Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desmantelando a sanidade pública

martes, 15 de enero de 2013
Na “axenda oculta” do Partido Popular había un obxectivo principal: ocupar o poder para desmontar desde dentro, como troianos, o Estado de benestar, construido nas últimas décadas con tanto esforzo colectivo e que constitúe un elemento básico para garantir a cohesión social e a igualdade de oportunidades. Mais a facción ultraliberal que nos goberna non cre na igualdade das persoas e desconfía do sector público. Agora están a executar os seus plans sen disimulo, sen que lles importe o sufrimento provocado. Non é certo que non se poida soster o Estado de benestar. O profesor Navarro recorda que España gasta neste terreo menos do que podería: “O PIB per cápita é o 94% do promedio dos países da UE-15, mentres que o gasto público social é só o 72% do promedio”.

Pero o PP, en vez de tentar aumentar os ingresos, opta por reducir o gasto, por adelgazar o peso do Estado. Así deixan máis espazo para o negocio aos grupos empresariais afíns. Nun só ano de goberno o retroceso foi espectacular. Os números cantan. Arredor de 15.000 millóns de euros xa desapareceron das contas para políticas sociais. A sanidade perdeu 7.400 millóns, a educación outros 6.400. Na prensa internacional (The Wall Street Journal, Der Spiegel) mesmo acusan a Rajoy de “saquear en silencio” o fondo de reserva da Seguridade Social no seu empeño de evitar o rescate.

No terreo sanitario o PP non só está a privatizar os servizos senon que, abusando da maioría absoluta e traizoando todos os principios democráticos, entrega diñeiro público (recadado cos impostos) a empresas afíns para producir lucro privado. Non se trata, por tanto, de externalizar a xestión nin de mellorar a eficiencia dos centros sanitarios; o que realmente persigue o PP, desde o poder, é baleirar a caixa dos fondos do Estado destinados ao benestar dos cidadáns.

A estratexia. Na sanidade hai unha estratexia, deseñada en potentes laboratorios de propaganda (Faes, Idis, Bamberg etc), financiados polas empresas que agardan obter beneficios coa desregulación e o desprestixio dos servizos públicos. Desde hai tempo veñen pregoando que a sanidade pública é insustentable, que a xestión privada é mellor que a pública e que cómpre separar financiación e prestación (queren unha financiación pública dos servizos mais que a prestación sexa privada). Estas falacias indemostradas constitúen o corpus teórico dos impulsores da privatización sanitaria.

Os feitos demostran o contrario: alí onde se implantaron estas medidas (Reino Unido, Valencia, Madrid) aumentou o gasto sanitario sen que mellorase a calidade asistencial. Os lobbys e os políticos que agora están a impoñer estas medidas (Galicia, Castela-A Mancha, Madrid) en contra do criterio profesional e cidadá, non ignoran a falsedade dos seus asertos; saben con certeza que este camiño provoca un claro prexuizo colectivo. Pero insisten: teñen claro que si se afunde o sector público terán oportunidade de facer negocio. A consultora PwC (con estreitos vínculos co PP, e onde traballou De Guindos) fixo público hai pouco un informe, “Temas candentes en la sanidad española para 2012”, no que afirma, como conclusión interesada que “en tiempos de crisis es el momento de relanzar la colaboración público-privada”.

O Real Decreto Lei 16/2012. Ao pouco tempo de ocupar o poder (abril-2012) o PP impuxo unha norma decisiva para o futuro da sanidade. Con absoluto cinismo aprobou, por vía de urxencia e sen debate parlamentario, o “RD 16/2012 de medidas urgentes para garantizar la sostenibilidad del Sistema Nacional de Salud (SNS)”. Con este decreto non pretenden garantir nada senon que, pola contra, representa un auténtico misil na liña de flotación contra do SNS. O potencial destrutivo deste decreto imposto polo goberno é tremendo.

-Recupera a figura do “asegurado”. A saúde deixa de ser un dereito dos cidadáns como garante a Lei Xeral de Sanidade (1986). Retrocedemos tres décadas, de xeito que só poderán recibir á atención sanitaria os que acrediten ter cotizado á Seguridade Social.

-Provoca a exclusión sanitaria de diversos colectivos. Actualmente están xa sen tarxeta os inmigrantes en situación irregular, un grupo moi vulnerable que non pode utilizar os servizos da rede pública, agás as urxencias. Hai autonomías que non aplican esta norma (Andalucía, Asturias, Cataluña, Euskadi), e o Tribunal Constitucional ven de avalar o dereito dos inmigrantes sen papeis a recibir atención sanitaria. Levantou a suspensión cautelar dun decreto do goberno vasco que garantía a cobertura sanitaria a este colectivo. Mais a ministra Ana Mato non cambia o seu criterio. “Seguimos pensando que el decreto vasco es anticonstitucional”, afirmou. En realidade a repercusión económica desta medida é ridícula, mentres que o impacto na cohesión social e mesmo na saúde pública é enorme. E o dano que se está a provocar non ten reparación posible.
-Introduce diversos copagamentos (os fármacos dos pensionistas, o transporte sanitario non urxente, as prótesis ambulatorias, determinados productos dietéticos etc), que veñen representar un segundo pagamento do xa financiado cos impostos. Esta medida significa un tremendo castigo para os enfermos, os vellos e os pobres. A exclusión de máis de catrocentos fármacos de uso común (antitusivos, expectorantes, lágrimas artificiais, antiinflamatorios tópicos etc) é unha carga máis para moitas familias que teñen serias dificultades para afrontar os gastos derivados da atención á saúde.

-A carteira de servizos do SNS, que ven ser a relación de prestacións asistenciais, aparece dividida en tres niveis: básico, accesorio e complementario. Esta medida, aparentemente anodina, en realidade ven sentar as bases para a futura exclusión de prestacións. Dese xeito, e atendendo ás reclamacións das compañías aseguradoras, o Estado só garantirá a carteira básica, polo que as persoas que queiran ter cobertura dos servizos accesorios e complementarios terán que contratar pólizas de seguro que cubran esas prestacións.

Mentres hai cada vez máis xente que sufre e olla o futuro con tremenda incerteza o partido gobernante non cambia o rumbo nin demostra compasión. Hai moito negocio arredor da sanidade e están a traballar para quen llo haberá de agradecer.
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

http://www.elplural.com/2013/01/08/la-prensa-internacional-acusa-a-rajoy-de-saquear-el-fondo-de-pensiones-para-evitar-el-rescate/
http://politica.elpais.com/politica/2012/12/17/actualidad/1355747839_925962.html
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES