Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xoan Paulo II tamén foi discapacitado

lunes, 02 de mayo de 2005
Despois dun silencio necesario para procesar tanta información, quero abordar un tema que desde sempre me preocupou. Sabemos do interese de Xoán Paulo II polas persoas discapacitadas, durante o seu pontificado. Recupero textualmente algunhas das súas frases máis significativas: “la atención a los discapacitados es un buen termómetro de la calidad de vida”, “los derechos y obligaciones son iguales para todos los seres humanos”, “el grado de salud física o mental no añade ni quita nada a la dignidad de la persona”. A última referencia témola no ano 2004 en que se celebrou no Vaticano, un Simposio Internacional sobre a “Dignidade das persoas con discapacidades mentais”.
Na súa visita a Galicia, no verán do ano 89, con motivo da Xornada Mundial da Xuventude, tivo tamén un encontro cos xoves discapacitados. Encontro que eu vivín moi de cerca porque fun a encargada de ler o manifesto. En resposta ao mesmo dixo, entre outras cousas: “yo conozco también –porque lo he probado en mi persona- el sufrimiento que produce la incapacidad física”. A xuntanza tivo lugar en Santiago nun lugar plagado de barreiras arquitectónicas que intentaron suplir cunhas ramplas provisionais. Un contrasentido que manifestei no seu momento, pero había outras “prioridades” na organización e non se me escoitou. Pasou a data e pronto se esqueceu a carreira de obstáculos que algúns temos que sortear no noso día a día.
Vai pasando o tempo e coincide que Xoán Paulo II coas súas dificultades de mobilidade faise un dos nosos. De seguro que na súa cadeira de rodas comprobaría, máis dunha vez, a impotencia ante as barreiras físicas. Por experiencia sei que o Vaticano tampouco é accesible. Quero imaxinar que el non tería tantas dificultades porque contaba coa asistencia que se lle debe recoñecer a calquera persoa para levar unha vida digna e independente. Dicía que o Papa tamén foi discapacitado e propiciou que se considere a discapacidade como un constituínte máis da persoa. A súa limitación física non lle impediu seguir ao fronte da Igrexa. Unha cadeira de rodas non limitou o seu desenrolo como persoa e tampouco foi motivo para renunciar a súa misión. Certamente foi un dos nosos.
Estaranse preguntando a onde quero chegar. Pois a que a maioría das nosas igrexas seguen sendo inaccesibles. Resulta contradictorio que se presenten como casa de todos (de todos?) e non contemplen a eliminación das súas barreiras. Tamén temos dereito a poder acceder aos nosos templos, por motivos relixiosos ou simplemente para contemplar a súa beleza. Xa non vaiamos pensar que unha persoa nunha cadeira de rodas tamén pode proclamar unha lectura. A figura de Xoán Paulo II, persoa cunha discapacidade, serviu de pouco para concienciar sobre o que implican as barreiras no medio físico. Xa non digamos as barreiras sociais. Non se pode permanecer indiferentes ante as dificultades físicas con que chegan ás igrexas algunhas das nosas persoas maiores. A abundante lexislación que temos en Galicia en materia de accesibilidade non pode ser algo descoñecido.
Xoán Paulo II xa superou todas as dificultades. Pero a vida continúa. O termómetro da calidade segue aínda baixo e os dereitos tampouco son iguais para todos os seres humanos. Tamén desde a Igrexa temos que escoitar frases feitas que non se corresponden coa realidade. É evidente que o Papa vai pasar a historia. Pois precisamente por ter de cerca a experiencia da súa discapacidade, a Igrexa dirixente debería concienciarse e adoptar, no seu recordo, o compromiso de eliminar as barreiras físicas dos seus edificios. Confiamos que no futuro se retome ese toque de sensibilidade que aínda non se ve nos nosos templos.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES