Perigosa extrapolación
Rubal, Pedro - viernes, 14 de diciembre de 2012
Frecuentemente, os comportamentos das persoas nos distintos ámbitos da sociedade civil adoitan ser un reflexo do familiar e escolar. Xa dicía Aristóteles que cando na vida familiar cadaquén fai o que lle ven en gana, a extrapolación desta conducta a outros medios é inevitable, causando perturbacións neles de alcance imprevisible, e, en todo caso, sempre de signo pernicioso.
A familia pode, e debe, educar para a democracia, mais sempre mantendo a súa estructura xerárquica: Non poden todos os membros das mesma tomar arbitrariamente as decisións, principalmente porque o funcionamento da estructura familiar non sería posible se os papeis se trabucan ou se asumen sen a experiencia e a capacidade necesaria. Outra cousa ben distinta é a necesidade de razoar as posturas de cada un dos integrantes da familia e actuar con prudencia: Ninguén está lexitimado para actuar con despotismo nin con egoísmo; pero tampouco cunha tolerancia e permisividade que poña en perigo a necesaria disciplina esixida pola responsabilidade duns e doutros ou a introducción de hábitos apropiados de convivencia.
As institucións do ensino, pola súa parte, teñen que cooperar coas familias nesta labor da educación para a convivencia, non creando unha atmosfera na que se respire un aire que invite a indisciplina e a considerar ás conductas anómicas como algo valioso, necesario, moi de actualidade, e introduza un snobismo ideolóxico acrítico. Porque...todo isto vano levar os alumnos para aqueles ámbitos sociais nos que teñen que desenrolar a súa vida futura. É dicir, van ser uns candidatos a ese facer o que queren, e seguramente terán que pelexar con outros candidatos/as ao mesmo, tamén ataviados con iguais hábitos.
Non dubido, non obstante, que o ensino sempre suscitou a contestación a unha pregunta enleada con cuestións pedagóxicas: A educación debe ser coercitiva ou debe basearse exclusivamente nas aspiracións do alumno?.
Moitos políticos e pedagogos parecen ter isto claro: Hai que axudarlle ao estudante a aproveitar as súas facultades din das que sacará as ensinanzas que necesita. Pero a min paréceme que a pregunta non é exactamente esa, xa que o gran problema da educación é: Debe ensinarse o que os estudiantes desexan escoitar ou o que realmente necesitan escoitar?. Porque o primeiro suposto é unha solución fácil; pero o segundo é unha actitude responsable.
Certamente, esta actitude responsable desencadea outra pregunta: Quen, e con que principios, decide o que os estudiantes necesitan escoitar?.
Penso que, ademais das esixencias éticas compartidas, o modelo de sociedade que queiramos debería ser decisivo, mantendo un compromiso científico axeitado a altura dos tempos, no marco da súa estricta racionalidade. ¿Acaso este non é o problema co que se encontran os políticos noutras esixencias sociais, coma a protección social, o desemprego, a violencia, a integración dos emigrantes e, incluso, moitos conflictos raciais que afectan a numerosas sociedades hoxe en día?. Ao fronte da correspondente xestión deberían estar gobernantes de recoñecida talla intelectual e con altura de miras, capaces de sobrevoar as escouras ideolóxicas en busca das solucións máis apropiadas e dos consensos necesarios. Xera isto abondo esperanza?. Con esperanza, sen esperanza, e, incluso, contra toda esperanza, penso que é a única asa á que podemos agarrarnos.
Cómo imaxinan, se non, que poida funcionar a convivencia nunha sociedade na que cadaquén destile o seu propio modo indisciplinado de vida?. Acaso non se lles ocorre pensar que podemos estar en presencia dunha con-causa de algunhas figuras de delicto ben común na nosa sociedade, por desgracia?. Cabe nalgún maxín que unha democracia poida funcionar fundada nuns cidadáns despreocupados da boa práctica familiar, sen criterios compartidos na docencia, desfacendo uns o que fixeron outros, e antepoñendo a liberdade, que, segundo o mesmo Sartre, móvese con indiferencia respecto do bo e do malo, aos valores éticos?. Qué mensaxe estamos a dar a unhas xeracións que apadriñamos coa incoherencia?.
Hai que evitar que os rebentos destas xeracións non confundan a sociedade co seo da súa familia, sobre todo cando foron criados por pais con certa laxitude e un paternalismo protector excesivo, ou por aqueles que non queren ser pais stricto sensu, senón amigos e incluso irmáns dos seus fillos, porque non son capaces de ser ambas cousas. Por suposto, ningún pai pode botar as campás a voar, como se adoita dicir; pero o que cumpre coas súas obrigas, aínda que estea insatisfeito cos froitos da labor realizada, nada ten que reprocharse. E o que se di dos pais, coas diferencias pertinentes, pode afirmarse das institucións chamadas a complementar esa labor.
Na Rebelión de las masas xa nos falou Ortega y Gasset del señorito satisfecho, do que di que é un home que veu á vida para facer o que lle deu a gana, porque no ámbito familiar todo lle quedaba impune: O señorito é aquel que cre poder comportarse fora da casa coma nela, el que cree que nada es fatal, irremediable e irrevocable. Por eso cree que puede hacer lo que le de la gana. Y...qué ocorre cando se encontra na vida con outro/a que abriga as mesmas crenzas?.
Escusamos dicir nada máis acerca do perigoso que é extrapolar certos hábitos familiares á sociedade: as conductas intempestivas, o descontrol nos gastos, as posturas aberrantes, a procura de medios nocivos para soportar os desacougos da vida, as prácticas chantaxistas para acadar estraños obxectivos, o desprezo dunha convivencia razoable, etc., que, traducidas a escala social, xeran liortas de consecuencias imprevisibles, falta de ponderación nas previsións económicas, precipitacións a hora de adoptar decisións transcendentais para a vida cunha teimosía que oculta a realidade, falta de rendemento, adiccións que levan á delincuencia, actitudes violentas e tumultuosas como único recurso reivindicativo, banalización de todos os instrumentos sociais ao servicio da delimitación dos espacios da convivencia, etc.
Por outra parte, ninguén ten a menor dúbida de que entregarse hoxe en día, nunha sociedade que ten grandes espacios de comportamentos anómicos, á labor de axustar contas cunha liberdade e cunha tolerancia sen límites non é unha tarefa nada fácil, porque hai que facer oídos xordos as sereas ideolóxicas, e non pouco ás do diñeiro, do poder, da soberbia, da vaidade, da frivolidade e do error; sereas estas que sempre se serven dos enganosos reclamos desa mesma liberdade e tolerancia, abandeiradas pola independencia.
Para afrontar esta situación, é preciso contar cunha fortaleza moral a toda proba, e dispoñer dun decidido propósito de soportar certo grao de soidade, xa que non vamos atopar suficientes mastros nos que pendurar a bandeira da moderación, da prudencia e dos enfrontamentos serenos coas adversidades inevitables da nosa vida.
Hai razóns, e hai que ofrecelas; pero nin se poden estar dando en todo momento, nin tampouco resignarse ós apriorismos dos rexeitamentos frívolos e interesados: Non se poden estar dando en todo momento cando pertencen a un sentido común histórico, e non hai que resignarse ós apriorismos dos rexeitamentos, porque son leiras abonadas de pre-xuízos.
O ateigamento dos parlamentarismos lévanos a dedicar o noso tempo a estériles discusións acerca do que é MELLOR FACER, en vez de dedicalo a converter en realidades as posibilidades que nos ofrece cada situación no noso decurso histórico. Tamén isto se extrapola, coma tapadeira da inmoderación e das malas prácticas administrativas: Así o demostra a mesma costume dos presidentes dos gobernos buscando apoio as súas insensateces nas novas e adiantadas convocatorias electorais, cunha insensibilidade dilapidadora que pon en cuestión os mesmos fundamentos axiolóxicos de toda constitución, cunha avidez de poder que, canto maior é, máis evidencia a incapacidade para ostentalo.

Rubal, Pedro