Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nenas e nenos na historia

jueves, 10 de enero de 2013
Falamos dos máis pequenos. Nenas e nenos tan queridos, tan coidados, tan mimados. Falamos de rapaces e rapazas. Os nosos fillos semellan cebolas cubertas de capas e máis capas de protección. De tal maneira que hoxe, increíblemente, a sobreprotección dos nenos aparece como unha forma sibilina de maltrato nas sociedades opulentas.

Vemos rapaces coa mochila ben cargada de chintófanos, móbiles, pantallas, cartos. Teñen moitísimo máis, pero non son moitísimo máis felices. E dase o paradoxo de que estas xeracións, as máis estimuladas da historia, poden chegar a ser as máis desmotivadas.

Damos hoxe unha importancia desmesurada á infancia, pero non sempre foi así. Se botamos unha ollada á Historia vemos que antonte, no século XIX, non existía a infancia. Eran os nenos pequenos homúnculos que só o tempo enchería de contido. Cascas de muller podían ser as nenas, aínda con menos importancia que os nenos.

Na tradición da que vimos, Grecia e Roma, tampouco tiveron un papel protagonista. Máis ben foron invisibles. Esa invisibilidade continuou ao longo dos vinte séculos de historia cristiá. Invisibles os nenos, inexistentes as nenas, coa salvidade plástica do Neno Xesús, por razóns obvias. E algúns anxos pequerrechos para encher os recunchos escuros dos grandes cadros e outras turbias pulsións.

Hai que chegar ó século XX, e sobre todo á segunda metade do século XX, para que nenas e nenos pasen de invisibles a omnipresentes. Hai algunhas boas razós. En 1959 prodúcese a Declaración Universal dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. E aínda máis relevante pola súa virtualidade práctica foi a Convención dos Dereitos da Infancia en 1989. Curiosisimamente non foi asinada por Somalia, un país que non existe, e Estados Unidos, un país que existe demasiado.

Pero todo isto ocorre nun anaquiño de tempo histórico: as últimas décadas do s. XX e a primeira do XXI. En nun recuncho do planeta: o 1º mundo.
Certamente hai países xigantes que se asoman a marchas forzadas a este mundo rico. Neles, a esixencia do fillo único e a preferencia polo varón está a levar a un grave desequilibrio demográfico. Eses nenos son denominados en China “pequenos emperadores”. As nenas, menos valoradas, ás veces acaban con moita fortuna aquí, en familias de adopción.

Outros nenos, outras nenas teñen menos sorte. En África nutren de soldados os exércitos das guerras máis mortíferas e idiotas, armadas ata os dentes polos países occidentais e onde os civís desarmados sempre poñen os mortos. As nenas coma sempre, levan a peor parte e acaban de escravas sexuais. Dos guerreiros. Dos delincuentes pederatas.

Nenos e nenas asómanse ao presente desde as fiestras da historia. Non queren ser proxectos de futuro. Teñen todo o dereito do mundo a seren nenas e nenas. Agora.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES