Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dona Diáspora quere retirarse

martes, 08 de enero de 2013
Dona Diáspora leva máis dun século despedindo o ano na compaña da súa prehistórica amiga Pedra da Arca. Adoita achegarse por Baíñas uns días antes do 31 de decembro ata a verdecente leira vimiancesa onde ten o seu acubillo a anta más xenerosa da Terra de Soneira. A megalítica filósofa garda no seu pétreo corazón unha chea de reflexións e bos consellos para as moitas dúbidas dunha alma emigrante.

___ Boas, miña benquerida amiga. Aquí me tes un ano máis. Veño coma sempre para aproveitarme da túa amistade e sabiduría. Xa me coñeces. Sigo sendo unha grande ignorante que non aprendeu nada e que vai indo de fracaso en derrota. Non teño ánimo ningún. O futuro volve escurecerse e cólleme sen batería e sen cobertura. Poida chegase o momento do retiro para ir quecer os meus vellos ósos ao sol na beira riopratense de Piriápolis. A crise acabou comigo e aos meus anos non estou disposta a matricularme nunha academia de idiomas para aprender a lingua alemá.

___ Non estás sendo obxectiva, Diáspora. Ti que sempre fuches inmune ao pesimismo non es a responsable desta forte crise que empurra a nosa mellor mocidade a buscar traballo nas terras xermánicas. Coido estás facendo demasiado autocrítica porque ti no es unha fracasada. Non o digo para consolarte pero ao meu entender ti es unha gran triunfadora. Pensa e acouga un pouquiño mentras vai quentando a auga para o mate. O teu éxito ata pode ser contabilizado en euros ---agora é obrigatorio falar de cartos--- en comparanza con tres grandes estados europeos que promocionan a súa cultura no exterior. Sen recibir ningún salario e ti soa conseguiches o que aos alemáns [Goethe Institut], franceses [Alliance Française] e italianos [Società Dante Alighieri] lles custa centos de millóns.

___ Agradezo a túa comprensión e solidariedade pero un gol nun partido non me fai gañadora do campionato. Estou envelenada de pesimismo diante neo-emigración e tamén pola coitelada recibida cando souben que o Centro Galego de Bos Aires está fóra do control dos seus lexítimos propietarios. A intervención xudicial da máis importante entidade galega da Arxentina déixame eivada e sen capacidade de reacción. É certo que a caixa dos cartos de Belgrano e Pasco quedou baldeira pero antes houbo unha crise ética que foi a responsable da actual desfeita na xestión económica. O asulagamento chegou cando comezaron a esvaecerse os principios de conduta que mantiveron durante máis de 100 anos unha moi sólida e rexa unidade entre a cultura e a sanidade.

___ Sei que che doe moito o que pasou en Bos Aires. Estiveches moi implicada na defensa do fogar que acolleu a Alfonso R. Castelao e non podes aceptar que estea intervida por mor de sucesivos erros de xestión. De calquera xeito tes que entender que ti non podes cargar coa culpabilidade. Fixeches o que puideches. Quero facer fincapé en que hoxe, aquí e alá, os parámetros morais non son os mesmos de hai 50 anos. A sociedade foi cambiando e tamén as condutas sociais. Agora mesmo estáse a debater sobre os sistemas públicos de saúde nun confrontamento dialéctico entre o público e o privado. Supoño que en Bos Aires tamén afectaría ao Centro Galego o interese empresarial privado por obter a concesión dos servizos.


___ Entendo que queiras consolarme pero non tendo un cargo político podo permitirme os berros e as protestas se considero que estamos a perder o noso rico patrimonio no exterior. Non podo calar se se confirman as sospeitas de que detrás da crise do Centro Galego está agochada unha empresa interesada en papar un doce caramelo a prezo de saldo. Antes da intervención sufrín moito cando lle petaban por enriba e por embaixo ao presidente Vello Pombo. Semellaba que na histórica esquina porteña confluían todas as forzas negativas en escuro conxuro para emporcar a limpa obra dos avós emigrantes. Mira, amiga, se o Centro Galego está en perigo é porque algo fixen mal e non me exime de responsabilidade o feito de traballar de balde. Non teño ánimo para seguir e ademais coas novas tecnoloxías non serei botada de menos xa que agora os emigrantes premen no seu ordenador e teñen ao seu dispor ampla información de todos os acontecementos da parroquia, concello e Xunta de Galicia.

___ Non estou de acordo contigo. Non hai ordenador nin correo electrónico que poida substituír unha aperta túa en Berlín, Bos Aires, Caracas, Délemont, Montevideo ou Salvador de Baía. Dígoche sinceramente que necesitan da túa emotividade e máis aínda en Bos Aires porque saben que estás namorada do Río da Prata. É certo que as novas tecnoloxías axudan pero ti sabes ben que ningún “twitt” ou “whatsapp” pode dar amor. Pensa en todo o amor que tes espallado polo mundo desque emigrou o primeiro cidadán galego. Quero que o penses ben e que antes de apousentar no fermoso Piriápolis lle fagas unha visita ao novo secretario xeral de Emigración para desexarlle éxito no seu labor. Poida que o ourensán Rodríguez Miranda estea interesado en saber se tes rematada a investigación sobre o seu paisano tangueiro Joaquín Barreiro ou se estás disposta a botar unha man no “stop” definitivo aos remendiños. Ao mellor sorpréndete coa información de que está decidido a apostar forte pola unidade e a integración de ducias de asociacións emigrantes que están esmorecendo. Entón ---case podo asegurar--- que adiarás a baixa voluntaria na túa longa actividade sandadora de morriñas.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES