Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Partidos, á luz de Etzioni

jueves, 24 de enero de 2013
Reiterando o xa dito, penso que vai sendo hora de deixar en paz esas posturas políticas que, segundo os acollidos nas filas respectivas, acompañándoas dun termo, dereita/esquerda, quedan purificadas e sacralizadas nos seus medios e xustificadas nos seus fins, anque só en teoría e en termos máis ben dialécticos, pero coas que nin sequera moitos dos afiliados se senten identificados, como evidencian algúns comportamentos.

Hai tempo que un grupo de intelectuais busca afanoso o que se coñece coma TERCEIRA VÍA. E incluso algún deles, como é o caso de AMITAI ETZIONI, titula así unha das súas obras: “The Third Way to Good Society”, Demos, 2.000, London. En español: “La tercera vía hacia una buena sociedad: propuestas desde el comunitarismo”, Ed. Trotta, 2.001. Digamos algo acerca del.

É un sociólogo alemán, que naceu en 1.929, estudou en Xerusalén, mantendo contacto con Martín Buber, traballou no Departamento de Socioloxía da Universidade de Columbia (Nova York), é profesor na Harvard Business School, e pertenceu ás administracións demócratas dos presidentes norteamericanos Jimmy Carter e Bill Clinton. En España foi coñecido pola labor da Sociedade Española de Socioeconomía.

O evidente fracaso do neoliberalismo (o seu maior éxito e puxanza esgótase en periódicas crises) e os efectos do derrubamento do comunismo en Europa deixaron un espazo de patoloxías sociais, que se resisten aos tratamentos do libre mercado e tamén as medidas estatais. Neste marco, xurde o COMUNITARISMO, unha filosofía política que non lle pon noxos ao pasado, ao que recúa na procura de valores morais e de certas institucións (hoxe debilitadas pola insensatez ideolóxica e partidista) fundamentais na desexada cohesión e vertebración social.

Os tratadistas distinguen dúas formulacións do “comunitarismo”: Uns, máis críticos co liberalismo, como Robert Bellah, e os outros, máis conciliadores, que tal é o caso de Amitai Etzioni, quen afirma que algunhas sociedades perderon o equilibrio, a necesaria calma e o sosego, debido as CONSECUENCIAS ANTISOCIAIS DA LIBERDADE EXCESIVA, e, pola contra, pon en contraste certas sociedades contemporáneas asiáticas e de Medio Oriente, como vítimas dun excesivo orden. Isto indúcenos a pensar que o fundamento da Terceira Vía ha de estar nunha especie de “homeostasis” social entre a autonomía e o orden. Tal vez aos nosos partidos, que non teñen por que compartir esta filosofía, non lles veña moi mal, cando menos, reflexionala, por se puidera servirlles de paliativos nas consecuencias derivadas dos seus desnortes ideolóxicos.

Etzioni CUESTIONA esa idea tan acariciada por estes lares: que a nosa vida será tanto mellor canta máis liberdade teñamos. O seus reparos a esa ilimitada liberdade ven de que as persoas non se realizan fora dos contextos sociais e, polo tanto, hai que procurar harmonizar estes coa liberdade e a autonomía de cada un, ou... acaso os mesmos espazos públicos, por poñer un exemplo, non son para compartir?. Por suposto, iso se o permiten os botellóns, as algaradas vagabundas e a costume de ocupar as rúas con calquera propósito, e moitos outros feitos por culpa dos gobernos da quenda convertidos en silentes dictadores, que non hai que confundir coa necesaria eficacia e contundencia gobernativa.

Nin a persoa libre de atrancos éticos e sociais, nin as virtudes sociais, en teoría defendidas pola socialdemocracia e abondo preteridas na praxe, que din “plasmadas na sociedade ou o Estado”, son consideradas por este sociólogo como relevantes para vertebrar unha boa sociedade, porque deben respectarse certos valores nucleares non necesariamente impostos, pero si recoñecidos, cunha autonomía individual “no contexto dun tecido social de vínculos e valores”.

Son precisamente as diversas institucións sociais que hai nas comunidades as que tecen eses vínculos - con liñas determinadas polos valores - tales como a FAMILIA, a ESCOLA, etc., sen excluír as distintas asociacións de iniciativa privada, que integran todo un sistema de valores morais, a modo dunha infraestrutura moral da sociedade, que os partidos políticos contemporáneos non son capaces de utilizar convenientemente para potenciar os lazos comunitarios, senón, preferentemente, para impoñerlles matices partidistas e ideolóxicos, dun ou doutro signo, coma unha especie de sucursais da destra ou da sinistra, sempre tan afeccionados eles a deixar ben estampado o seu selo.

Os valores, cuxa importancia e relevancia tanto subliña Etzioni, non parece que estean nas preferencias dos xestores nas sociedades dos nosos días.

Explícome: Non considera este autor que a sociedade poida ser verdadeiramente comunitaria cando se enche de leis, é dicir, cando hai un predominio de conductas sociais con regulacións lexislativas dimanantes de diversas fontes de embarulladas competencias: Para el a voz moral debe ser un marco non só referente, senón, principalmente, acoutante.

Pero...qué se entende aquí por “voz moral”?. Se non me equivoco, para Etzioni a “voz moral” é unha motivación que aguilloa as persoas para que incardinen nos seus comportamentos os valores. Estamos, por tanto, en presencia duns móbiles (cando quen aguilloa é a nosa propia conciencia) ou duns motivos que encontramos no seo da comunidade, fora de nosoutros.

Nos móbiles ten un importante papel que xogar a educación; os motivos, xurdidos dos chamados MEGÁLOGOS (cando as “sociedades enteiras... se involucran en diálogos morais”), incluso poden levar a introducir cambios en valores compartidos. Pon un exemplo: No deterioro do medio ambiente compartimos uns valores que teremos que cambiar se queremos corrixilo. A nosoutros non nos resultan estraños hoxe en día os cumios acerca de cuestións ecolóxicas.

Considera tamén, como xa apuntamos, que a educación é básica en toda sociedade, pero decisiva nunha comunidade, sobre todo nos períodos iniciais da vida, e principalmente no CONTEXTO HISTÓRICO CONTEMPORÁNEO; pero...por qué neste contexto?. Porque AS FAMILIAS SERVEN CADA VEZ CON MENOS FRECUENCIA A ESTA NECESIDADE FUNCIONAL. (Copio literalmente). Aínda máis: Defende un currículo compartido e limitado, xa que os currículos de alcance nacional deben manter un marco de referencia único, no que deben estar presentes os valores compartidos, non só a diversidade de culturas.

Deixa moi claro que o núcleo de valores e o desenvolvemento do carácter son primordiais para formar ás persoas que van a conformar o que denomina “boa sociedade”. “Formar o carácter”, para Etzioni, equivale a aportar experiencias que habiliten para actuar civil e moralmente: autodisciplina, para controlar os impulsos antisociais, e empatía, para facilitar o respecto ós demais.

Isto é de sentido común, se non fora que frecuentemente esquecemos que a educación constitúe a base sobre a que hai que edificar as reformas sociais, económicas, políticas, etc., que, máis ben antes que despois, vai ser absolutamente necesario levar a cabo.

Polo tanto, cando cada goberno, dun ou doutro signo, manipula o ensino, ou trata de introducir métodos pedagóxicos pouco contrastados, non só está causando un grave prexuízo a sociedade, senón que tamén evidencia que descoñece as tendencias que se están a xestar na mesma e non parece tomarse en serio que a educación é unha actividade que require tempo – unha xeración, quizá dúas – antes de que os froitos das teorías pedagóxicas ou as concepcións do feito educativo sexan apreciables.

Sirva como exemplo destas tendencias a Carta de Cidades Educadoras. Trátase do seguinte: No ano 1.990, celebrouse en Barcelona o I Congreso Internacional de Cidades Educadoras, recollendo nunha Carta os principios básicos que deben guiar o impulso educativo nas cidades, porque o desenrolo do cidadán non pode quedar a boa de Deus. Recoñécese a personalidade da cidade coma educadora, e aléganse razóns socias, económicas e políticas: É un reto – dise - do século XXI, porque “ a humanidade non está vivindo só unha etapa de cambios, senón un verdadeiro cambio de etapas” e hai que buscar o equilibrio e a harmonía entre a diversidade e a identidade, no seo da cidade. Poden os lectores encontrar máis información en
http://www.bcn.edcities/aice/estatiques/espanyol/sec_charter.html

E, ademais, suxírolles a lectura dun traballo de Rafael Serrano, titulado “Comunitarismo: un pensamiento político moderno”, na miña opinión moi interesante para esta temática, editado en
http://www.aceprensa.com/articles/comunitarismo-un-pensamiento-politico.posmoder...

Hai un parágrafo del que non me resisto a copiar. Dí así: “Por otra parte, para el comunitarismo, basar la vida pública en los valores no significa hacer del Estado el guardián de la moral. Lo que ocurre, dice Amitai Etzioni, es que ´se confunde el derecho a no sufrir la intromisión del Estado con el derecho, que no existe, de estar libre de escrutinio moral por parte de los que nos rodean y de la comunidad`”, páx. 3.

E considero que para estar “libre de escrutinio moral” non basta con que o pulso non trema, é preciso aplicalo tamén nos casos escabrosos, como se está facendo naqueles nos que o éxito está cantado pola debilidade dos afectados. Pero tampouco se evade dese “escrutinio” o político do PSOE, con bicoca en Europa, que se degrada nunha cadea de televisión informando que nun café de Salamanca aparecera perdido un sobre con 24.000 pesetas, dun afiliado do PP, xa hai anos, esquecendo con mal disimulado cinismo os casos de corrupción do seu propio partido.

Queren máis evidencia do desnorte deses partidos e do infantilismo intelectual político dos seus afiliados, cando o que se necesita son persoas con perspectivas elevadas?: Un, cae na imprudencia por exceso de prudencia e berrega coma aquel rapaz cheo de medo que, cruzando un campamento xitano, dicía; “pobre do xitano que me toque...!”, e o outro, “ex more puerorum”, “chívase” ao mestre da información, desbotando unha boa ocasión de lucir certa elegancia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES