Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cro, cro!, ou rabo na silveira

miércoles, 28 de noviembre de 2012
Contaba Curros nun fermoso poema (feito música na voz de Luis Emilio Batallán), como un vello perde todo nun accidente do que semella que só el se salvou, non quedándolle máis remedio que botarse á inmensa soidade dos camiños, e a pedir de porta en porta. Na súa viaxe, este home decide descansar un anaco nunha pedra e facer un monólogo de tristuras; pero velaí que atopa un compañeiro: un pequeno sapo que lle responde “cro, cro”.

O poema decimonónico xa fala da soidade que supón mendigar, da inxustiza que gardan os trabucos (impostos daquela época) e dunha nula sensibilidade do poder. Pregúntome que faría Curros se vivira os duros avatares do século XX, e imaxínoo convocando aos “mariñeiros da Marola, de Illas Cíes e do Orzán” contra tanta barbarie.

Mais estou seguro que hai unha data clave no citado século que enchería de gozo ao poeta: o 10 de decembro de 1948, cando se promulga a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (DUDH); velo sería, sen dúbida, a maior vitoria moral de toda a súa traxectoria.

Pero seguimos a historia; e Curros tería que ver, todas as veces que se lixou esta Declaración en múltiples xenocidios aos que a Comunidade Internacional pechou e pecha os ollos.

E chegamos a actualidade!, para ver como o poder político mete o rabo na silveira ante un poder financeiro que acoitela sen piedade á cidadanía mentres soluciona con diñeiro público as súas argalladas, tratando de resistir a conta de todos. Nada parecen importarlle a este poder as persoas, xa que a súa sede económica é como o cabalo de Atila: arrasa con todo o que ten a man.

Mais é o poder político o que ten a obriga de velar polo benestar da cidadanía, de garantir o dereito a unha vida digna do que fala o Artigo 25.1 da DUDH: “Toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado para a saúde e o benestar dela e da súa familia, incluíndo a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios; ten tamén dereito aos seguros nos casos de desemprego, enfermidade, discapacidade, viuvez e vellez, ou noutros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade”. Ou mesmo a nosa Constitución, que no seu Artigo 47 di: “Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para que se impida a especulación.
A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos.”

Na actualidade os poderes públicos non saben poñer no seu sitio a Goliath, non se atreven a combater ao xigante inhumano con eticidade. Alguén ten que dicirlles que coa dación de pago basta, e que un goberno democrático non pode ser o garante dunha oligarquía que parece velar polo desastre colectivo.

Por outra parte, cabe recordar que foron as entidades financeiras, as que entraron no macabro xogo especulativo de axudar a pagar as cousas a prezos abusivos; así que agora que non veñan facendo “cro cro” cando son parte causante da que está caendo.

Necesitamos políticos firmes e valentes que lle dean a cara aos problemas e que limiten o poder daqueles que nos afogan; non paxariños co rabo nas silveiras, nin sapos repicando “cro cro” ás xustas protestas da cidadanía.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania