárquico e a igualdade de oportunidades (defendida en distintas leis) converteuse nun marco teórico sen proxección práctica. O máximo expoñente do dito é o feito de que, se algunha vez a xustiza foi cega, o capital devolveulle a vista. Despois disto todo é cuestión de poder, de arrimarse ao pau axeitado e vivir.

Estes días asistimos con estupor e indignación á denegación do indulto de David Reboredo, que xa ingresou no cárcere por incautárselle no seu día dúas papelinas con 4 gramos de heroína. Na actualidade David está rehabilitado e incluso é partícipe e colaborador de actividades de traballo social. Mais parece que isto non chega para conceder un indulto que en cambio si merecen, segundo o goberno, os “mossos de esquadra” acusados de tortura ou os múltiples prevaricadores e estafadores que hai neste país. Neste país do que queren que nos sintamos orgullosos.....

Pois ben, hoxe teño que dicir que sinto vergoña de pertencer a un país no que sempre gañan os poderosos sen ética nin conciencia. Sinto vergoña de pertencer a un país no que é delito roubar para subsistir e non para enriquecerse a conta do erario público. Sinto vergoña de pertencer a un país no que hai xente que paga un erro toda a vida e xente que goza de prestixio sendo propietario dunha vida de despropósitos. Sinto vergoña de pertencer a un país que consinte indemnizacións millonarias como pago a quen xoga co aforro e cos soños da xente. Sinto vergoña de pertencer a un país que mantén as formas da dialéctica e logo non responde a esas formas cunha actitude digna dunha democracia.

Volvendo á historia de David débese ter en conta a situación dun pai invidente que o necesita, e ao que David coidaba antes de ingresar no centro de A Lama. Non son estas probas de rehabilitación? Gustaríame saber as probas de arrepentimento que deron os “mossos de esquadra” acusados dunha tortura gravada en vídeo.

Apoio, claro que apoio! A David Reboredo. Porque el demostra que se pode cambiar, que se pode saír do erro e facer outra vida. Polo tanto, el e moitos que loitan por integrarse nesta sociedade, son o exemplo de que podemos ser outra cousa; pero probablemente nos sobre determinada xente que está agromando a costa de pisar a moitas persoas, e que sabemos que nunca cambiarán. A eses, que probablemente nunca pisen un cárcere, eu xamais os indultarei na miña conciencia.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania