Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ensinar en valores...!

viernes, 28 de diciembre de 2012
Modestamente, penso que ensinar en valores é unha expresión moi rechamante para empregar dende a tribuna dun parlamento, xesticulando ritualmente, por calquera daqueles/as que nunca impartiron unha clase de comportamento ético e na súa casa teñen ese cometido encomendado a outro/a da familia, cando non a un alleo. Nun centro de ensino, sen dúbida resulta bastante máis fácil explicar Matemáticas, Latín, Inglés, e, incluso, Filosofía, a pesar do evanescente conceptual, porque nestes campos non se loita frontalmente coa desmedida “pedagoxía da liberdade” e o profesorado ten menos esixencias vixiadas fora das académicas.

Dende os gobernos, suponse que con unha lei, ou un paquete delas, xa se resolven os problemas que pretenden regular, e isto é un erro evidenciado pola mesma experiencia de cada día. Sen embargo, cando os gobernantes queren informar do moito que se traballou nos distintos ministerios, ofrecen unha nutrida lista de leis e decretos; aínda que sería moito máis aceptable que relacionaran as derrogadas e o cumprimento das que xa hai, se non se quere ateigar ós xulgados e desconcertar aos cidadáns.

Ven isto ao caso para unha reflexión do “ensino en valores”, pois non basta ensinalos, hai que practicalos, e os mesmos docentes, os integrantes das familias e os comportamentos dos xestores públicos, coma os cidadáns en xeral, temos que vixiar as nosas condutas, cambiar as nosas actitudes respecto a certos valores e pensar que cada xeración de rapaces nace coa receptividade necesaria para incorporalos, mais estes non son innatos e non perduran despois da morte dos seus portadores: Hai que mantelos dispoñibles na sociedade e en constante promoción, positiva e afirmativamente.

E existen virtudes que xamais poden xerminar na abundancia e a permisividade. Escribe un autor que “virtude e comodidades conxenian mal”. En España temos numerosos exemplos disto; pero seguramente o mais destacado sexa que a vida mol das xeracións que non coñeceron as estreiteces doutros tempos, certo grao de opulencia mal dixerida polos integrantes das mesmas, e tamén polos seus pais, e a caída estrepitosa dos “responsables” en veleidades e corruptelas, desencadearon un ambiente ben cheo de crispación, con habitual mala educación e comportamentos pouco cívicos e retrógrados, por selváticos, contradictorios e inconsecuentes: Un día rómpense escaparates e contedores, e ó seguinte reivindícanse.

Os padres e responsables familiares - e isto por reiterado será fastío, pero non innecesario - teñen a obriga de atender, con entrega e seriedade, a educación dos seus fillos e rapaces baixo a súa custodia, e deixar de pensar que o que corresponde a eles deben a facelo os centros de ensino, porque iso de que “para algo lles pagan” non é aplicable ás obrigas paternas e familiares: Na escola non se ensina todo, e incluso se dificulta o ensino nela cando na casa, en vez de transmitir valores, o que se fai é precipitar o uso dos móbiles, das motos, da televisión e desentenderse do control dos rapaces, creando, en non poucas ocasións, conflictividades nos centros por aquelas medidas disciplinarias contra as que adoitan blindalos os seus “queridos e admirados familiares.”

A arrogancia, e a falta de exemplos, non pouco estendida na nosa sociedade, está rifada cunha educación en valores, e se a practican os padres e profesores non deben esperar bos resultados. Non se pode “predicar” na casa ou nos centros o pernicioso do fumar ou beber alcol, se estas prácticas as permiten para si mesmos os responsables do ensino en valores; non se pode aconsellar aos fillos e discentes o respecto aos servizos públicos se eles mesmos os denigran; tampouco deveñen eficaces as reprimendas por embustes cando non coidan estes hábitos os que tratan de impoñelos; (...).

A aplicación da “pedagoxía libre” neste campo non parece que sexa rendible, porque o aprendizaxe de contidos non pode quedar a mercé e selección dos discentes, xa que é mester aproveitar os períodos de receptividade, cunha metodoloxía conductista complexa. Penso que aquí o coñecemento teórico dos valores é menos importante que o práctico, porque o noso problema, o do home/ da muller, non está, neste caso, en saber, senón máis ben en saber vivir: a este ordénase aquel.

O que se persigue no coñecemento intelectual é a VERDADE, que é un VALOR, e por tanto pertence o ámbito da axioloxía (teoría dos valores).

Logo o mesmo coñecemento teórico é un MEDIO para os valores: Miren vostedes, todos os nosos saberes non valerían para nada se non serven para aprender a vivir, e para eso hai que perseguir a verdade, encadrada dentro do que DEBE-SER.

Dito isto, tampouco é moi difícil entender que a nosa actitude moral cara a verdade é moito máis importante que os coñecementos que a perseguen, porque...de qué nos servirían estes se non pretendéramos que foran verdadeiros: O que non antepón a verdade acaba sempre ofuscado por luces falsas. Podemos dedicar esforzos inmensos e apandar co estudo de todos os volumes que queiramos sobre, por exemplo, a xustiza en abstracto, pero se non logramos experimentala en persoas concretas, administrada tamén por persoas concretas, perdemos o tempo, porque os valores (e os antivalores) realízanse nas praxes históricas.

E xustamente nesta praxe é na que a novas xeracións teñen que aprender a vivir con prudencia, con honradez, con solidariedade, con respecto a natureza (fisiodulia); non con cobiza, insolidariedade, violencia, arrogancia, prepotencia... E para isto necesitan referencias modélicas, que hoxe non é fácil aconsellarlles onde encontralas. Certamente, en calquera sitio menos nos parlamentos!. De que serven, entón, os textos de ética e as normas para unha boa convivencia, se van a ser impartidos nun contexto negativo e contradictorio?.

Pero antes de cerrar este artigo, machuquemos outra vez verbo da LIBERDADE. Necesitamos liberdade, pois sen ela non poderíamos resolver, incluso, os conflictos entre valores; pero non é un valor, senón un medio para conseguilo. Non hai liberdade absoluta: Ninguén pode decidir ao seu antollo que, por exemplo, a xustiza é perniciosa para o home se así el mesmo o determina. Polo tanto, o que non se pode é facer unha praxe que permita deducirse dela que cadaquén pode facer coa súa vida, coa súa conduta, o que lle ven en ganas, porque entre valores e antivalores hai, como se di agora, unha liña roxa; non entre os mesmos valores que, a veces, temos que elixir cal deles poñemos en práctica, e aquí si é operativa a liberdade (de conciencia, por exemplo).

Quixera que estas liñas non foran interpretadas nin doutrinalmente (pois desexo manterme lonxe de considerarme verdadeiramente autorizado para isto), nin de pretendida exemplaridade, senón como mera denuncia de algo que, subxacente na nosa sociedade, parece permitir establecer unha relación causal coas “anomías” que se veñen detectando nela. Abrigo a fundada sospeita de que servirán de pouco; pero a súa denuncia queda expresa, sen máis pretensión epistemolóxica que a dunha forma máis de opinión.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES