Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Voluntari@s: Mudar a pel, debuxar a vida

miércoles, 12 de diciembre de 2012
Sempre hai corazóns grandes, de empatía ilimitada, que convocan ilusións e esperanzas máis alá dos avatares da vida. Son xente coma nós: de carne e óso e coa marca irredutible do tempo. Mais coido que a súa consciencia do mesmo fainos vivir en segundos ou minutos e non en horas, e daquela dá tempo a todo. Son xente sen límites nin prexuízos que constitúe un sector case máxico que muda soidades por verbas: o voluntariado.

Son especialistas en compromiso. Non teñen máis arela que dar, nin máis recompensa que o sorriso; e día a día vanse cheos do patrimonio inmaterial das emocións (o mesmo que os grandes nomes desta crise nunca coñecerán, nin poderán embargar). Con este patrimonio multiplican experiencias, mudan de pel e son quen de falar de dores alleas.

Identifícanse co que queren cambiar e danlle azos para seguir; porque ser voluntario/a é converterse noutra persoa, ser o seu caxato, a súa anguria, o seu consolo e a hucha depositaria do seu sentimento, da súa inquedanza.

Os/as voluntarios/as levan con eles/as unha colección de peles que lles axudan a comprender as novas experiencias que veñen pola vida. Nunca paran, e sempre fan falla, porque cando se van o silencio do seu baleiro berra soidade. De certo, bótase de menos a policromía do seu trazo, eses camiños debuxados en múltiples opcións que sempre rematan en ledos sons. Son facilitadores de vida que lle devolven o verde aos outonos e fan aquecer as invernías. Todo porque si, porque fai falla e punto; e porque se eu fose eles/as tamén me gustaría que...

Eles saben do milagre da interdependencia, da cooperación, da firmeza da palabra e de construción dende a nada. Non teñen teorías, pero saben que cada aloumiño é un trazo de vida. E por eles a vida policrómase nos espazos da negrura. Os/as voluntarios/s son o eixo fundamental da nosa sociedade; porque calquera pode caer nun pozo, pero ninguén pode saír só.

Cando sexamos quen de aprender isto, seremos merecentes do mundo que debuxa o noso voluntariado.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES