Todos contra a droga
Editorial - viernes, 20 de mayo de 2005
"Proyecto Hombre" ven de celebrar en Vigo os seus doce anos de presencia na cidade. "Proyecto Hombre" ven de celebrar en Lugo un gran festival para familias e simpatizantes. "Proyecto Hombre" é un colectivo de loita contra da droga, de tódalas drogas.
A droga tivo na sociedade mundial momentos de tolerancia e complacencia cando non se coñecían os seus efectos ou non se querían coñecer. Os "felices sesenta" afogaron no "fume embriagador" que se evidenciou traicioneiro e mortal pouco despois.
Toda realidade social que esconde motivacións económicas, é perigosa. Se, ademáis, entolece, empobrece e mata, pero está rodeada - ou estivo - dunha aureola de falso progreso, de seudo-cultura, de liberación, de elitismo, o perigo dispárase.
Proyecto Hombre e outras benéficas entidades loitan a prol dos afectados pola droga, polos usuarios e as súas familias, atallando o gravísimo problema.
Pero fan falla campañas intensas e duradeiras, nos colexios e nas familias, para concienciar ós rapaces cando máis novos mellor do perigo que supón a evasión da realidade buscando eses paraisos artificiais que non son máis que a antesala do inferno, entendido este como o máis amplo sentido da palabra.
O da droga non é só tema ou obriga das institucións, das familias dos afectados, dos que a sofren máis directamente, senón cousa de todos.
Claro que está ben que xurdira hai xa anos o colectivo das Nais que capitanea a heroína Avendaño - e non é este un xogo de palabras- pero ó ser un problema que nos afecta a todos, todos somos responsables e afectados, todos estamos chamados a involucrarnos no problema.
¡Todos contra a droga! ten que ser moito máis ca un chamado ou unha pancarta. Todos contra a droga é unha indispensable postura que as institucións deben fomentar, e toda Galicia subscribir.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora