Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sempre baixo ameaza

miércoles, 05 de diciembre de 2012
Por comparación todos somos “menos-válidos”, pero só algúns somos discriminados polas nosas limitacións. Pasamos a vida loitando por cousas que outros nin pensan e gastamos tempo e enerxía para exercer os nosos dereitos. Somos un dos sectores máis vulnerables no que o impacto da crise é maior. Sen provocala, temos que pagala os máis fráxiles da sociedade. Non somos alleos á situación actual, pero entendemos que hai que dar prioridade os dereitos humanos fronte a outro tipo de gastos.
Non é fácil ver como se van perdendo uns logros que tanto custou acadar.

Aínda sen consolidar e xa están a desmantelar o precario estado de benestar das persoas con diversidade funcional (discapacidade) e as súas familias. A exclusión social avanza e máis para as persoas que xa tiñan os seus dereitos inestables e minguados. É curioso que sigamos a denunciar o retroceso nuns dereitos que nunca chegaron a ser reais. Podemos asegurar que as nosas conquistas sociais están sempre baixo ameaza.

Chega o 3 de decembro, “Día internacional das persoas con diversidade funcional”. Nova ocasión para facer declaracións de intencións que, como estamos acostumados, non pasarán daí. De seguro que se falará da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con diversidade funcional. Ata haberá premios aínda que, máis que premiar aos que fan o que deben, habería que castigar aos que non o fan.

Esta vez a celebración vai acompañada dunha marcha en Madrid baixo o lema “SOS Discapacidad”. É de destacar que a promove a Entidade que se presta máis aos intereses do Goberno que a defensa dos nosos dereitos.

Mesmo semella que ven perigar a estabilidade das súas “poltronas” e queren facerse visibles apelando aos que antes non souberon escoitar. Poderiamos falar dunha “solidariedade interesada” para seguir xestionando servizos, moitas veces contrarios aos nosos intereses e dignidade.

O noso non foi un camiñar fácil. Tivemos que esperar ata o 2006 para ter unha Convención equiparable á Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Hai que recoñecer que foi un logro, aínda que sen motivo de celebración, porque as leis que dan soporte aos nosos dereitos incúmprense sistematicamente. España “apurouse” a ratificar a Convención. Era unha sinatura máis, sen maiores compromisos, porque non se tomaron medidas para adaptar a lexislación. Ata se pode falar de tomadura de pelo dos nosos políticos ao rexeitar todas as enmendas presentadas para “parchear” a situación. Máis aínda: séguese lexislando contra os dereitos humanos.

A Convención recoñece, no seu artigo dezanove, o dereito a unha “vida independente”. Aínda non rematamos de dar a coñecer este termo ás distintas Administracións, cando xa se fala de marcha atrás. Temos todos os boletos e sempre nos toca. Como mostra podemos dicir que os recortes fan inviable a Lei de Autonomía Persoal, que cunha xustiza para ricos nin podemos recorrer aos tribunais, que se apelamos a instancias superiores a resposta é sempre que a Unión Europea non se responsabiliza de como gasta o diñeiro cada país... Tampouco se ten en conta que os nosos gastos habituais poden verse incrementados ata un 40% implicando custos extraordinarios. A modo de exemplo: vivendas que hai que facer accesibles, automóbiles que hai que adaptar, axudas nas actividades da vida diaria....

Día a día abondan titulares nos medios de comunicación que “xustifican” a destrución do noso fráxil estado de benestar.

A sociedade é diversa e nós somos unha modalidade máis, por iso os logros recollidos na Convención deben ser irrenunciables. Se os cidadáns non convivimos ao mesmo nivel non pode haber igualdade. Alguén dixo que “un mundo no que non entremos todos, non é un mundo bo para ninguén” ou tamén “unha sociedade pode considerarse tanto máis avanzada canto máis coide ao máis débil dos seus compoñentes”. Frases para meditar.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES