Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A devoción popular ao San Vitorio na Provincia de Lugo (II)

jueves, 24 de enero de 2013
A devocin popular ao San Vitorio na Provincia de Lugo (II) 4ª O SALVADOR DE DAMIL (BEGONTE)
A freguesía de Damil é un anexo da parroquia de Felmil. Dende o punto de vista eclesiástico pertence ao arciprestado de Trobo, da diócese de Mondoñedo- O Ferrol, e civilmente ao concello lucense de Begonte e a provincia de Lugo.
O culto ao San Vitoiro lévase a cabo nunha sinxela capela, situada na devandita freguesía. O recinto sagrado posúe un portico sostido por dúas columnas de cemento e dous piares de granito, unha nave cuberta de madeira e unha capela maior a catro augas.
No seu interior hai un retábulo neogótico con dúas imaxes: a do San Vitoiro e unha Virxe, construída por Celestino Pichín, fregués de Damil (10).
A festividade do santo conmemórase o sábado e o domingo máis próximos ao 14 de maio. Neses días acoden devotos, dun xeito preferente, da freguesía de Damil e doutras próximas, como Arcillá, Felmil, Rábade, Saavedra, Támoga, Trobo, pertencentes ós concellos de Begonte, Cospeito e Rábade. Antano, viñan fieis de comunidades máis lonxanas, pertencentes ós concellos devanditos e a outros, como Castro de Rei, Lugo, Outeiro de Rei, Vilalba, etc...

Lendas e cantigas sobre o santuario
Por medio dunha serie de lendas, a comunidade parroquial tenta dar unha explicación da orixe do santuario; da fonte do santo; da curación da sarna; e da oposición veciñal que houbo ao traslado da imaxe do San Vitoiro dende a capela á igrexa parroquial.
1ª Lenda. "Cando o San. Vitorio chegou a este lugar, sentiuse doente, cheo de sarna e ampolas, morrendo pouco despois. Mais antes de que ocorrese este feito pediu que lle construísen alí unha ermida..."
2ª Lenda. " O San Vitorio pequeno era leñador e tiña a sarna; polo tanto non podía crecer. Despois de que se lavou na fonte, recuperou a saúde e creceu, aparecendo logo o S. Vitorio máis grande".
3ª Lenda. "Hai moitos anos, un crego que atendía á capela do San Vitorio, vendeu as pólas duns carballos centenarios que había a carón do santuario, morrendo ó pouco cheo de sarna".
A súa forma oposta é a seguinte. "...o crego arrepentido polo que fixera pediu perdón, aparecendo a carón da capela unha fonte, onde puido curar a sarna".
4ª Lenda. "Hai anos o párroco destes lugares trasladou ó San. Vitorio para a igrexa parroquial no interior dunha carroza, mais as seis da mañá apareceu de novo o santo na capela" (11).
Sobre este santo, hai unha cantiga, nacida nesta comunidade, que tivo unha gran sona en moitas comunidades da Terra Chá.
“É San Vitorio un santo máis, / pero un santo pequeniño,
acunado cada noite, / polas augas do rio Miño”.

Peticións, rituais e ofrendas
Os devotos acoden, consonte é habitual, ao recinto sagrado para pregar ó santo a concesión dalgunha petición ou como agradecemento por un favor recibido. Noutrora, adoitaban encomendarse a San Vitoiro as persoas que ían facer o servicio militar e as que tiñan a sarna. No momento actual as peticións máis usuais están relacionadas coas doenzas da pel -eccemas, espullas...-, mais tamén cos males dos animais, dun xeito preferente, o gando bovino e porcino.
Polo tanto, os romeiros, tanto veñan nunha actitude de agradecemento como de súplica, cumpren cunha serie de rituais, vencellados co interior e o exterior do santuario.
En canto ós primeiros, oen a misa solemne, que se oficia á unha e media da tarde, e “poñen o santo”.
O ritual de “poñer o santo” consiste en que un fregués da comunidade parroquial pasa unha pequena imaxe do santo por riba da cabeza dos fieis, mentres recita a seguinte jaculatoria.
“San Vitorio glorioso, / por tu poder inmenso,
ayuda a este devoto, / en salud, alma y cuerpo. Amén”.
Ademais, algúns devotos tocan a imaxe do santo cos seus panos e logo pásanos por aquelas partes doentes de candanseu corpo cunha finalidade curativa.
Con respecto ós segundos, participan na procesión e realizan “o ritual da fonte”.
Ao rematar a misa solemne, saen en procesión as imaxes da Virxe e do San Vitoiro, que percorren o perímetro do santuario, levadas nas andas por devotos dámbolos dous sexos. Precedendo as imaxes de devoción, adoitaba ir unha pequena da freguesía cun ramo de flores, que era a ofrenda que a comunidade de Damil realizaba ao santo. Antano, ao finalizar a procesión, a persoa que collía o ramo comprometíase a facer a festa do ano seguinte.
Preto do santuario hai unha fonte, onde algúns devotos realizan un ritual que consta de dúas partes:
1ª. Ao comezo, os romeiros, lavan cuns panos as doenzas da pel, a saber, eccemas,verrugas...
2ª. Logo, deixan os panos pendurados dunhas árbores. Hai a crenza de que axiña que os panos van podrecendo, as enfermidades das persoas, tamén, van desaparecendo.
En canto ás ofrendas, antano, os devotos traíanlle ao santo candeas da súa mesma altura e, tamén, exvotos de cera, que representaban a unha serie de animais, como porcos e cochos, así como ao corpo humano total ou parcialmente. No ano 1986, un devoto de Lugo doou dous floreiros cunha inscrición de prata, na que figuraba o seu nome e a data na que os ofreceu: 14-maio-1986. Na actualidade, os fieis ofrecen esmolas en metálico, algunhas misas e ramos de flores.

5ª. SAN VITORIO DE RIBAS DE MIÑO (O SAVIÑAO)
Esta freguesía pertence, desde a óptica relixiosa, ao arciprestado de O Saviñao, da diócese de Lugo, e, a efectos civís, ao concello de Escairón, que forma parte da provincia de Lugo.
A veneración ao San Vitoiro levase a cabo na igrexa parroquial, que é de estilo románico do último cuarto do século XII, que consta de nave e ábsida rectangulares, con arco triunfal de medio punto e columnas salomónicas. Trátase dunha das parroquias máis ricas da comarca no axuar litúrxico, e mesmo no arquivo e biblioteca. Unha da súas xoias é a cruz parroquial de prata, de estilo rococó; tamén unha custodia en ouro e prata do século XIX; e un incensario e naveta de prata do século XVIII etc. (12).
No ano 2011 celebrouse a súa festa patronal o sábado 26 de marzo. Pola mañá oficiaronse misas na honra do santo, e os devotos realizaron diferentes rituais de contacto coa imaxe de devoción: “Poñer o Santo”, tocar coas súas mans a imaxe de devoción e participar na procesión (13). Tamén deixaron algunha esmola en metálico nas boetas existentes no interior da igrexa, ou no intre no que o sancristán pasaba “o caixón das esmolas” entre os asistentes ao oficio relixioso (14).

6ª. SANTA EUFEMIA DE VILARMOSTEIRO (O PÁRAMO)
Esta freguesía pertence desde o punto de vista eclesiástico ao arciprestado de O Páramo e a diócese de Lugo,e civilmente ao concello de O Parámo, da provincia de Lugo.
O culto ao San Vitoiro realízase na igrexa parroquial, de tradición románica, que conserva a ábsida rectangular cunha bóveda de canón apuntada. Posue un retabulo barroco, de estípites e columnas salomónicas.
A festividade do San Vitoiro foi instaurada polo párroco de Vilarmosteiro, D. Juan Benito Quiroga, a finais do século XIX, chegando a superar en auxe ao Santo Cristo de Goián. Nos últimos anos a asociación veciñal “Lares Unidos”, organiza os días 27 e 28 de Agosto tanto a festividade relixiosa como a profana. En canto á festividade relixiosa cómpre distinguir as misas na honra do santo, os rituais de contacto coa imaxe, o ritual de “poñer o santo” coa imaxe pequena do San Vitoiro, e finalmente a procesión, na que saen diferentes imaxes de devoción como a Virxe das Victorias e Sta. Eufemia, levadas nas andas por mulleres, e San Vitoiro, levado por homes. Polo que respecta as ofrendas, hai que distinguir a esmola en metálico, que se introduce nunha das boetas da igrexa ou ben daselle ao sancristán cando se oficia a misa. Finalmente a festa profana celebrase no campo da feira do Páramo, onde orquestas variadas deleitan aos asistentes ambos os dous días.

ALGUNHAS INTERPRETACIÓNS SOBRE ESTE CULTO POPULAR
O culto popular ao Santo Vitoiro de Saa (A Pobra) e de Damil (Begonte), están ligados a lendas nas que se fai referencia á manifestación das imaxes do San Vitoiro na súa situación actual. Estes lugares, emprazados no campo, no monte e alonxados das poboacións, foron valorados como lugares de culto por medio da lenda. Esta posúe un valor de conformidade que non podería ser discutido sen cuestionar ao mesmo tempo a credibilidade da comunidade. Polo tanto, -segundo Honorario Velasco- a comunidade convírtese en testemuña comprometida dunha verdade de fe local particularizada.
Por outra banda, o territorio de graza dalgúns recintos sagrados, como os de Castillón, Damil e Saa, foi variando co tempo, ata quedar reducido a un ámbito municipal. Pola contra, o de Baralla, pese a notar un descenso de fieis, ocorre que a súa influencia é máis extensiva que a dos anteriores, xa que abrangue a concellos próximos.
Nestes espazos sagrados hai unha serie de rituais de contacto, como “poñer o santo” e pasar as mans e panos polas imaxes de devoción. Por medio destes, os devotos confían en sandar as súas doenzas debido a que se establece unha importante relación comunicativa, baseada en signos lingüísticos e corporais, encamiñados a acadar un efecto benéfico.
Ademais, a dimensión sacra transmítese ao exterior xa dun xeito directo, por medio da procesión, xa a través de elementos naturais como a agua das fontes. Námbolos dous casos, o efecto salutífero é patente. A única diferencia é que mentres o primeiro é case común a tódolos santuarios, o segundo, pola contra, só é visible na comunidade parroquial de Damil, onde algunhas doenzas relacionadas coa pel e os ollos quedan curadas.
Nesta comunidade existe a crenza de que a medida que os panos vaian podrecendo ao carón da fonte, as doenzas das persoas iran erradicándose. Trátase dun ritual baseado na analoxía, xa que a descomposición dos panos configura un símbolo de destrucción.
Así mesmo, o contacto coa auga en Damil implica sempre unha rexeneración non só porque a disolución vai seguida dun novo nacemento, senón tamén porque a inmersión fertiliza e multiplica o potencial de vida.
Respecto ás comunidades parroquiais de Baralla e San Vitoiro de Ribas de Miño (O Saviñao), o santo actúa como santo patrón, e polo tanto propicia un sentido cívico comunitario, que queda reflectido en momentos de crise da comunidade como doenzas, defuncións e todo tipo de problemas que poidan afectar á parroquia no seu conxunto.
Non embargantes, o santo posúe, tamén, unha área de influencia sobre o exterior. Esta maniféstase en canto a súa operatividade, reflectida nas curacións e solucións de problemas que foi levando a cabo ao longo da súa historia.
Por outra banda, cómpre advertir que as celebracións relixiosas nos referidos re cintos sagrados compleméntanse case sempre cunha dimensión laica e profana na que os fieis en xeral disfrutan dun tempo de lecer; mercan productos de diferente índole, entre os que hai que salientar as rosquillas; xantan unhas racións de polbo; e atenden, nas casas de seu, aos invitados cun bo xantar. Logo, á noite, é o tempo para bailar unhas pezas.
Finalmente, a desagrarización destas comunidades, fenómeno que podemos transpolar a case toda Galicia, vai levando paseniño ao abandono dunha relixiosidade ligada a un tipo concreto de sociedade. Mais, sempre seguiran existindo pervivencias desta relixiosidade dende o intre en que as doenzas coas que se acode aos santuarios teñen un carácter xeral, e, ademais, a tecnoloxía médica aínda non é capaz de solucionar todolos males.


NOTAS
10 GONZÁLEZ REBOREDO, X.M: “Damil. Begonte. Capilla de San Victorio”, en Inventario Artístico de Lugo y provincia, T. II, M.E.C. Madrid, 1975, páxs. 284-285.
11 Reinterpretación básica dunha serie de lendas aínda enraizadas na comunidade parroquial de Damil e outras próximas.
12 Rielo Carballo, Nicanor: “Ribas do Miño (San Victorio). Saviñao”, en Inventario Artístico de Lugo y provincia. T. V. M.D.C. Madrid, 1983, páxs. 373-374.
13 A dinámica dos rituais era a mesma que a dos demais recintos sagrados.
14 Isto facíase logo da comunión.

SUXESTIÓNS BIBLIOGRÁFICAS
BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el municipio de Begonte, Lugo: Deputación provincial, 1993, páxs. 205.
BLANCO PRADO, José Manuel. Exvotos e Rituais nos Santuarios Lucenses, Lugo: Deputación provincial, 1996, páxs. 172, 183, 186.
CASTRO LÓPEZ, Ramón. Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca, Lugo: Servicio de Publicaiones Diputación Provincial. Ed. Facsímil, 2000, páx. 91.
ELIADE, Mircea. Lo sagrado y lo profano, Barcelona: Ed. Labor, 1967, páx. 112.
GONZÁLEZ REBOREDO, J.M. “DAMIL. Begonte. Capilla de San Victorio”, en Inventario artístico de Lugo y su provincia, t. II. Servicio de Publicaciones del M.E.C., Madrid, 1975, páxs. 284-285.
RIELO CARBALLO, Nicanor. “ CASTILLÓN (San Vicente). Pantón”, en Inventario artístico de Lugo y su provincia, t. II. Servicio de Publicaciones del M.E.C., Madrid, 1975, páxs. 90-91.
VALIÑA SAMPEDRO, Elías. “BARALLA”, en Inventario artístico de Lugo y su provincia, t. I. Servicio de Publicaciones del M.E.C., Madrid, 1975, páxs. 176-177.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES