Amigos das setas: Os Bolouros
Fernández, Suso - martes, 27 de noviembre de 2012
O colectivo celebra a XXXIV Semana Micolóxica. No seo da Peña O Lar nacía o grupo, en 1978, impulsado por Constantino Mariño, presidente/fundador, pioneiro na bisbarra en espallar o interese cultural, culinario e económico dos fungos.
En 1987 Os Bolouros foron encargados de organizar a IX Semana Galega de Micoloxía o que propiciou a presenza na vila dun feixe de ilustres especialistas de Galicia e Asturias.
Antón Patiño. persoeiro singular, de grande cultura, prestixioso libreiro de Vigo, onde presidía A Zarrota, así como Os Lactouros, de Monforte, presidente da Federación Galega, acudíu a Foz repetidas veces para celebrar xuntanzas e participar en actividades sobre os cogumelos: extrovertido, poeta, pintor, bohemio. De discurso grandilocuente, elegante na presenza e nos modais, non volvéramos a vernos dende os días de Os Bolouros aínda que a nosa amizade, por razóns profesionais, era anterior.
O reencontro foi o día 1º de setembro de 2004, na carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei, no enterro do poeta Manuel María, en momento moi emotivo: entre a numerosa asistencia , có cadaleito ós pés da Virxe, da que se tiña declarado moi parcial e mentres os seus amigos da Banda de Sober interpretaban a Negra Sombra. Ó remate achegouse a nós un home, cangado polos anos, que portaba na man un caxato con artística empuñadura. Ante a nosa indeferenza pola súa presenza, díxonos: Ti non eres o Suso de Foz? -De momento, sí- Eu redactei os Estatutos de Os Bolouros
¡¡Patiño.!!, exclamamos.
Pasado un tempo visitámolo en Vigo, pero saímos tristeiros do encontro: o home perdera a vitalidade que o distinguía, a expresiva mímica que prodigaba e a cor das meixelas. O 7 de xullo os medios daban a triste nova: finara Patiño. Pouco antes publicara o libro Memoria de ferro, sobre a xeración sacrificada pola represión da guerra do 36. Patiño, unha personalidade non doada de esquecer.
Correos emitira un selo especial da Semana Micolóxica de Galicia en Foz á que él non fora alleo. Hoxe Os Bolouros, baixo a experta batuta do biólogo Xesús Blanco camiña cara ó seu XXXV aniversario.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora