Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas de Mª Francisca Rodriguez Cabanas

jueves, 10 de enero de 2013
Lembranzas de M Francisca Rodriguez Cabanas Mª Francisca Rodríguez Cabanas, exalumna da Uned Senior de Xestoso, acaba de publicar o seu primeiro libro, titulado “LEMBRANZAS DUNHA VIDA”.

Francisca naceu o 9 de maio de 1.930, no lugar do Ourovello, Paderne (A Coruña). Criouse no seo dunha familia labrega, formada por pais, oito fillos e unha madriña. Dende os sete aos catorce anos, vai á escola de D. Segundo, que, como era costume naquel tempo, impartía todas as clases en castelán.

Aos cincuenta anos, ve por primeira vez, unha bandeira galega. Poucos anos despois, le o primeiro libro escrito no idioma do seu país. Este feito anímaa a escribir as súas vivencias. Este libro é unha parte delas.

Segundo palabras do seu fillo, Francisco Maceira Rodríguez, escritas no limiar do libro, “é esta unha agarimosa mostra de experiencias vitais, a través de relatos fugaces, que reflexan as vivencias dunha muller nada nos anos trinta do século pasado. Lembranzas que nos levan por corredoiras antigas do Reino de Galiza. Pinceladas duras da dura vida do rural: a escola, a procura de recursos, as vodas de familiares, a cocedura do pan, os baños nas praias, os desastres da tuberculose, lembrando ás costureiras, a matanza do porco, os nacementos e a morte a través dos coñecidos, etc.

Documento etnográfico, con máis de noventa pequenos fragmentos doutros tempos que, a pesar da morriña dalgúns e dalgunhas, non volverán máis. Outra estimada aperta á Cultura Galega”.

E segue engadindo Francisco que, se algo ten claro a autora deste libro é que os acontecementos máis grandes da vida non teñen lugar nos despachos do rei, senón preto de nós: na horta, cando nace unha faba, na camposa cando se inunda de cucas, na artesa cando leveda a masa do pan...

Tampouco gusta do poder e da riqueza. Sabe que non son cousas boas, porque os homes que as ostentan tampouco o son, e porque viu moitas familias destrozadas por culpa delas. Por iso, os relatos de Francisca de Cabanas son historias humildes, de xente humilde. Xente que fala en galego para burla dos señoritos. Con historias que nos axudan a entender como eran aqueles tempos, e por que agora somos así.

Está visto que, para entender o mundo, non fai falta saír por el adiante; só fai falta sentar en calquera campón do Ourovello e disfrutar das posibilidades que este nos ofrece: as cerdeiras, os arredores cheíños de flores, a beleza do Xardín de Cabanas(naqueles tempos), as cores do Souto, a lonxanía do Coto de Cendá, a profundidade do río Lambre, o río Neto, o canto dos galos de Vilarciá...

E nós, alumnos e alumnas da Uned Senior de Xestoso, felicitamos a Francisca, de todo corazón, e tamén a súa familia, por ter unha nai, esposa, avoa, tía e irmá tan marabillosa e entrañable, cunhas cualidades e capacidade para contar historias inmellorable. Francisca escribe como fala. É engaiolante escoitala e lela. E, sobre todo, é unha persoa honesta, consecuente, cunha dignidade envidiable, orgullosa da súa orixe, da súa cultura, da súa lingua, do seu país. Ela sempre di que os vellos son “bibliotecas vivintes”. E ten razón. Ela éa, sen lugar a dúbida.

FELICIDADES, FRANCISCA!! Estamos moi orgullosos de ti, e considerámonos privilexiados por coñecerte e compartir a túa amistade.
Uned Senior Coruña
Uned Senior Coruña


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES