Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fame é cousa dos famentos

lunes, 17 de diciembre de 2012
Teño fame, dicimos ó tempo que abrimos o frigorífico ateigado de alimentos. Un vaso de leite? un iogur?, un anaco de queixo? un pouco de chocolate? Boh! Un melocotón. Confundimos fame con apetito nun país de gordos, cunha porcentaxe salientable de nenos obesos moi ben comidos pero dieteticamente mal alimentados. Nin temos fame nin estamos famentos.

Teñen fame os famentos do mundo. 845 millóns segundo a FAO, 18 millóns máis que na década dos 90. Todas estas persoas sobreviven co único futuro de pensar que comerán mañá. A fame é un burato negro que impide pensar no futuro, planificar, facer proxectos. Todo camiña a curto prazo, e o primeiro paso é sempre encher o bandullo.

Entre as causas da desfeita da fame, citadas polo Director Xeral Jacques Diouf, están o abandono da agricultura, o prezo delincuente do petróleo e os biocombustibles nun planeta que podería alimentar sobradamente o dobre da poboación actual.

As guerras e os conflitos máis idiotas expulsan da terra as comunidades de campesiños. Abandonando as súas actividades tradicionais esquecen a ‘cultura da terra’. Non volverán cultivar nada en Darfur, en Chad, en Somalia, en Eritrea. Amoréanse en xigantescos campos de refuxiados esperando a esmola da axuda humanitaria. Se chegan os camións co gran e coa auga, sobrevivirán un día máis. Se non chegan, simplemente morrerán.

As políticas idiotas. O criminal biodiésel. Queimar trigo brando, cebada e millo para que beban os motores a comida que se rouba ós ventres. Unha política asasina que ademais está a provocar graves problemas ambientais.
O proteccionismo dos países ricos, os aranceis sobre os produtos alimenticios, os subsidios agrícolas, a PAC que está a distorsionar o comercio condenando aos países do 3º mundo a non poder exportar o que as súas terras fértiles producen. Dáse o paradoxo de que os principais países produtores de millo impórtano máis barato de USA arruinando a súa propia estrutura productiva.

O récord no prezo dos alimentos crea novos famentos. O arroz, que da de comer á case a metade de Humanidade sofre, nas cobizosas mans das multinacionais, aumentos desorbitados de prezo. Decenas de miles de persoas morren cada día pola fame. E os que primeiro caen son os nenos.

Triste globalización a que está a crear dous mundos: un opulento, outro desprovisto dos recursos máis elementais. A aldea global non é xusta nin permite satisfacer as necesidades mínimas das grandes maiorías. A fame medra acompañada doutros xinetes da apocalipse: a desesperanza, as migracións masivas, as desfeitas ecolóxicas.

O club exquisito dos países máis ricos e poderosos do mundo, o G-8, falaron da crise dos alimentos. Estes pobres países tan ricos están preocupados. E que mellor maneira para relaxar tanta preocupación que unha cea de gala. Se cadra teñen apetito. Porque fame, o que se di fame, iso é cousa dos famentos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES