Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dona Diáspora ten unha débeda cos fisterráns

lunes, 28 de enero de 2013
A nosa vella emigrante non quere retirarse sen antes arranxar unha débeda sentimental que ten cos fisterráns en Arxentina. O seu oficio de costureira honoraria das morriñas exteriores non lle permite ir ao areal de Piriápolis sen corrixir un esquecemento que a ten alporizada.

Está decidida a facer todo o que poida para lograr que o mariñeiro fisterrán Manuel Olveira reciba a honra e o recoñecemento que se merece no concello que o viu nacer. O heroe da “Guerra das Malvinas” morreu o 10 de maio de 1982 cando o buque mercante arxentino “Isla de los Estados” ía navegando polo estreito de San Carlos. O barco foi atacado pola fragata británica “HMS Alacrity” a unhas dez millas de Puerto Mitre. Os disparos dos covardes militares da Royal Navy afundiron un navío civil que estaba cumprindo o seu labor de transporte de mercadorías --mediante un acordo anglo-arxentino-- entre portos da Patagonia e portos das Malvinas.

O noso mariñeiro que nacera en Fisterra en 1934 foi quen de axudar a salvar varias vidas de compañeiros de singradura antes de afogar no frío mar patagónico. O seu corpo nunca apareceu aínda que os arxentinos e galegos que navegan por aquelas farturentas augas din que o seu espírito solidario os acompaña e protexe diante de calquera contratempo.

O valente Olveira recibiu distincións e homenaxes por parte das autoridades arxentinas e dos veciños do seu barrio. Foi condecorado pola Armada coa medalla ao mérito; o seu nome figura gravado no cemiterio onde repousan os caídos arxentinos en Darwin; unha illa malvinense foi bautizada como “Isla Olveira”; unha plazoleta e un monumento en Lanús cunha placa que di: Manuel Olveira, un gallego enorme. A súa segunda patria non o esquece. Agora é o berce fisterrán o que axiña deberá actuar e poñerse coa cerimonia conmemorativa.

O vindeiro 10 de maio haberá que estar atento aos sons que veñen do Monte do Cabo. En toda a vila escoitarase o canto melodioso dun zorzal patagónico que cruzou o mar para testemuñar que o lle dixo o seu amigo Olveira sobre que non hai nada mellor que ser fillo da garimosa nai Fisterra. O mensaxeiro cantareiro volverá de présa cun par de poemas no peteiro que envían ao sur dous solidarios creadores chamados Alexandre e Modesto.

Dona Diáspora vai ter que viaxar. As novas tecnoloxías non poden substituír ao encontro persoal coa fisterrá Fina en Puerto San Julián [Santa Cruz]. Aínda que seus seu ósos van frouxeando terá que aproveitar o verán austral se non quere entalar coa friaxe dos ventos patagónicos. A emigrante Fina é unha das fillas pequenas de Josefa Castro Traba e leva desde o 28 de agosto de 1958 na Patagonia. Non hai ningunha persoa máis autorizada ca ela para falar co alcalde Traba Fernández e comezar a reparación do esquecemento.

Os que non coñezan a Fina poden informarse sobre a súa historia emigrante no libro “Yo, emigrante” que coeditaron na capital arxentina as asociacións de Santa Comba e Zas. O carácter de Fina irradia optimismo. No mes de abril cumpre anos e quere festexalo en Fisterra para logo en maio estar presente na homenaxe a Manuel Olveira. Cando veña haberá que preguntarlle polo seu primeiro día de clase no colexio de “María Auxiliadora”, unha experiencia inesquecible que a marcou para sempre.

Dona Diáspora coñece aos fisterráns e sabe que o esquecemento con respecto a Manuel Olveira non é intencional. A xente de Fisterra forma parte dun grupo humano moi especial que posúe unha alma enteiramente ateigada de identidade. Son nobres mariñeiros que comparten en irmandade de emocións as súas singraduras interiores e exteriores polo mundo adiante. Ningún fisterrán considera que os seus lindeiros estean en Muxía polo norte ou en Cee polo leste. Disque no mar non hai hórreos xa que o pan de millo vai na escuma das ondas que son irmás destes antigos pastores de ventos e tempestades. Por iso é que non consideraron necesario lembrar a Olveira cunha placa. O heroe das Malvinas vai vixiante na proa da gamela abrindo roteiros e recitando un poema dun fillo da emigración en Bos Aires -Carlos Penelas- que foi engaiolado pola maxia fisterrá: “Desde el corazón / viene el mar. / Desde el aire y el viento / viene el mar.”
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES