Te recuerdo, Victor Jara
Xiz, Xulio - miércoles, 09 de enero de 2013
Todos morremos un pouco aquel setembro de 1973 cando a barbarie se cebou con Victor Jara o cantautor chileno que chamaba a desalambrar e que nos roubaba o alento da alma cantando a aquela Amanda que perdeu unha vida chamada Manuel: Te recuerdo, Amanda.
A piques de cumprirse corenta anos daquel asasinato, a Xustiza chilena ven de deter a sete militares implicados naquela morte alevosa do guerrilleiro da palabra e da guitarra ao que primeiro lle cortaron as mans para que non puidese tocar e logo o acribillaron con corenta e catro balazos para que nunca volvese cantar aqueles cantos que ofendían á súa persoal patria.
Chile viveu unha intensa e dura longa noite de pedra, e unha especial transición, e aplicaron e aplican unha viva memoria histórica. E agora tocoulle a hora á memoria de Victor Jara.
Os que o mataron coidaron rematar cun problema, eliminando o mensaxeiro, estimando que a solución final que lle aplicaron era o remate de todo. E sen embargo era un punto e seguido. Porque o seu cadáver foi recuperado do anonimato das tumbas acochadas, e obxecto dunha homenaxe nacional. E agora faise xustiza, xulgando aos presuntos culpables dun alevoso asasinato.
Te recuerdo, Victor podemos decir en sintonía co seu verso máis famoso- corenta anos despois. E Chile recorda. E todos os que algunha vez amamos a canción como un medio de expresión, como un xeito fermoso de expresar vida, gostamos de que a Victor Jara se lle faga xustiza. Non só nos tribunais senón, e de xeito especial, emocionándonos tarareando algunha das cancións polas que vivíu. E polas que deu a vida.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora