Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

García Amor encheu o Seminario de música

lunes, 26 de noviembre de 2012
Garca Amor encheu o Seminario de msica UXÍO GARCÍA AMOR ENCHEU O NOSO SEMINARIO DE MÚSICA

Vimos de celebrar -22 de novembro- a festa de Santa Icía, Padroeira da música. E deixándome levar polos soños e as lembranzas agarimosas volvo cara atrás sen ira ao Seminario de Mondoñedo dos anos 50. E atopo de novo a Uxío García Amor de quen tiven a honra de ocuparme hai poucos días na homenaxe que lle tributou Xermolos e a Irmandade Manuel María declarándoo Chairego de honra.

Nós coñeciamos ben o chío e o cantar dos diversos paxariños no raiar da alba, pois case todos viñamos do rus e criabámonos con eses primeiros cantores do universo, cousa hoxe ben máis difícil pola extinción de moitas das especies ou porque no ambiente urbanita predominan os ruídos sobre as melodías.

Grazas ao labor calado e constante dos nosos músicos de aldea, (moitos deles autodidactas e verdadeiros artistas que saían da nada) e grazas aos nosos gaiteiros ou ás orquestras nos días da festas patronais íamos achegándonos a un repertorio importante de música popular e tradicional. En moitas aldeas aínda non tiñamos luz eléctrica.

Os seminarios e as catedrais foron desde sempre lugares privilexiados para vivir a música selecta en vivo e en directo. Na nosa tradicional Ratio studiorum a clase de música, solfexo e gregoriano tiñan, cando menos, media hora cada día. Pero tampouco desde aí se accedía a toda a produción musical mundial. Faltaba unha axeitada Historia da música e unhas boas audicións.

Tampouco debemos esquecer que na ditadura a censura era férrea e actuaba manu militari contra todas as formas creativas de expresión por moi artísticas que elas fosen, salvo as promovidas polo réxime. Naquela España. moi ao revés do que dicía o Cara al sol, aínda tardaría moito aquilo de “empezar a amanecer”. A pobreza tamén era moita.

Hoxe en vilas un pouco grandes hai pazos de ópera e os medios de comunicación poñen nas ondas a música no mesmo intre de estar nacendo no lugar máis apartado do mundo Cada un de nós temos varios aparellos musicais que camiñan connosco no peto, no automóbil e xa non falemos dos rapaces colgados dun “pinganillo” a todas as horas do día.

Música clásica no espertar e espertar á música clásica.

Pero no meu soño, coma San Ero de Armenteira, deixádeme aparecer de novo no noso entrañábel Seminario de Mondoñedo mesmo no abrente dun día calquera de 1956. Foi daquela cando Uxío substitúe a clásica campá que rexía todos os actos da comunidade por un adiantado fío musical, un tanto artesanal, xa que a tecnoloxía de Mondoñedo naqueles intres tampouco podía dar moito máis de si.
T
odos os días do curso amencíamos cun repertorio selecto durante media hora. Para a maioría de nós era a primeira vez que oíamos e escoitabamos as catro estacións de Vivaldi ou nos familiarizabamos con Mozart, Chopin, Thaikowsky, Debussy, Bach, Beethowen, Rimsky-Korsakoff, etc, Albéniz ou J.Rodrigo.

Como Director da Schola cantorum mimou sempre a nosa mellor música galega e a dos nosos mellores mestres galegos. A Negra Sombra estremecía baixo a súa batuta.

Hoxe parece un paradoxo que teñamos de estar a magnificar algo tan sinxelo como erguerse cunha alborada musical. Distingue tempora et concordabis mores et jura. A cada tempo hai que interpretalo no seu acontecer e non valen transposicións de criterios históricos.

Pois neste ambiente chega Uxío, despois de dez anos en Roma, a Mondoñedo, unha cidade xa na vertical de decadencia ao deixar de ser provincia do antigo reino da Galiza, no 1833, e as gadoupas da guerra e a emigración tamén puxeran os ventos contrarios para a nosa benquerida cidade episcopal.

Nada de un fantasma percorre Europa. Silenciosamente, como é el, axiña se fixo notar. Pero non sen sufrimentos polas incomprensións ou mesmo os celos por parte de algúns ante a posibilidade de perder postos e prebendas ou polo simple inmobilismo inherente ao ser humano.

Aínda non aparecera a música nos plans de estudos en España e Uxío creou, con carácter voluntario, as Aulas para a formación do gusto musical. As súas intervencións e logo as audicións eran do que hoxe se denomina: excelencia. E isto estao afirmando alguén para quen o oído musical non é precisamente unha das súas dotes naturais. Por suposto houbo que establecer un certo filtro ou case un numerus clausus pola afluencia de voluntarios. Non cabiamos na aula máis grande que tiñamos:A da entrada.
Púxonos de texto de lectura indicativa: Música para todos nosotros de Leopoldo Stokowski, Espasa-Calpe, C. Austral, nº591, 5ª, 1954, Madrid. (18 pesetas). Gárdoo coma un tesouro.

Deste autor di o presentador: “Cando só tiña sete anos decatouse de que a música non só era algo moi belo, senón a expresión da máis alta poesía da vida; por esta razón é unha das influencias máis inspiradoras”.

Isto mesmo digo eu, co gallo do día de Santa Icía, do noso benquerido mestre García Amor. Grazas, D.Uxío.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES