Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Facer homes libres

miércoles, 09 de enero de 2013
Estes días fálase moito de educación, co gallo do anteproxecto de lei co ministro José Ignacio Wert introduciu en fase de discusión. Xa que a cousa está moi en cernes, e aínda sabendo que os tempos en política voan, e que en menos do que canta un galo nos pode vir a lei, voume permitir falar das miñas ideas de educación. Son sinxelas, xenéricas e baséanse na premisa de que un estado democrático debe ser berce de homes libres capaces de xerar oportunidades e desenvolverse en colectivo. Neste sentido teño que renegar desas ideas que empezan a pedir unha educación acorde co mercado laboral, é dicir, un viveiro de man de obra para o mesmo.

A educación ten que xerar persoas competentes por suposto tecnicamente, pero tamén moralmente, o que implica unha escala de valores firme e integradora que vertebre o xeito de actuar na vida. A actitude é un estadio previo á aptitude, e ten que acompañar á primeira de xeito permanente.

Cada actuación da vida está impregnada de valores, positivos ou negativos, pero non hai actuación que non desvele na súa praxe un conxunto de valores. Polo tanto hai que poñer en práctica na escola e en outros contextos educativos valores como a solidariedade, a interdependencia, a necesidade de cooperar ou a capacidade humana de cambiar o propio contexto. Isto non implica política, senón sentido común.

De acordo co anteriormente dito, a primeira premisa debería ser educar na realidade, ensinando e potenciando na persoa a busca de recursos e a construción de si mesma tendo en conta o seu contexto, pero sempre de xeito libre e respectando e fomentando as súas decisións. É fundamental que a persoa sexa autónoma, e que o educador sexa un guía na súa viaxe de descubrimentos interiores e exteriores. Neste sentido a educación debe conducir á persoa no seu contacto co mundo, deixando que sexa ela quen cree unha visión propia dese mundo.

A base primordial da educación deberían ser os dereitos humanos, que constitúen os cernes da liberdade e do humanismo, e representan os alicerces de todo o sistema democrático, indispensables para o desenvolvemento do pensamento. Chegamos ao mundo global que é o mundo da diversidade, un mundo que se nega á uniformidade e que polo tanto quere construírse na diferenza. O multiculturalismo é unha realidade que non vai esmorecer por moito que pechemos os ollos ante ela. Os modelos uniformadores representan un rotundo fracaso, sobre todo porque entran en contradición coa propia idea de democracia ao negar a liberdade de ser a determinados grupos culturais. Cabe lembrar como o propio Edgar Morin, defensor da teoría da complexidade, ao chegar á cuestión cultural afirma que “el tesoro de la humanidad está en su diversidad creativa, pero la fuente de su creatividad está en su unidad generadora” (2001:78).

Seguindo a este autor pódese dicir que a interculturalidade se torna pouco a pouco nun destino colectivo que nos asegura as liberdades democráticas e o desenvolvemento acorde coa visión do mundo que nos é propia.
É necesario educar para o achegamento ao descoñecido, potenciar mentes abertas e curiosas capaces de establecer sinerxías socioculturais máis alá das diferenzas, e valorando as mesmas para construír identidades máis complexas que leven en si as bases dunha diversidade integradora, de xeito que cada persoa sexa quen de aproveitar as mellores experiencias de cada cultura.

Aquí damos un segundo paso e establecemos a interdependencia e a educación horizontal, entendendo a aprendizaxe ao xeito socrático, segundo o que todo se sitúa no interior do individuo e o educador ten que ir desvelándolle o seu propio potencial, que pouco a pouco irá mobilizando para levar a cabo o seu proxecto vital. Un proxecto vital que depende de todo o que lle rodea, e que polo tanto, para levalo a cabo terá que establecer relacións de interdependencia. Aquí podemos lembrar ao pedagogo Paulo Freire que na súa “Pedagoxía do Oprimido” dinos “ninguén libera a ninguén nin ninguén se libera só. Os homes libéranse en comuñón”.

A educación ten que ser primeiro un espello de autocoñecemento, despois un campo de ensaio para o establecemento de relacións humanas e por último unha primeira realidade onde xerar as propias circunstancias; sabendo que somos libres, pero que precisamos dos demais para desenvolver o noso proxecto vital.

A creación das propias circunstancias marcará decisivamente a capacidade e a competencia da persoa na construción do seu propio legado. Dado que o espírito de contribución é unha necesidade do ser plenamente humana, é fundamental facer persoas flexibles pero de vontade firme e independente capaces de loitar polas súas propias ideas e de autorrealizarse dentro dunha escala de valores firme e decidida.

A pedagoxía da pregunta implica que o educador é o acompañante dunha viaxe que ten como protagonista ao propio educando. O educador é un compañeiro ao que recorrer cando o camiño se torna duro e intransitable, alguén que estará aí para apoiarnos, erguernos e axudarnos a camiñar de novo. Pero é o educando quen ten que facer e andar o seu propio camiño, sabendo que a realidade é cambiante, mais é el mesmo o que pode cambiar e facer a súa realidade. Isto quere dicir que a persoa empeza a ser unha arquitecta dunha vida propia que ten que buscar xeitos de ser, o que implica flexibilidade e capacidade de readaptación.

Deste xeito a educación convértese nunha caixiña de competencias para a vida que o educando vai construíndo coa axuda do educador; descubrindo ilímites, descubrindo a forma de paliar límites, descubrindo as sinerxías que gardan a interdependencia e a cooperación, descubrindo que o conflito ten unha vía de resolución dialóxica á que xamais se debe renunciar, descubrindo que hai que respectar antes de ser respectado e comprender antes de ser comprendido. E que quizais o propio autocoñecemento é o mellor agasallo que nos pode facer a vida.

A educación debe ser o laboratorio no que unha persoa aprenda a facer a vida, a ser na vida, a exercer a súa propia liberdade na mesma medida que respecta a liberdade que tamén lles é propia aos seus semellantes. Isto quere dicir que a través da educación podemos asegurar o futuro do sistema democrático. E non só iso, tamén o futuro de cada persoa capacitándoa para reinventarse, empezar de novo e responder aos vaivéns dunha sociedade que nos obriga a manternos permanentemente en equilibrio.

Necesitamos unha educación para afrontar a vida en liberdade, e para integrarnos nunha sociedade na que a ética sexa a máxima que guíe cada actitude e cada proxecto vital. Facer homes libres é unha tarefa complicada, ao acometela, a educación vólvese o proxector do noso futuro.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES