Todo fede moi mal
Cardalda, Theo - jueves, 29 de noviembre de 2012
DESDE O PREGUNTOIRO
Tiñamos que facer de cando en vez un esforzo aos miolos para preguntarnos a nós mesmos que está acontecendo neste país dos despropósitos. Algo moi grave ten que estar pasando para que o xornal londiniense Financial Times (nada sospeitoso de esquerdas) diga que o Ministro de Economía De Guindos sexa o peor dirixente ministerial de toda Europa. Coido que non fai falla ser moi intelixente para sacar cada un de nós o mesmo que di este xornal, o saben ata os gatos que percorren os tellados. ¿Que podemos agardar dunha persoa cuxo último traballo foi ser directivo para España e Portugal da banca Lehmann Brothers cando quebrou?. Pois aquí o poñen de ministro. Manda carallo na Habana con estes chavales.
Abrindo un pouco máis o disco duro dos miolos, fágome a pregunta seguinte: ¿Que pode estar a pasar neste país para que os xuíces, fiscais, médicos están en manifestacións, indignados e alporizados?. Cousa que non se recorda nin nos tempos do franquismo. A cousa debe estar quente.
Porén, o máis cojonudo, foi cando fixen un esforzo abrindo un arquivo dese disco duro da testa, cando doume conta que o tiña atrofiado con notas de marca España, este mandeino á papeleira e puxen ao día ese miolo-arquivo atopándome cun escrito onde estes chavales que nos gobernan prometeron 164.000 postos de traballo nese proxecto de Eurovegas do presunto mafioso Sheldon Adelson, cando neste intre non suma máis de 36.000 postos de traballo en todo o mundo, sendo esta sociedade pescudada nestes intres en EE.UU, por unha morea de delitos.
Todo isto lémbrame aquela película do grande director de cine Berlanga Bienvenido Mr. Marshall de 1952. Para rematar a faena, só nos falta Corleone con toda a tropa de chavales, paseando por Guadalix de la Sierra e o bo de Pepe Isbert, no balcón do Concello , xordo, mudo e sen querer decatarse. Algo fedento está a pasar neste País.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora