Ao pé dos meus cabezales
Santalla, Iago - miércoles, 23 de enero de 2013
En 1880 Rosalía de Castro publica Follas Novas, quizais sen saber que no fermoso libro viña o misterio ou quizais a metáfora máis grande da cultura galega, e da propia historia de Galicia: a Negra Sombra. A beleza do poema está fora de toda dúbida, incluso poderíase dicir que é obxectivamente fermoso, capaz de anegar todos os corazóns que se abren a transitar polas súas verbas.
En catro estrofas, Rosalía resume a súa historia persoal, que era e segue sendo (por desgraza) a do noso Pobo: a desa Penélope eterna que non chega ao leito compartido do seu Ulises, tecéndose e destecéndose por el para non merecer outro amor máis que o que lle é propio. Esta metáfora levouna, tamén de xeito acertado, á poesía Xosé Díaz Castro en Nimbos cando escribiu aquilo de un paso adiante e outro atrás Galicia. Para min Penélope e a Negra Sombra son dúas formas de falar da parálise; dese horizonte merecido que nunca chegamos a tocar, aínda que gastemos os días en asentar os chanzos que nos levan cara el. Como ben di Xosé Díaz Castro, aran os bois e chove. As metáforas da Negra Sombra e de Penélope son dúas rotondas que temos que vencer, no colectivo e no persoal.
A Negra Sombra oculta en realidade o verdadeiro xenio dun pobo que ten todo para ser e non é. Temos moito que dar ao mundo, somos únicos e facemos cousas únicas que deben ser valoradas por nós mesmos e exportadas.
Mais para librarnos das Negras Sombras colectivas temos que afastar as Negras Sombras individuais. Queda prohibido destecerse, perder o tempo en erros irremediables dos que só resta aprender. Temos que perdoarnos a nós mesmos e seguir no camiño da nosa liberdade. As almofadas da noite deben servir para gardar soños e non bágoas, se soñamos libres libres seremos, e por libres capaces de construír unha sociedade digna de ter por nai a Rosalía.
Hoxe máis ca nunca sufrimos a mofa da Negra Sombra cunha forza furibunda. Quizais haxa tantas negras sombras como rostros ten esta crise; pero cabe recordar que Rosalía, a pesar dunha vida triste, complicada e curta, deixounos outros poemas cheos de esperanza: ¡Ánimo!, compañeiros toda a terra é dos homes, dicíalle aos emigrantes.
En nós reside o porvir, a capacidade para construílo e a forza para rematar o manto de Penélope e vivir no día do amor. Galicia pode ser outra cousa, como dixo Uxío Novoneyra, só temos que ter azos de futuro e poñer as nosas forzas na construción dunha sociedade sostible e para todos. Nesa sociedade, a Negra Sombra seguirá sendo a mellor metáfora do noso xenio, mais non terá unha proxección real.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora