Azos para o 2013
Santalla, Iago - miércoles, 02 de enero de 2013
Empeza un novo ano, e novamente faino con vertidos de incertezas na vida pública. Xa son moitos de tempestade, e coido que a nosa xente ten ben demostrado que sabe navegar a mar aberto (ao contrario que a clase política e financeira). Entón é hora de darlle á xente nosa azos de futuro. É hora de prender a chama da esperanza e dicir que somos a forza que latexa en nós, que se o pobo ordena e o pobo decide só resta a vontade de non manter samesugas na vida pública.
En primeiro lugar cómpre dicir que o estado de benestar é posible e sostible se o diñeiro público non se destina a pagar as débedas de catro dexenerados. É posible manter a sanidade, a educación e os servizos sociais. É posible, incluso manter as nosas infraestruturas se nos miramos para dentro, volvemos a casa e tiramos polo noso propio potencial, polo endóxeno! Polo legado dos avós que tan esquecido temos! En troques nel está o osíxeno do noso futuro. Podémonos enganar o tempo que queiramos, pero esta crise representa o fracaso dun modelo insostible e a solución que nos presentan como inevitable é mudalo por un modelo excluínte.
En segundo lugar, hai que defender por todos os medios os nosos sectores produtivos. Aquí cómpre apelar as conciencias individuais e convidalas a consumir o noso, as regalías que a nosa xente saca desta Terra rica, fértil e agarimosa sobre a que nunca choveu que non escampara. Cando consumimos o noso, establecemos unha espiral de crecemento colectivo na que podemos xerar sinerxías positivas que procuren inclusións e vidas con seguros de dignidade.
É necesario volver a casa, valorarnos e valorar o noso entorno como un bo medio de vida que temos que coidar e legar. Neste punto, volta á memoria Castelao e a emocionante defensa que fai dos medios de produción galegos: a vaca, o peixe e a árbore. E un pensa, non será hora xa de deixarnos de contos, facerlle fronte a Europa e empezar mobilizar o noso verdadeiro potencial, ese que nos di dende as fonduras históricas que podemos ser?

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora