Cetáceos á vista!
Fernández, Suso - viernes, 18 de enero de 2013
A chegada días pasados dun cetáceo á praia dos Castros, no concello de Foz, foi motivo que espertou a atención dos medios e tema de conversa entre a cidadanía, ávida de asuntos afastados dos cotiás de políticos, banqueiros e demais corruptos, que se acubillan baixo o paraugas xenérico da crise.
Cando feito desta índole se produce, os focegos activamos a memoria histórica e recuamos mais dun século para lembrar cómo o 2 de febreiro de 1908 apareceu en alta mar, preto da barra, algo parecido a un barco coa quilla boca arriba, dende a que aparentaba que uns homes pedían auxilio.
Saíron un par de lanchas e, xa fora da barra, decatáronse de que o semellante a un barco envorcado era unha mole similar a unha balea morta que viña cara á ría e o que se tiña por petición de auxilio eran gueivotas que se pousaban sobre o lombo e se erguían ao cubrilo o mar.
Ataron un cabo a unha aleta do monstro e remolcárono ao punto da praia chamado Pena do Carbón. A balea medía 20 m. de longa; 10 de circunferencia; 4,50 m. a mandíbula e 6 m.a boca. O volume é tan considerable- dí a crónica- que no ventre caben dous bois grandes.
Calcúlase o peso en 30 Tm. e crese que producirá uns 150 barrís de aceite cun valor dunhas dez mil pts. (sirva como referencia, que esa era a cantidade aprox. que Noriega Varela, mestre en Fondós, cobrou polos dez anos que durou a súa estadía na mesma).
A afluencia de curiosos a Foz foi considerable.Dos pobos cercanos non quedou veciño que non fose alí. Como unha terceira lancha, mais retardada, saíra á captura do cetáceo reclamara parte no botín a punto estivo de plantearse un pleito; daí que un artigo no periódico Mondoñedo, firmado por Un abogado de secano explicara xurídicamente que non procedía tal reclamación. O comentario remataba: O triste para Foz será que, capturado o fisálido naquel porto, veña a soltar a graxa a esta cidade
No limpado e acondicionamento do cetáceo participaron 20 homes como testemuñan fotos que poden verse nalgúns establecementos. Como curiosidade sinalar que a persoa que transmitía a información, moi polo miúdo, ao xornal era Camilo Cela, o pai do escritor e Premio Nóbel, á sazón Administrador de Aduanas na nosa vila, onde era correspondente do periódico.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora