Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Paradores

martes, 18 de diciembre de 2012
O Parador de Vilalba abriu o Día de Galicia do ano 1967, cunha inauguración de festa rachada e grande participación popular convertida, de paso, nunha exaltación do vilalbés que, en opinión xeral, había traer un futuro esplendoroso para a capital chairega: Manuel Fraga, na altura ministro de información e turismo.

Mais do proxecto orixinal, moi semellante á actual configuración do establecemento, ficou na altura e debido a problemas legais coas expropiacións un pequeño hotel de luxo circunscrito á torre da homenaxe con seis cuartos e un comedor de reducidas dimensións. Isto condicionou a marcha dun parador deficitario durante décadas e incapaz por si mesmo facer grande cousa por potenciar o turismo en Vilalba.

Non é allea a esta desvalorización unha máis que discutíbel rehabilitación, ben documentada pola arquitecta Vanessa Costoya (A Torre-Fortaleza de Vilalba Caderno de Estudos Chairegos-5. Iescha 2010) que, lonxe de calquera criterio restaurador, implicou unha intervención radical para adaptar a torre aos novos usos furtándolle calquera posibilidade interpretadora da súa historia e usos e afastándoa, por tanto, de calquera valor como foco de turismo cultural.

A ampliación feita entre 1998 e 2000, cun orzamento de trescentos noventa e oito millóns de pesetas, retomou parte do proxecto orixinal e engadiu un edificio moderno e escasamente integrado no entorno, tanto da torre como da trama urbana que a rodea, e que engadiu cincuenta cuartos e diversos servizos ao até entón mini-parador.

Descoñezo se as cifras de explotación desta década transcorrida até hoxe foron positivas ou non, pero dá a sensación de que non. Nin parece albiscarse un intenso trafego de viaxeiros arredor do parador, nin a bisbarra foi quen de pór en marcha ningunha iniciativa de desenvolvemento turístico a pesar da dispoñibilidade de fondos europeus dos sucesivos plans Leader .

Fomos incapaces de valorizar factores chave do patrimonio natural (desde a lagoa de Cospeito á serra do Xistral), cultural (Caldaloba, os cemiterios neogóticos), etnográfico ou incluso literario. Mesmo desaproveitamos a posición central de Vilalba na Galicia norde e a súa proximidade a potenciais núcleos turísticos como A Mariña, Ferrol, A Coruña, Lugo, Asturias…

Mais o actual conflito en Paradores desborda, sen embargo, o ámbito local e parece responder a dous factores distintos: por unha banda, a política comercial da cadea, centrada no turismo de elite e por iso anquilosada e pouco adaptada á lóxica do sector; por outra banda, non fai falla romper moito a cabeza para albiscar unha evidente intención de privatizar, previo saneamento a conta do estado, un negocio que pode ser ben aproveitado por operadores privados.

Compriría unha reacción que fose máis alá da protesta impotente ou as visitas a despachos prominentes. Se cadra é posible que as autoridades locais, provinciais e autonómicas de decaten do potencial que estes establecementos, ben xestionados e integrados na dinámica local, algo que até agora non ocorría, teñen para o desenvolvemento turístico no seu ámbito xeográfico. Hai alternativas para viabilizar os paradores, máis alá de entregar algúns importantes monumentos a prezo de saldo á iniciativa privada.
Naseiro, Paulo
Naseiro, Paulo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES