Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O agasallo do Belén de Begonte

sábado, 05 de enero de 2013
Na noite do vinte do mes de Nadal na casa de Moncho notábase un ambiente un tanto tristeiro.

As nenas xa estaban na súa alcoba descansando e soñando coas datas máxicas das festas do Nadal.

Na cociña, o matrimonio da casa mirábase fixamente, un para o outro sen pronunciar palabra. O silencio envolvía os reflexos das súas caras e a incerteza que experimentaban no seu interior.

Aquel mesmo día chegara un comunicado de desahucio. As cousas non foran ben e era moi posible que tivesen que deixar a súa casiña, que tanto caro lles custara mercar na aldea onde viron por primeira vez a luz os seus ollos. Os aforros gañados con moita suor remataran perdidos, xa que os plans de traballo quedaran achicados polo paro; o que deu coma froito a desgraza que vivían.

Ramón exclamou: ”¡Non sei como será a nosa vida! ¡Hai que buscar solucións, temos que saír desta!”

María quixo animalo e engadiu: ”Faltan poucos días para o Nadal, e aínda así temos que celebrar a festa coa familia”.

Agarráronse fortemente as mans e miráronse de novo aos ollos que vertían bágoas.

Pola mañá, a xornada comezou coas faenas de sempre. As nenas marcharon para a escola no derradeiro día antes das vacacións.

No xantar, a nai coa linguaxe axeitada contoulles ás rapazas o problema que vivía a familia.

A máis pequerrecha dixo: ”¿Pero, faremos festa coma outros anos? ¿E iremos ao Belén de Begonte?”

O Ramón mirouna emocionado e díxolle: ”Festexaremos o Nadal coma sempre e pedirémosllle ao neno Xesús de Begonte que nos axude a resolver a situación que estamos a vivir”.

Pasaron uns días, as músicas do Nadal soaban no pobo e os veciños andaban apurados cos preparativos das festas. Na casa de Ramón das Congostras, que así lle chamaban, dispuxeron ir a Begonte. Non podían perder a peregrinación anual que sempre se fixera en familia.

Faltaba só un día para Noiteboa. Unha noite que eles desexaban que fose así, coa esperanza de que se abriran as portas a algunha solución para amañar o apreto no que estaban.

Saíron da casa todos, e alá foron, atravesando o río Ladra, e entre volta e revolta da estrada, chegaron a Begonte.

Como cada ano, ao entrar no Centro Cultural Xosé Domínguez, tanto as pequenas coma os seus pais sentiron a emoción de atoparse nun lugar máxico, onde por un tempo se poden esquecer as angurias da vida.

María colleu das mans ás pequenas e mirou para o neno do pesebre, e díxolles: “Filliñas, Xesús tampouco tiña casa, igual ca nós neste intre, pero alí, naquel cortello, reinaba moito amor”.

A maior das pícaras dixo: ”¡Mirade que feliz se sente toda esta xentiña do belén! ¡As casas son pobres e pequeniñas, pero vese que todas estas persoas están contentas, ata parece que saltan de ledicia!”.

Aniña, a máis pequeneira, comentaba: ”¡Papá, mira como corre a ovella polo campo!”. E detívose para ver como cortaban as árbores os serradores.

Para Ramón, a visita a Begonte era diferente á doutros anos. Matinaba o xeito de esquecerse da situación que estaban a pasar. Pero hoxe precisaba perderse entre o ceo azul e as folerpas da neve… Mirou para a estrela anunciadora da Luz que veu rematar coas tebras, xa que o Deus feito carne non deixaba de lado aos máis necesitados. E fixouse no lume que dá calor nas fogueiras do Belén.

E tamén nos trinos dos paxariños que o enchían de algarabía. Emocionado, mirou para a nai do Neno, que estaba no cortello, e pediulle que lle botase unha man. De súpeto, co ollo dereito fíxolles un aceno aos Reis que adoraban ao neno, como querendo intentar que se lembraran un chisquiño da súa familia.

No Belén de Begonte volveu a anoitecer, alumearon as casiñas e tamén o Castelo de Herodes, soaron o cantar da auga do río, e o pescador de novo pillou un peixiño vermello.

María, a dona do Ramón, fixouse nunha muller que tendía a roupa recén lavada. Mirouna fixamente e non lle dixo a ninguén o que descubrira naquela figuriña.

As nenas decatáronse do pechado que estaba o Castelo de Herodes porque era moi ruin e ninguén o quería, nas vacas que gozaban da liberdade polo monte, mentras que no cortello muxían o leite do amencer. Nos alpendres acubillábanse as galiñas, e os coellos asustados deixabanse ollar. O muíño seguía rompendo os grans para o pan de cada día.

Os focos alumearon todo o gran espazo e as figuriñas remataron o seu movemento.

Saíron do centro cultural, e un ano máis remataron a súa peregrinaxe a Begonte. Voltaron pasar preto do río Ladra e do Parga, e deixaron a serra do Cordal.

Xa á noitiña, no cuarto, María díxolle ao seu home: ”Mira, en Begonte fixeime na figura da muller que pousaba a roupa no tendal.

Era igualiña que a miña tía que emigrou a Francia. E digo eu, ¿non sería bo escribirlle unha cartiña explicándolle a necesidade que temos?”

Tanto a Ramón como a María abríuselles un regato de esperanza. Descubriran na imaxe da muller do nacemento de Begonte unha luz que encheu de gozo os seus corazóns.

Por iso en Begonte, na peregrinaxe deste ano naceu un anceio de ilusión e de esperanza para esta parella, que como María e Xosé en Belén de Xudea, atoparon a axuda que agardaban.

Begonte e o seu Belén seguen sendo na historia que facemos as persoas cada día un remanso de paz e de contemplación. Un agasallode bondade e de esperanza.
Escourido Basanta, Xosé Román
Escourido Basanta, Xosé Román


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES