Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Tebras' de Anxo Lamas Muinelo

martes, 08 de enero de 2013
A biografía de Anxo Lamas escorre polo libro coma un rego dun prado chairego cando a enchente beirea palabras embutidas coma longaínzas polos versos que atribulados flúen como recordos de infancia e de adolescencia, as súas verbas son constancia de existencia angustiada, de deficiencias compartidas polos seus irmáns pequeniños que aquel setembro que alumaba coma lóstrego de finais de ciclo, rebentado pola morte da súa querida nai e a toma de consciencia da súa presenza diante dun mundo a partir de agora inhóspito, mais que é o mundo da carencia onde se fragua a poesía, moldeada na forxa da calor, do agarimo ausente e do barquín da palabra; alí, en Bazar, parece ser que sucede e principia esa entronización de Anxo co mundo que o rodea e ao que empezaría desfigurando para comezar a sentir a súa realidade, a súa presenza da beleza que pouco a pouco agromaría coma unha flor nova no búcaro da arte; e o noso poeta-artista quedaría transladado, traspoleirado, trastocando a todo o que vía cando a súa mente ía trocando a realidade en silencios que no pensamento se representan e desfiguran en cultura para gozo do que os reconverte, dende o fondo dos pesares, en alegrías de cores e de palabras para gozo noso.


Eu coñecín a Anxo Lamas, non nos primeiros anos da súa existencia, aínda que as nosas casas estaban a menos de dous quilómetros de distancia ou -como antes dirían- aínda non a media legua. Coñecino cando eu tiña 10 anos nunha casa da Rúa Nova de Lugo, no Nº 98 e no ano 61, cando as escolas eran unitarias e íamos ao Instituto Masculino – do que hoxe teño a honra de ser Profesor – non como van os pequenos de hoxe, no autobús, senón andando, convivindo, esculcando as realidades, xogando nas rúas e aprendendo a vivir, a compartir, a ser seres necesarios e a necesitarse os uns aos outros. Alí o coñecín, convivindo con miña tía Carolina (que non era tal tía)– así lle chamaba, e que no ceo estea -, moza noutros tempos acollida polo meu avó Enrique Canto Sanjurjo para a casa da Ponte de Outeiro como unha nena da guerra, e que despois levara a súa nai que viñera de América e lle comprara esa casa da Rúa Nova onde Anxo e máis eu estudamos o bacharelato.

Nesa casa, digo, empecei a coñecer a un amigo ao que unicamente lle importaba o debuxo, a beleza do mundo, este amigo, xa tiña estigmas no seu corazón deses paxaros que afilla e reventan fluíndo polas súas composicións pictóricas, escultóricas e agora líricas. Por iso, a miña mente aínda hoxe non pode deixar de recordar aquel primeiro cadro que lle vin arredor dos anos 1961-1962 pintado sobre un “táblex” -que así se chamaba a madeira que xa viña elaborada en planchas-, a figura dun paxaro no medio dunha natureza moi verde e que el perfeccionaba día si e día tamén e que chamaba a atención a todos os que mirabamos o cadro, abraiados ao ver aquel paxaro cunha cresta e que eu pensaba nun paxaro edénico porque me parecía imposible que existira, mais con unha beleza exótica e surreal incrible.


Por aquelas datas tamén coñecín a Baldomero Iglesias Dobarrio, eramos compañeiros de 1º de Bacharel, Grupo “A”, os tres, e hoxe os tres somos creadores, os tres somos chairegos, e os tres estamos aquí (neste libro). Mero e Anxo celebraron o meu primeiro encontro coa poesía en “Salaios da Chaira”, e Mero e Xosé Otero estamos celebrando tamén o primeiro encontro de Anxo coa poesía e co libro; e digo máis, os dous primeiros libros, tanto de Anxo coma meu, son da Fundación ou Irmandade Manuel María, da que Alfonso Blanco é o seu padriño e creador.
Que pano este mundo de pequenos mozos¡ que chegan a vellos indagando e pescudando realidades, instigando as palabras a dicir o que esconden, alporizando os silencios e escoitando por exemplo os cantos de Mero enfeitizando a fala, aos galegos, ao noso.

Que grandes son as posibilidades da arte para este Anxo que hoxe presentamos con este libro novo cheo de palabras incribles, palabras chairegas cheas de xestas e chorimas, de auga e de recendos de infancia, de paxaros e de perdas! As súas verbas alónganse en hendecasílabos que conforman cuartetos e tercetos, e estes fan mollos e palleiros de sonetos, cos colmos das verbas tan ben enchidos e ateigados que cecais sexa o soneto o que defina ao noso autor que bebe da fonte poética do Seminario de Mondoñedo e mais da fonte clara e caudalosa da poética chairega, apalpando aos seres pequeniños tal se dun franciscano se tratara: as ras, o carrizo, as bolboretas, o nabo da semente, e tantas cousas pequenas -mais tamén valiosas- que santifica e adora, e outras que escoita e visualiza para seren entregadas como prendas aos distintos soportes, ás táboas, aos lenzos, ás palabras . . . cunha imaxinación desbordante que o abrangue todo, que o cingue todo, que o dota todo de vida e fai bulir entre a natureza que lle implanta coa cirurxía do pincel ou da palabra para representar este mundo e deixar constancia de que os seus ollos son a vision disconforme que para os demais é a arte da conformidade, pero que el moldea e rebaixa, cobre e trastoca, apunta e combina ata atopar os alicerces da verdade.

Sexa, pois, benvido a este novo mundo da poesía. A este novo libro acubillado nas noites chairegas de vixilia e desvelo, cando Calíope, a musa da poesía lírica fai entrega destes 64 poemas ás mans doutro home que xa hoxe forma parte da natureza da nosa Chaira e que alí onde vai, xermola cultura, Alfonso Blanco Torrado, o leme desta largacía infinda que chamamos Chaira. Grazas Alfonso por aconchegar nesa Irmandade o léxico florido de Anxo, as verbas que se gorecen nos poemas e que hoxe queren deixar constancia da súa antigüidade e da súa existencia, mais tamén da súa beleza alada coma paxaro cantor ou merlo namorado que dunha viravolta sae en voo presto desde unha silveira ou matogueira da nosa Chaira.


(Lido por Xosé Otero Canto en Castro de Rei,Lugo, o 6 de xaneiro de 2013, na presentación do libro de poemas e debuxos de Anxo Lamas Muinelo).
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES