Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A debilidade dos gobernos

viernes, 04 de enero de 2013
Directa ou indirectamente, en forma explícita ou implícita, en moitas colaboracións neste e noutros medios, vénse denunciando a debilidade dos gobernos con outros poderes. Os motivos desta reacción da opinión pública son ben diversos; pero penso que hai un fundamental: a sensación de que os sistemas democráticos nos “estados-nación” están debilitándose en mans de gobernos excesivamente tolerantes (os votos mandan...!) e con esporádicas contundencias en campos con escasa capacidade de resposta.

Terminaba a miña colaboración titulada “O quitamantas” con esta admiración (e perdóenme a autocita!): “O pobo aínda é o suxeito da soberanía!”. Debín escribir “aínda” con maiúsculas, porque xa hai que empezar a pensar si estamos asistindo a que non sexa así. As orellas convén empezar a usalas, como a lebre, a modo de antenas parabólicas, para detectar ata onde certos poderes están cabalgando neste mundo globalizado; certos poderes que se impoñen, e substitúen, a soberanía popular e, conseguintemente, os gobernos lexitimamente elixidos.

Habitualmente, son poderes económicos, por máis que algúns estean disfrazados doutra cousa. Non se debe descartar que, aproveitando circunstancias como as actuais de crise, eses poderes, diante as narices opacas para o olor a manobras deste tipo, pretendan desmontar ou reducir a expresión mínima as distintas formas do Estado social. En Alemaña parece que se está tratando de acadar un certo SOZIALSTAATABBAU (un desmontaxe do Estado social), ou, polo menos, unha reestructuración de forma tal que permita as grandes empresas unha maior competición no orden económico internacional, eludindo o pago de impostos.

E nada me estraña, pois Günter Wallraff ,o “Periodista Indeseable”, (a vez, título dunha obra súa e sobre o que escribín un modesto libro, “De Maquiavelo a Wallraff”), no 2.010, publica e presenta en Barcelona, outro libro titulado “Con los perdedores del mejor de los mundos”, en Anagrama, e, o que nel se lee, relativo a estes poderes, é incrible. Pero, por outra fonte, teño información de que as grandes empresas alemanas case non pagan impostos: concretamente, a BMW, que segundo parece ten a taxa de beneficios máis alta de Europa, no 1.988, pagaba uns 270 millóns de euros de impostos, no 1.992, xa non pagaba máis que 15 millóns, e no 1993, fixo unha declaración á Facenda negativa e devolvéronlle 16 millóns de euros.

Asusta o ámbito de operatividade das federacións empresariais do mundo. Se tomamos como exemplo a KAIDANREN (Federación xaponesa de Organizacións Económicas), veremos que comprende como socios 1.285 compañías, 127 Asociacións Industriais de ámbito estatal e 47 Organizacións Económicas Rexionais. Estes datos corresponden ao 29 de marzo de 2.012, e poden consultarse en
http://www.keidanren.or.jp/en/profile/pro001.html.

Como obxectivo principal ten a potenciación da vitalidade das corporacións que a integran. Para isto, conta con numerosos colaboradores estendidos por todo o mundo, dirixentes políticos, administradores, administracións gobernamentais, asociacións económicas de varios países e de ámbito internacional, etc. É un verdadeiro goberno mundial, cun impresionante poder que enerva a eficacia das instancias gobernamentais dos distintos países con soberanía política.

Poderíamos falar tamén da ICC (Cámara Internacional de Comercio), da UNICE (Toda a Patronal de Europa), e moitas outras. A ICC é un grupo de presión intercontinental, que agrupa 7.000 empresas de 130 países, e que, segundo Antoni Domènech, da Universidade de Barcelona, “bombardea constantemente con sus intereses, desde su sede en París, a los gobiernos y a las organizaciones internacionales de derecho público”.

Estes son só uns exemplos meramente representativos. Pero o esencial é formarse un xuízo da situación dos gobernos neste marco global, nadando a deriva nun mar de imperios privados internacionais, que presentan unha faciana arrogante e con ar de poder aos mesmos gobernos democráticos e, por conseguinte, ós pobos nos que reside a verdadeira soberanía, que está sendo esvaecida nun clima creado por un neoliberalismo desbocado que non aprendeu a lección da historia.

A este respecto, o mencionado Sr. Domènech, infórmanos que uns 500 executivos do mundo mellor retribuídos, en 1.997, reuníronse no Fairmont Hotel, en San Francisco, e alí falaron do rumbo que leva a sociedade do futuro, que chamaron “sociedade de 20/80”. Qué significa, pois, esta estraña denominación?. Sinxelamente, que abonda un 20% dos individuos da poboación laboral para garantir o funcionamento da “maquinaria económica globalizada”. É que vai pasar co 80% restante?. Que terán traballos precarios.

Eu sento desexos de preguntar a quen van a vender os productos desa actividade económica, cun 80% da poboación activa en precario. Acaso non se lle veu o maxín a esa elite pensar se é posible unha sociedade desas características?. Ou están preparando o terreo para outras utópicas revolucións mundiais de consecuencias imprevisibles?. Se non entenden isto, mellor sería cambiar eses “grandes talentos” nos postos clave por medianías dotadas de sentido común.

Os gobernos amosan a súa debilidade facendo caso omiso, desarmados dunha eficacia garantida, daqueles mercados que se estruturan mediante acordos entre partes, sen tomar en conta e respecto as normativas estatais oficiais para estes casos, e utilizando programas informáticos. Desta maneira resulta moi difícil controlar os paraísos fiscais, e non pouco descubrir quen son os titulares de cargos de responsabilidade pública implicados en soterrados acordos coas empresas. Basta tomar en consideración que cando alguén resulta imputado nun xulgado, van aparecendo todo un rosario doutros, como as cereixas nunha cesta.

Como en todo, se os gobernos seguen sen impedir que os astutos no seus campos fagan a sementeira dos propios propósitos, sen dúbida van chegar tarde para neutralizar a xerminación: España ofrece un flagrante exemplo de sementeira consentida polo escasa sensibilidade para a defensa constitutiva e constitucional da nación, con gobernos non só débiles, senón tamén raianos coa mediocridade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES