Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fauna do Belén e a cultura mediática

lunes, 17 de diciembre de 2012
Compás social

Parece que algúns comunicadores e tertulianos dos medios de comunicacións interpretaron que Benedito XVI quitou do Belén o boi e a mula. Nalgunhas emisoras de radio e canais de televisión oín comentarios en tono peculiar sobre ese detalle. Tamén escoitei dalgunha xente a frase xa clásica: “quítannos a relixión”. E para remate, lin nalgúns xornais que un cura galego anunciou que este ano estará precintado o Belén por “desafiuzamento”...

Nunha primeira reacción estas noticias producíronme un amplo e recorrente sorriso, mais nun segundo instante albisquei que detrás destas anécdotas podía existir un fondo importante que posiblemente reflicte a especial situación da sociedade española e a súa crise cultural. Desde sempre sabíamos que os evanxeos non falan de ningún animal no portal de Belén; mais para clarexar estas cuestión, debemos inquirir que dixo exactamente o Papa no seu libro recen publicado, “A infancia de Xesús”. Ademais non perdín ocasión de comentar adrede estes chismes con amigos e persoas de diversas actitudes ideolóxicas e relixiosas.

O Papa no seu libro lembra algo obvio: os evanxeos de Mateu e Lucas describen o nacemento de Xesús, mais nada din dos animais na gruta natural de Belén. Só o texto de Lucas (Lc.2, 6-7) dinos que a María “estando alí, chegoulle o tempo do parto, e deu a luz o seu fillo primoxénito. Envolveuno nuns capizos e deitouno nunha comedeira, na corte do gando, porque dentro da pousada non había lugar para eles”.

Nada di o texto se naquel instante había algún animal na gruta-corte. O Papa fai unha esexese histórica e teolóxica, salientando os datos históricos do relato e a relación e coherencia dos textos evanxélicos co resto do Antigo e Novo Testamento. E para reafirmar a tradición bíblica do boi e da mula no portal de Belén, cita o profeta Isaías (Is.1,3): “Coñece o Boi ó seu novo dono; e o burro, o cortello do seu amo: Israel non me coñece, o meu pobo non ten xuízo”. E segue logo encontrando múltiples referencias na bimilenaria tradición histórica da Igrexa. Referente á frase de que “ dentro da pousada non había lugar para eles”, Bieito XVI enlaza este texto co que máis tarde dixo Xesús de si mesmo: “As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousa-la cabeza”, (Mt.8,20). E así mesmo cita outros textos bíblicos na mesma liña.

Entón, quen inventou esa simpleza de que o Papa quitara o boi e a mula do portal de Belén? Ó contrario, reafirmou a fermosa tradición imaxinativa de poñer ós pés do Neno Deus toda a creación natural e humana, algo especialmente importante para os nenos que con entusiasmo ven representado o milagre dunha nova vida humana, o milagre da maternidade e a situación dolorosa dunha familia pobre que non tivo onde acubillarse.

Ese é o epicentro do sentido orixinario do Nadal. Entón, preguntamos de novo: quen promoveu esa terxiversación? A actual cultura mediática, que conta con medios formidables, moitas veces atropela a verdade por exceso de simplificacións, por saturación de informacións parciais e fragmentadas, por falta de respecto á grupos sociais, grandes ou pequenos, por perda crecente de credibilidade. O servizo á verdade esixe outras formas máis limpas e complexas, e con máis liberdade de espírito.

Cada quen que busque a súa resposta. Mais antes de pechar estas reflexións, cómpre explorar algunhas hipóteses nas que, ao meu ver, está en xogo unha crise da cultura actual, máis profunda do que sospeitábamos: o que din algúns medios de comunicación por boca dalgúns comunicadores, provén dunha ignorancia relixiosa, dunha mala fe ou das dúas cousas á vez. Era de esperar que unha cultura media universitaria dos profesionais, sen ter que memorizar todo, tivera a precaución de verificar e matizar as afirmacións que lanzan ós medios. En canto á frase popularizada dende fai bastantes anos, “quítannos a relixión”, hai que dicir que, como vimos ó longo dos últimos anos, desafortunadamente reflicte unha mentalidade ancorada en detalles relixiosamente insignificantes, sen esquecer que tamén é froito dun curto coñecemento da Biblia no noso país. A pesar dos formidables medios que hoxe temos o noso alcance, a preguiza intelectual colectiva actual non axuda a superar este atranco.

En canto ó xesto simbólico do cura de Xestoso, Momán e Labrada, podemos interpretalo como unha achega á realidade histórica concreta, tanto do pasado como do presente, mais co risco de converterse nunha simple anécdota exótica de consumo mediático. O desfiuzamento por falta de pagamento de miles de familias pobres ou en apuros, con nenos, está hoxe a orde do día e multiplicándose a unha escala arrepiante; mais, sen que sirva de consolo, non debemos esquecer que aquela familia pobre de Belén estaba aínda en peores circunstancias: non tiñan casa, nin parentes que os acollesen, nin posiblemente medios para pagar a pousada. A única posibilidade, ante a proximidade do sublime e esperado evento, foi buscar un lugar discreto; e unha gruta natural refuxio de animais foi o sitio elixido, onde o presebe ou comedeira das bestas serviu de berce quente para aquel misterioso Neno, prototipo de toda infancia desvalida.

O Nadal moderno da sociedade secularizada corre o risco de perder o sentido orixinario daquel evento que deu orixe o cristianismo. As institucións, as organizacións e os crentes cristiáns deben discernir e cultivar o sentido auténtico que se atopa no misterio dunha nova vida, no milagre da maternidade e nas condicións de vida digna para todo novo ser humano. A simboloxía e a mensaxe do Nadal da sociedade de consumo semella ás actuais películas de efectos especiais que cada vez afástanse máis da realidade; e a relación entre os símbolos mediáticos secularizados do Nadal, abstractos e asépticos, e o seu significado relixioso concreto resulta cada vez máis difícil de descubrir, especialmente para as mentes infantís saturadas polo resplandor dos agasallos de Nadal e de Reis. Mais, sen caer en pesimismos: nesta crise global moitas xentes están na busca das verdades medulares, máis aló da follasca de calquera cor e signo. E quen busca con sinceridade e honestidade, acabará encontrando.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES