Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Uxío García Amor

jueves, 22 de noviembre de 2012
O PERFIL DE UXIO COMO PERSOA COMPROMETIDA
CO EVANXEO E CO PAÍS

Na HOMENAXE A D. UXÍO GARCÍA AMOR.- VILALBA, 17-10-2012.

Saúdos primeiramente para o benquerido D.Uxío e para vostedes señoras e señores.

Grazas a D.Alfonso Blanco Torrado e a Asociación Xermolos de Guitiriz por terme encomendado esta tarefa de honra.

Grazas a D. Xulio Xiz pola súa sempre intelixente e esmerada presentación do acto.

E postos a soñar eu gostaría agora de estar escoitando aquí a D. Xosé Chao Rego entrañábel amigo, compañeiro e profundo coñecedor e admirador de D. Uxío. Tamén o amigo Bernardo García Cendán debera estar ocupando esta cátedra.

Pero a vida é como é e tócame a min achegarme hoxe e aquí a vida deste admirado sacerdote desde outra posición, a do alumno que vai rastrexando as pegadas que o insigne e humilde profesor vai deixando, case coma quen pide perdón, quen mesmo por iso é admirado de todos os que tivemos a sorte de telo como formador.

Uxío García Amor, nace en Sante hai 84 anos, o 07-11-1928, municipio de Trabada, nunha das dúas variantes do Camiño Norte que entra en Galicia.
Entrou no Seminario de Mondoñedo por suxestións que lle facía con frecuencia ao seu pai o cura de Abres, parroquia da marxe dereita do río Eo. Unha zona na que as Asturias e a Galicia se reparten as ribeiras fluviais.
Aqueles consellos foron tidos en conta e o rapaciño ingresa no Seminario Conciliar de Santa Catarina de Mondoñedo no ano 1940. «Gustábame estudar, e era case a única oportunidade que tiñamos», dixo en algún momento.

Eran anos de aprendizaxe e tamén tempos de posguerra e penuria. Os alumnos tiñan de levar a comezos do curso una fanega de trigo, que axudaba a alimentar o corpo e tamén parecía nutrir o ánimo: «Pasábase ben, con boas ilusións e ánimo de seguir».

A comezos do curso 1945-1946, con case 17 anos, foi enviado a Roma pola diocese para iniciar os seus estudios de Filosofía na Universidade Gregoriana. E, previo o curso propedéutico, consegue a laurea en tal disciplina. Posteriormente cursou na mesma Universidade os cursos de Teoloxía que conclúen co grado de licenciatura. O 19-03-1953, aos seus 25 anos, foi ordenado sacerdote na capela do Colexio Español de San Xosé en Roma, sito daquela no Palazzo Altemps. No curso seguinte inicia os estudos no Instituto Pontificio Bíblico da Cidade Eterna onde en dous anos consegue o grao de licenciado en Sagrada Escritura. As súas notas foron sempre: “Summa cum laude”.

En Roma fica del unha lembranza inesquecíbel na Universidade Gregoriana, no Pontificio Instituto Bíblico, no Colexio Español de San Xosé e na Academia Pontificia de Música Sacra. Por bo estudante e pola calidade humana.

Ao seu Seminario de Mondoñedo chega de novo en setembro do curso académico 1955-56 con esas tres licenciaturas traballadas concienciudamente: Filosofía, teoloxía e ciencias bíblicas ou Sagrada Escritura, que tanto ben ían facer a moitos.

Axiña ven de ser nomeado profesor de Sagrada Escritura, Lingua e Literatura española e universal, Grego, Francés, Música, Historia das Artes e Arte Sacro, xunto coas funcións de director da Schola Cantorum, Secretario de Estudos, Vicerreitor do Seminario e Superior interno e formador no Seminario Menor. Tamén Mestre de Capela na Catedral.

D. Uxío formou parte dunha época e dun grupo de grandes figuras, que con formación crítica, profunda e universal retornarían logo para traballar nas súas dioceses de orixe

Cando chegan aquí seguía sendo realidade aquilo de Machado: Españolito que vienes al mundo, te guarde Dios. Una de las dos Españas ha de helarte el corazón. Esa mesma España á que tamén cantarían posteriormente Ana Belén e moitos outros:

“España camisa blanca de mi esperanza
reseca historia que nos abraza,
a veces madre y siempre madrastra”.

Serán estes, e moitos outros, os que irán poñendo os alicerces para traballar a saída persoal, comunitaria e colectiva da Longa noite de pedra cara a un mundo máis libre, máis humanizado, máis culto, máis democrático, máis xusto e menos caínita.

E sobre todo serán estes os que saiban responder a un fito histórico: Traballar, dixerir e espallar o Concilio Vaticano II. Na nosa diocese serán Pepe Chao, Uxío García Amor, Fernando Porta, Gabriel Vázquez Seijas, Cuco Ruíz de Cortázar e algúns outros, quen, co benquerido bispo Don Jacinto Argaya ao fronte, levaron a cabo o inxente e acertadísimo aggiornamento do todo o clero e laicado diocesano, da nosa igrexa e da nosa sociedade civil, como nos urxira aquel bo papa, Xoán XXIII e a Gaudium et Spes.

Así cómpre recoñecelo e profesarlles inmensa gratitude.

O Grupo Estría. que aínda hoxe é punto de referencia para calquera historiador que se prece, tivo en Roma moita actividade naqueles tempos. Abarcaba un pouco todos os saberes da época. Nós, no seminario de Mondoñedo, tivemos a honra de coñecer varios números da súa Revista Estría e de gozar das excelentes poesías deste noso benquerido profesor.
De entre aqueles eu destacaría ao P. Luís Alonso Shökel e ao sacerdote, escritor e periodista José Luís Martín Descalzo. Naqueles foros de formación e cultura, sempre foron grandes as loas para Uxío García Amor. Só lle achacaban que non acentuase máis a súa asertividade, xa que por timidez e excesivo perfeccionismo, o mesmo ca Rosalía, non saca a relucir o moito que el sabe e o ben que o sabe facer.

El sabe que estou contando a máis pura verdade. Por iso dicía no comezo, quen me dese que fose Pepe Chao, o seu coetáneo por aqueles lares, quen nolo contase hoxe aquí como testemuña máis directa e con detalles máis pormenorizados.

En época recente, eu tiven a oportunidade de vivir nese Colexio Español onde celebraron o cincuentenario de homenaxe a toda aquela floración de persoeiros que foron grandes biblistas, literatos, políticos, músicos, poetas, bispos, etc.

El, aínda hoxe, é convocado para intervir coas súas valiosas e experimentadas achegas nas efemérides máis sobresaíntes. Contan sempre con el como un activo de primeira clase.

Uxío sabe de música e de gusto musical. Sabe de arte e de todas as belas artes. Sabe como valoralas, como esculcar e escudriñar os misteriosos segredos que os artistas souberon plasmar e expresar. Aquilo do neno de Castelao: E logo quen lle dixo a vostede que dentro desa pedra estaba esa muller tan fermosa?

Nas súas preferencias literarias recoñece que varios autores teñen influído nel, sen un predilecto en exclusiva. Ten confesado que Antonio Machado, Celso Emilio Ferreiro ou Noriega Varela son voces que resoan dentro del pola súa excelencia.

Un profesor e académico da Española, Álvaro Porto Dapena, dixo de Uxío “Esperaba poder ler algunha composición do meu tamén inesquecíbel e querido profesor D. Uxío García Amor, de quen non sabería dicir se é mellor músico ou poeta. Os seus sonetos encantáronme”. (PORTO DAPENA A, en Poetas del Seminario mindoniense.- Diario de Ferrol, 14 de outubro de 2007, p.14).

Sabe de literatura, filosofía, teoloxía, ciencias bíblicas, oratoria, xornalismo, política, arte sacra, etc. É un home ben do seu tempo e formado para todos os tempos. Transcende o decorrer do tempo porque navega en proa mirando sempre cara adiante e deixa detrás unha estela que marca rumbo. E nese ronsel, por sorte, estamos nós.

Publicou “Versos en mi vida”. “Sorprende comprobar a solidez, a beleza formal, a intensidade dos contidos e a conmovedora espiritualidade da obra poética que Uxío García Amor foi construíndo ao longo de máis de medio século de escritura”.

Porén, velaquí o xuízo del, modesto coma sempre: «Se valen de algo, aínda que sexa como recordo agarimoso e familiar, xa me dou por satisfeito”.

Outros escritos del:
· Xavier Méndez Pérez, músico da nosa terra.
· José Prieto Verdes. Na “familia de familias”.
· Daría Balea Méndez, a pedagoxía do corazón.
· Don Gabriel Pita da Veiga, home de Deus.
· Manuel Mejuto Sesto.

A obra escrita de D. Uxío é sumamente ampla pero está moi espallada por infindas publicacións que xa darían ben para unha boa tese de doutoramento se estivese ben dirixida. Algún día, dime o corazón, que se fará realidade este estudo coa categoría que ben merecen o autor, a súa vida e a súa obra.

Retomemos a súa dedicación á música. Na Cidade Eterna profundou no coñecemento e na aprendizaxe dunha das súas grandes paixóns: a música, como xa se insinuou. As aulas de polifonía no Instituto de Música Sacra son o anticipo de posteriores cargos xa citados: A Schola Cantorum do Seminario, Mestre de Capela na Catedral de Mondoñedo, director de corais, Orfeón da Sociedade de Obreiros de Mondoñedo, Polifónica Vilalbesa, na actualidade, etc. Son mostra das súas dotes para cantar e harmonizar voces. Negra Sombra, a canción da que ten moi bos recordos como director do orfeón da cidade episcopal. Sen deixar de lado as foliadas ou composicións como Velaí vai. Da etapa de Vilalba son La caracola e El mar muerto .

Isto ven a conto de que con tantos anos de sacerdocio a evolución na música foi grande e os cambios afectaron tamén á música relixiosa. Lonxe de fosilizarse nostalxicamente e en exclusiva nun pasado, el avanza cos tempos escollendo con visión crítica e selectivamente o mellor que se vai producindo. Di el: A solemnidade xa non é o que era. Pero as cancións están más próximas aos fieis, son máis breves e facilitan a participación de todos nas celebracións litúrxicas. E así, xunto con Xabier Méndez Pérez, estivo na creación dos “Salmos para a Nosa Terra”, que tantos parabéns mereceron, e comprometeuse nos comezos serios da liturxia en lingua galega.

É un experto en idiomas. Galego, español, portugués, italiano, alemán, francés, inglés. Manexa ben latín, grego clásico, hebreo e árabe. E non estou esaxerando. Pois todos eles lle foron necesarios para os estudos bíblicos. Eu puiden comprobalo persoalmente no Seminario. Por máis que el na súa modestia diga que non é para tanto.

Porque traio eu aquí o dos idiomas?

Alguén preguntoume un día en ton dubitativo que cal era a postura de D. Uxío en relación coa nosa lingua. Retruquei simplemente que se deixasen de andrómenas, de dixomedíxomes, de seicas e disques. Cómpre sermos un pouco máis serios. Que collan, como fixen eu, os Boletíns do Bispado de Mondoñedo nos tempos de Sede Vacante cando el foi o máximo responsábel da diocese e poderase comprobar, principalmente nos escritos, cartas e comunicados a toda a Diocese, cal foi a lingua, case en exclusiva, que el usou.Tomou decisións moi importantes que só el sabe cantos sufrires e desquereres lle causaron. E cando chegou o novo Bispo, D. Xosé Gea Escolano os escritos del, como Vigairo Xeral, seguiron tendo a mesma periodicidade e sempre nun exquisito galego, que manexa coma poucos.

Eu non son propiamente o que se di un dos do círculo ou do grupo dos seus amigos íntimos nin das equipas que nos tocase traballar xuntos. Pero si son outro máis do seus profundos e agradecidísimos admiradores, polo moito que lle debo. Por iso son moi libre ao afirmar hoxe estes testemuños. Eu veño ser coma un espello que reflicte o que acontece en todo o seu alumnado espallado polo mundo adiante, cregos algúns, mas a maioría noutras diversas profesións de todo tipo. El mesmo non sabe ben canto hai de el en todos nós. Todos coincidimos en recoñecer o selo de amor serio á sabedoría, á nosa lingua e cultura en particular, que el nos soubo transmitir sen proselitismos partisanos, e sen produtos de “ferro vello” como se lle chamaban nas feiras da miña nenez ás bagatelas ou ás cousas superficiais, tramposas ou de sétimo uso.

El entrou de cheo nos traballos do Concilio Galego e saudou con albricias a Carta Pastoral do bispo D. Miguel Anxo Araújo Iglesias: “A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega”, (1975) e penso que iso o afirmou no que xa viña sendo nel unha praxe común. E logo na aprobación do Misal galego, 1985, que chegou baixo o seu mandato como Administrador Diocesano, e no que puxo interés e alento.

No tocante a isto eu podo afirmar fidedignamente con canto agarimo, aprezo e valoración positiva nos explicou a literatura galega dentro da literatura universal. Corrían ventos ben avesos para toda diferenciación dentro daquela España difícil y erecta que el ambicionó, como dicían na Falanxe de José Antonio.

Como eu son moi conservador gardo coidadosamente as fichas densas, concisas e meticulosas que el tanto traballaba e que logo tamén esixía á hora de dar conta da tarefa estudada. Foi no curso académico 1958-59.
Tanto lembro a súa influencia en min que no ano seguinte eu tiven de levar unha especie de pequena conferencia que nos esixían aos alumnos de Filosofía para expola ante profesores e alumnos. Eu tituleina: “A morriña e a saudade galegas encarnadas na figura prócer de Rosalía de Castro”. Tanto se me gravara o seu ensino da nosa cultura e literatura.

A influencia de D. Uxío en todo o clero actual da nosa diocese foi e é inmensa Ten oitenta e catro anos e son máis de sesenta de maxisterio polifacético e de excelente calidade. Sabe de case todo e de todo nos comunicou nun labor calado e silencioso como silencioso é el na súa propia vida e na súa docencia. A don Uxío hai que estudalo desde o silencio, en silencio e nos silencios. Por iso ten a arte de saber escoitar e atender. Unha escoita activa, din os psicólogos. Unha escoita sanante e sanadora.

Vexamos un detalle. Un alumno faille unha pregunta sobre un asunto para el de sobra coñecido. Resposta del: Isto hoxe non o teño ben preparado. Prefiro contestárvolo mañá. E mañá chegou cunha ficha concisa e densa, escrita, abarcando todo o que era importe dese tema e con citas bibliográficas. Tomaba en serio aos alumnos e á ciencia. Del fiabámonos totalmente. Nunca nos mentiu e non ía nunca de fantoche nin de ‘relumbrón’. Non “fardaba” de si mesmo. Por iso o admirabamos aínda máis.


COMO É O HOME E O SACERDOTE

Se admirado é o profesor e o director de corais verdadeiramente é moito máis admirábel o home e o sacerdote.
Os seus 84 anos, acabadiños de cumprir hai dez días, non lle impiden manter un alto ritmo de actividade.
Tivo Numerosos cargos:
· Formador no Seminario de Mondoñedo.
· Profesor de case todo en diversos centros e aulas.
· Delegado diocesano de Liturxia.
· Conferenciante dentro e fóra de España.
· Cóengo na catedral mindoniense.
· Administrador Diocesano entre a renuncia de Araúxo Iglesias e a chegada de Gea Escolano.
· Vigairo Xeral.
· Párroco de As Pontes.

Este noso home, vivindo en Ferrol e cando as estradas eran malas coma o demo, atendeu durante uns 20 anos dúas parroquias de Trabada: Valboa e Fórnea.

Tamén ao Ermo, en Ortigueira. E cando fallaba un crego, alá ia el caladiñamente a suplilo. Dicía sentirse a gusto. «As parroquias rurais son máis familiares. Se pasas a unha parroquia rural, acabas sendo da familia.Esa familiaridade acaba interiorizándose».

Tamén debeu deixar semente de entrega na propia familia de sangue, xa que o seu irmán Pepe foi compañeiro noso no seminario moitos anos. Un sobriño del é Padre paúl e misionario en Angola. Unha sobriña, cos estudos universitarios a rematar, entrou na clausura das Carmelitas Descalzas.

Os que coñecemos a diocese desde dentro sabemos que andaron con el de arriba para abaixo, sen deixalo dedicar de cheo ao que podía telo convertido nunha autentica autoridade docente e científica e ser unha fonte de inmensa riqueza para unha diocese que, pequena coma nosa, sempre estivo falta de verdadeiros mestres de vida e de ciencia. El foino e éo, pero desde os testemuños de entrega e servizo.

Visto desde fóra e con ollos só humanos diriamos del que foi un todo terreo.
Mas cómpre interrogarse: Fixeron del un baila na criba? Deixouse utilizar en demasía? Ou foi a virtude dun home humilde e consciente que ten a sabedoría bíblica de transcender as cativezas humanas?

Por momentos houbo moito malestar incluso en altas esferas da igrexa de España pola utilización moi pouco delicada que se fixo da súa persoa. Temos de dicilo así: “chiaro e tondo”, como din os italianos.

El, igualciño ca os profetas, non sempre foi recoñecido na propia casa. Poderiamos titulalo así: As probas dun sacerdote humilde, que non humillado, porque humillado é quen se deixa.

Cumpliu aquilo de Cícero: Et ad majora nati sumus. Pero o que lle é de verdadeira aplicación, sobre todo, é do Mestre Xesús de Nazaré: “Quen queira ser o primeiro sexa o último de todos e o servidor de todos. (Mc 9, 35). “Sabedes ben que os que son recoñecidos como xefes dos pobos, tiranízanos, e os grandes oprímenos. Non sexa así entre vós o que queira ser grande, sexa o voso servidor.(Mc 10, 42-44).

Este é o seu ideario profundo e o seu leit motiv existencial. Quen non o estude á luz destes criterios nunca o vai entender.

Sabemos ben certo que lle propuxeron ser bispo e que non aceptou. Incluso se sabe o sitio do seu destino. Penso que foi a única vez que dixo. Non!
Agora, por parte de vello, proclámano Prelado de Honra. Honra que nos vai mellor a nós, que presumimos de monseñorados, do que a el que non lle serve de nada. É un home profundamente libre no seu espírito. Liberdade sen ira.

Alguén preguntoulle:Séntese vostede verdadeiramente realizado con tantos anos de vida sacerdotal?.«Cómo non?», respondeu sorrindo e rotundamente
A Vilalba chega no 2001. En Vilalba, «Integreime ben. Axiña sentín o agarimo da xente».

“García Amor, coa ilusión de quen canta, parece terse ido adaptando aos seus diferentes destinos”.

Ten variedade de gustos. Confesa que lle agrada camiñar a miúdo polo paseo fluvial de Vilalba e contemplar a súa variada vexetación.
Franciscanismo puro. Di sentirse ben entre os amigos e unha vez ao ano verse cos compañeiros do Seminario e compartir misa e mesa con eles.
A min déronme a misión de falar de: “O perfil de Uxío como persoa comprometida co evanxeo e o país”.

Pois coñecendo todos a D. Uxío García Amor, eu acabaría aplicándolle en singular aqueles versos cos que Uxío Charlón e Manuel Sánchez Hermida, dous obreiros da Construtora de Ferrol, pertencentes as Irmandades da Fala, remataban no teatro Jofre de Ferrol en 1917 a súa obra “Mal de moitos”:

“Perseguindo unha idea nós camiñamos
non son trunfos nin grorias os que buscamos.
Soio pedimos
moito amor para a terra onde nascimos”.


Grazas por todo, Don Uxío, et semper nobiscum vivas.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES