Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Faneca

lunes, 28 de enero de 2013
Finou en Foz un benquerido conveciño: boa persoa, popular, solidario e reinvicativo, sempre dende a mesura e o respecto; membro de saga familiar de histórica vocación mariñeira, á que él, por problemas de saúde, tivo que renunciar, pero que pasou a vida inmerso na problemática e as vivencias do oficio.

Era o do mar, social e anímicamente, o seu mundo, o da súa querencia. Foi ruleiro na lonxa focega. O nome no DNI, Xosé Fernández Rouco, non todos o coñecían, porque na vida real era Xosé de Socorro.

Partícipe en toda iniciativa social, lúdica ou cultural, sempre presto a colaborar; amante da literatura e a música. Poeta popular, creou o personaxe Faneca, a través do que deixou un aleccionador relato da Sociedade, dos usos e costumes, e das carencias dramáticas dos anos da súa crianza, na posguerra incivil.

De Faneca dí o autor: “…era un rapaz/ que naceo antes da guerra/ e pasou na súa vida/ algo mais fame que chea”. En 1979 publicou Faneca I, primeiro libro en galego editado en Foz. Nel dí “Quizais debido aos estudos/ que de neno recibín/ non debera astreverme/ nunca este libro escribir./ Pero é tanta a ilusión/ que dende pequeno teño/ que quizais esta mesma/ pechoume as portas do medo”.

Algúns poemas : A Escola de Faneca, Aventuras de Faneca, A Camisa de Faneca, A Virxe e o Mariñeiro, Mareaxes, Cousas do Pobo, Os Reis Magos e os pícaros, A Mocidade de antes, A “sorna” do garabelo, A rúa do Mariñeiro Chila, O caldo do maragoto,O cine nos tempos de Faneca, As carolas…

O deterioro senil, que a todos nos afecta, fixo que Xosé ingresara no xeriátrico de Xove. Hai uns meses, na compaña dun amigo, visitámolo. Saímos tristeiros do encontro. A mente de Xosé, extraviada, vagaba por galaxias ignotas: non nos recoñeceu.

Coa ilusoria esperanza dun xesto que amosara sinal de consciencia, recitamos uns versos que él mesmo escribira, por se servían de estimulo a unha mínima reacción. Dímonos por vencidos cando ao falarmos de Faneca, fillo do seu numen, amosouse alleo por completo. Xa non era o seu mundo. Lembranzas para o home bó; bó focego, bó amigo…
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES