O soño comanda a vida
Santalla, Iago - miércoles, 16 de enero de 2013
Dicía Manuel Freire, cantor portugués en tempos difíciles e de esperanza, que o soño comanda a vida. E dicía tamén o noso Castelao que os soños primeiro e as ideas despois, crean feitos históricos. Debe ser certo pois, que o futuro das épocas de incerteza está nos soños. Nos soños fundamentados en todo o que temos ao noso alcance, en todo o que podemos mobilizar por nós mesmos para saír adiante. Temos que ser capaces de soñar en individual e en colectivo xa que os nosos soños poden e deben ser vida para moitas vidas. Porque, de acordo con Castelao, do soño sae a idea e o obxectivo que temos que materializar para cambiar a nosa propia situación e contexto vital.
O soño comanda a vida porque é o verdadeiro motor da evolución humana; e a evolución humana é a verdadeira historia do imposible. Probablemente os nosos bisavós alucinarían se tiveran a oportunidade de vivir un día na nosa realidade; mais esta realidade foi posible grazas a que alguén a soñou e ergueuse do leito día tras día co único fin de loitar por ela. Refírome aos avances científicos e tecnolóxicos, mais tamén sociais. Ningún deles sería posible sen a fe e o esforzo infindo de quen pouco a pouco os fixo realidade.
Pódese dicir que o leito é o primeiro alicerce do progreso humano. Despois só resta compartir, para saber que os soños seméllanse moito, polo tanto poden ser colectivos ou colectivizados. Estou seguro que neste país hai moitas persoas soñando camiños que non só son posibles, ademais son imprescindibles para saír deste ciclo en mans solidarias.
Neste tempo ficou claro que o país segue en pé por obra e graza da súa exemplar e humilde cidadanía, que quizais debe tomar a decisión de soñar outra clase política á súa altura. Como dixo Manuel Freire no fermoso poema:
Eles não sabem nem sonham
Que o sonho comanda a vida
E que sempre que o homem sonha
O mundo pula e avança
Como bola colorida
Entre as mãos duma criança
Pois que non sigan falando de non poder, de dificultades, de parálise, de castigar ao inocente, de procurar a fuga dos culpables, de recortes que limitan a humildade dos que nada teñen. Un goberno ou goberna para a cidadanía ou debería ter a dignidade de irse polo seu propio pé. En fin, nós seguiremos soñando para que o mundo pula e avance, mais hai cousas e xente que non merecemos, e temos dereito a soñar unha realidade na que non lastren as nosas ás. Soñemos, soñemos sen parar, os nosos devanceiros ben o merecen.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora