Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

CoraSons

miércoles, 19 de diciembre de 2012
Amo as sinerxías, porque elas moven o mundo. Son pura maxia e fan realidade a interdependencia. Cada vez admiro máis a aquelas persoas capaces de engancharse a varios proxectos ao mesmo tempo e responder a cada un deles. Coido que nesta xente innovadora, que fai camiños novos, está o futuro, e de certo vivimos nunha terra cun gran potencial. Falo do mundo da cultura galega e lusófona, que entre precariedade e escaso apoio está a sacar adiante formatos sinxelos, moi innovadores que loitan pola súa internacionalización. Eles teñen a verba, a voz e a música, e con iso chégalles para espallar esperanzas por este pobo azul e branco, sempre ás portas do porvir.

Nestas sinerxías, a orixinalidade e a recreación constante súmanse á interdependencia, á solidariedade e ao amor para dar luz a produtos culturais únicos que temos que ser quen de exportar. Nesta ocasión, a muxica da creatividade saltou da páxina de facebook “Quem vê corações”, na que as imaxes de Isabel Leal nos convidan a pensar distintos tipos de corazóns. Aquí, decatámonos que hai tantos tipos de corazóns como vidas latexan, e que o amor precisa engaiolarse da música latexo a latexo para tornarse en vida. Quizais así nazan os CoraSóns, que son poesía, música e imaxe. Os CoraSóns están en todo aquilo que nós sexamos capaces de ver máis alá do material, fondeando para buscarlle un significado profundo, sempre impregnado da nosa propia identidade.

As imaxes de Isabel son sinxelas como as vidas que as protagonizan; quizais por iso namoran... quizais por iso suxiren... quizais por iso o seu silencio chama polas verbas (como diría Celso Emilio) e convócannos á vivencia de fondas emocións dende unha cotidianeidade a miúdo pouco valorada. Nas imaxes deste muro, o cotiá acada unha dimensión poética, absolutamente transcendental, convidándonos a unha viaxe que parece impulsarnos a valorar a vida dende abaixo: dende o ar que respiramos, dende a auga que nos sustenta, dende o lume que nos fai lar ou dende as mans que nos aloumiñan.

Trátase dunha viaxe artesanal, unha volta á orixe para ser o que sempre fomos: versos sinxelos que transitan pola cultura de xeración en xeración. A vida cotiá contada en imaxes cantadas e recitadas por voces como as de: Uxía, Carlos Blanco, María Pujalte, Xoan Curiel, Magín Blanco, Tatán Cunha, Belen Cid, Pablo Vidal, Sergio Tannus, Joâo Afonso, Najla Shami, Ugia Pedreira, Quiné Teles, Sergio Sales, Alfredo Teixeira, Rui David, Chus Domínguez, Ana Senlle, Couple Coffee, Bruno Cardoso, Manuel e Inés Salselas, Aline Frazâo e a propia Isabel Leal. Un verdadeiro luxo, unha verdadeira oportunidade para gozar dos corazóns casuais cos que a liberdade extrema da natureza nos agasalla dende a súa poética inesgotable. Ou sinxelamente, como di Carlos Blanco, “un encontro de amizade, música e bo humor”.

Con eles poderemos latexar mañá a partir das 20:30 horas no teatro Colón da Coruña e pasadomañá e o sábado a partir das 22:30 horas no auditorio da Ramallosa en Teo.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania