Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A confianza básica

martes, 11 de diciembre de 2012
A relación entre as persoas e os grupos humanos baséase na confianza. É preciso garantir unha confianza básica mínima: saber que o outro non te engana, que non te vai traizoar. Os expertos en psicoloxía evolutiva (Erikson) definen a confianza básica como o sentimento de seguridada experimentado polo recén nacido cando é debidamente atendido polos pais, o que lle proporciona unha posición de esperanza e optimismo fronte á vida futura.

Mais, nos tempos de hoxe, a confianza colectiva está moi debilitada. Cando se utiliza o poder político para mentir e danar aos cidadáns, cando os bancos deixan aos seus clientes á intemperie e cando nos enteramos das actuacións delictivas do xefe da patronal a desconfianza instálase na vida pública e provoca desesperanza e decepción da política. Nesta crise tan prolongada a dereita gobernante fala de reformas, modernización e austeridade (verbas con carga semántica positiva), cando o que practica son recortes, contrarreformas e retorno a un pasado inxusto. Non frean a destrucción de emprego, o aumento das desigualdades e a demolición do Estado de benestar. O reparto de sacrificios nesta crise está sendo moi desigual. Cada vez hai máis voces que reclaman unha rexeneración da vida pública para evitar a desafección democrática. Mais non teñen todos a mesma responsabilidade. Houbo quen vulnerou as regras do xogo. Se cadra é saudable lembrar alguns protagonistas.

1. “Hilillos de plastilina”. Hai dez anos Mariano Rajoy, vicepresidente do goberno de Aznar cando sucedeu a catástrofe do Prestige, pronunciou estas célebres frases: “hilillos de plastilina en estiramiento vertical” (lembremos tamén “el destino del fuel en el fondo del mar es convertirse en adoquín”, de Fernández de Mesa). O verquido derramado polo ventre ferido do barco chegaba ás costas a toneladas, mais o portavoz do goberno pretendía silenciar a alarma con estas verbas mendaces. Mentres escoitaba esas afirmacións na radio do coche eu estaba en Arteixo vendo, desde o alto, o inmenso areal de Barrañán pintado de negro. A burla era evidente. Este mesmo home é, desde hai un ano, presidente do goberno de España.

Reclamaba a confianza dos cidadáns para endereitar o rumbo da economía. Prometeu austeridade pero sen afectar aos elementos esenciais do Estado de benestar (sanidade, educación, servizos sociais, dependencia etc). Minteu: esas partidas sufriron recortes brutais que xeran situacións de deterioro e desatención nos servizos; mentres tanto empregou inxentes cantidades de diñeiro público para rescatar á banca da situación calamitosa provocada polos seus xestores.Asegurou que o cambio de goberno abondaría para recuperar a confianza dos mercados e endereitar a situación económica. Agora estamos perto dos seis millóns de parados e centos de miles de familias bordean os límites da pobreza. Pero él esixe máis sacrificios ao pobo, afirma que imos polo bo camiño e asegura que a recuperación vaise producir no 2014. Despois de tantos enganos non sei se merece a nosa confianza.

2. Á intemperie. Nos últimos catro anos perto de 400.000 familias foron expulsadas das súas casas. Unha antigua e inxusta lei hipotecaria permite aos bancos desafiuzar ás familias dos seus fogares e continuar co cobro das hipotecas. A desesperanza destas persoas é máis que evidente. O suicidio como “alegato” (Rosa Montero), foi a saída que atoparon algunhas persoas para esta situación límite. Un grupo de prestixiosos psiquiatras (entre os que figuran algúns colegas de Galicia) publicaron en Deia un excelente artigo no que sinalan que estes suicidios testimonian e pagan coa súa vida o ser víctimas da codicia do capital. Algunhas persoas só ven unha saída: “deixarlles o morto” ante a inhumana e brutal codicia especulativa que mata sen disparar. O goberno propón unha moratoria de dous anos para as familias máis vulnerables. Esta medida non remedia nada, só aplaza a execución. Ángel Ron, presidente do Banco Popular, está preocupado: entende que esta medida pode premiar o impago e engadir dificultades á recuperación da economía. Amosa unha insensibilidade absoluta ante a dor allea; mais non ergueu a voz cando o goberno aprobou unha amnistía fiscal que permite “blanquear” diñeiro negro froito da fraude fiscal e de actividades delictivas.

Mentres os bancos seguen cos brutais desaloxos, deixando á intemperie miles de familias, o goberno plantexa darlle permiso de residencia aos estranxeiros que merquen un piso por un precio superior aos 160.000 euros. A medida vai dirixida, fundamentalmente, a compradores rusos e chineses. Pode ser unha boa forma de atraer ás mafias destes países, que atoparían aquí unha plataforma para as súas actividades e un modo excelente de lavar o diñeiro procedente do narcotráfico, da trata de brancas e do comercio ilegal de armas.

3. Díaz Ferrán. Este home, que foi durante anos o presidente dos empresarios, fixo oir a súa voz enérxica en numerosas ocasións; chegou a afirmar que “la mejor empresa pública es la que no existe”, queixouse de que “los aumentos salariales son perjudiciales para la economía”, e sentenciou que para sair da crise hai que “trabajar más y cobrar menos”. Tamén celebrou con entusiasmo a reforma laboral que abarata o despedimento e deixa aos traballadores na indefensión.

Desde hai uns días o expresidente da CEOE durme no cárcere. Está acusado de blanqueo de diñeiro, de alzamento de bens e insolvencia punible pola quebra de Viajes Marsans. Arruinou empresas, despediu traballadores, deixou a máis de cinco mil persoas sen poder voar (Air Comet,2009); debe máis de 400 millóns a empregados, clientes e provedores pero é un “arruinado” inmensamente rico. A xustiza non pode dispor do seu Rolls Royce, nin do iate, nin dos apartamentos mercados na mellor zona de Nova Iorke: todos estes bens están ocultos, pero baixo o seu control. Mentres bramaba contra dos sindicatos e despedía traballadores a súa actuación quedaba impune, pero unha denuncia presentada por catro potentes empresas (Meliá Hoteles, AC Hoteles, Pullmantur e Orizonia) remata cos seus ósos en prisión. Mesmo a xustiza semella selectiva á hora de actuar.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES