Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ecos e lembranzas na ausencia

lunes, 03 de diciembre de 2012
Sempre escribimos e publicamos de persoeiros de grande sona. A nosa Galiza faise con persoas humildes coma "Picos", que ninguén coñece, pero son os que de verdade traballan e cambian o mundo. Para el o noso recoñecemento entrañábel.

Benquerido Sr. “Picos”:

Naceu vostede polo Nadal de hai 94 anos. Era para nós a memoria vivente da nosa historia común. Con vostede fóronsenos 200 anos de lembranzas. Porque vostede tratou e coñeceu desde a súa infancia aos que lle recordaban e lle falaban doutros cen anos cara atrás. E logo están, principalmente, os 93, que vostede viviu como persoa activa e polifacética e que os tiña absolutamente frescos na súa memoria.

Xa non está fisicamente entre nós. Hai un ano, tamén polo Nadal, fóísenos silenciosamente. Son datas entrañabelmente familiares axeitadas para telo aínda máis vivo nos nosos corazóns. A gratitude que lle profesamos non nos permite pasar sen terlle lembranzas agarimosas.

Todo nos fala da súa inmensa presenza en tantos anos de vida en Mandiá. Aínda o estamos vendo os domingos na nosa igrexa con María, a súa dona centenaria. Hai poucos días, agora por defuntos, moita xente me veu falar de vostede e da súa dedicación á nosa parroquia para que estivese sempre limpa e relucente coma unha patena, coidada e fermosa. Se grande era o seu interés polo patrimonio común, moito máis preocupado estaba polo vivir e convivir dos fregueses e freguesas. A súa marcha puxo bágoas nos nosos ollos e sentimentos no corazón de todos nós.

Deixou vostede o listón moi alto na comunidade parroquial e así o queremos seguir conservando, avanzando sempre sobre as súas consignas. Os ecos da súa bonhomía, do seu consello, do seu amor por Mandiá non se apagan co paso do tempo.

A súa obra reloce nas contornas da nosa Igrexa parroquial, no noso cemiterio, pero sobre todo na súa presenza animadora en todas as iniciativas que puidesen aparecer. Nelas estivo sempre vostede en primeira liña de entusiasmo para arrimar incondicionalmente o ombreiro para todo o que fixese falta en toda a parroquia. Fixo de todo. Ata de practicante. Cantas inxeccións e curas leva feitas. Sempre, ás altas horas, a carón dos que sufrían. Todo gratuitamente. E á mañanciña erguerse para ir ao choio.

A min gustaríame dedicarlle unha placa de recordo en algún lugar do noso adro parroquial. E penso que aínda o habemos conseguir. Vostede merece isto e moito máis. Os ecos desa inscrición manterán vivas as lembranzas máis alá da súa ausencia.

As boas persoas endexamais morren. Viven perennemente no noso corazón. Don Xosé Dopico Manso, benquerido “Picos”, eu supoño que no ceo o seu padroeiro S. Xosé xa lle ten encomendado algúns arranxos no Portal do Belén ou tal vez na árbore do Nadal. Porén, nunca esqueza o aviso que sempre lle dabamos: Teña coidadiño de non empolicarse perigosamente nas escadas. Aquilo de “traballe, pero seguro”.

Iso nunca foi moito con vostede sobre todo nos seus tempos xa de ancián. Cantos sustos nos leva dado! A ver se no ceo poden con vostede. Coido que non.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES