Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tedempo, de Xosé Lois García

jueves, 22 de noviembre de 2012
Eu debería empezar a falar da primeira impresión que me deu o libro, cando o lin, recén saído do forno, e que –en honor á verdade- debo dicir que foi de sorpresa e satisfacción. Desde esa sorpresa de cada un dos relatos e textos creados pola cabeciña tola do meu amigo Xosé Lois. Claro que todo cadra dentro do seu activismo inquedo, das súas pelexas contra esta realidade que nos embarga, que nos come a figura e que nos obriga quizais a cambiala. Porque neste eido da amizade soberana, compartido con moitos outros amigos, comúns, moitos deles hoxe aquí presentes, coido que por iso salta á vista esta utopía que nos ten que habitar, a dos soños, a dos desexos. A da felicidade de compartir momentos, de conciliar esperanzas e traballos. De percorrer espazos e tempos, de habitar afáns, ansias e anhelos. Os chamados, na Nosa Terra Chá, anceios, e que todos temos, ...anceios de chegar, de ver, de … por fin saber e sabernos donos de nós. Moi por riba da realidade, ...porque a realidade que temos é pobre e empobrece, non se sabe moi ben porqué.

Pero mirade atentamente, abride os ollos: cómenos a inmundicia e estamos acabando coa beleza. E, sabendo que cómpre a beleza, se non a hai, hai que inventala de novo. Mirade esa realidade, tan crúa como hoxe é, observádea agachada, confundida, contaminada, ... dilata as pupilas no enfado constante, na falta de ledicia, de esperanza, nos noxos e indignacións, inconformismos, inxustizas, palabras ocas, silencios e baleiros escuros, desequilibrios e penchas, trampas, atracos e irregularidades, de … tantas cousas inhumanas que ninguén imaxinaba. E canto máis queda por saber!.

No mellor dos casos, cando caemos nela –na realidade- chegamos a pensar que son outros seres os que viven as nosas vidas, ou nós nas deles, ou que as vidas que a nós nos correspondería vivir, son dos demais, ou que hai outros que as viven. Pode ser un modo de escapar dos medos infantís que en nós perduran. Habitamos noutros mundos, os que fuximos, e vivimos construíndo realidades ficticias, irrealidades e soños, nosos ou doutros. Así imos cambiando e a “ficción” acada visos de realidade, de verdade, de certeza. Chegámola a crer e vive en nós, limpa, pura, ...moito máis clara que aquela realidade que se perfila nos ollos e cos contornos precisos do físico.

É o modo de evadirse de tanta miseria. Porque a realidade está irrecoñecible, feita un lixo, traída e levada por medios de deformación, polos múltiples intereses que nos mediatizan e que fan das nosas vidas unha posesión da mentira, necidade e mediocridades que están á vista.

Paga a pena a Liberdade, ...esa que se sementa desde a Memoria, desde a consideración e a estima do pasado, onde agroman os anceios. Hai Liberdade cando hai lembranzas, ...e senón, haina que inventar acabalgando ficcións, supostos. Inventarémola coa satisfacción de dar unha explicación non absurda, pero si próxima, moito máis entrañable. Trátase de buscar e atopar, nunca de quedar deixados e comidos polas sombras, polo silencio.

Cando así sucede, ...contés a respiración e, ao rato, respiras “por necesidade, e por recuperar o pracer do agardado”. Nesa ficción que constrúes, xorde o encantamento da realidade, a metáfora da felicidade na vida, a que nos envolve permeables aos amenceres e devalos da vida, do sol, da lúa, do mar, dos alentos. A fantasía é ese punto de vista desde o desexo, ...e é aquí onde lle hai que recoñecer o mérito ao Xosé Lois, neste libro de verso relator ou de relato poético, porque apreixa verbas do corazón no desexo, na indiscutible fantasía da súa tribo, na certeza dos seus soños, desde a veciñanza da ollada e coa curiosidade do imaxinario. Precisa unha perspectiva de perfecto coñecemento dos feitos, ata hoxe tan só nel domiciliados, para describir e imaxinar, para pousar o pretendido e logo: saber dicilo. Que non é doado. Transmitilo despois de deixar que nos frecuenten e residan as nosas hipóteses, conciliando, pactando, acordando e combinando recendos de porvir, esperanzas do desexo. Todo iso é difícil, constitúe unha forma de amor que se debe contar desde a confianza, certeza e harmonía na que se apoia a intuición, o enxeño e a mesma ciencia para conectar feitos presentidos co equilibrio do rigor e a veracidade. Algo empeza a existir desde o suposto, o probable, o agardado, o crible, presumible e realizable, ...quizais -algún día- demostrable.

Nesta aproximación á arcádea dos tempos, costa entender este acto creativo de historiadores, con tintas románticas e vocacións de certo idealismo práctico e patrio, que logo os demais podemos descubrir nas biografías dos malchamados “secundarios” da intrahistoria, que, coma neste caso, convértense en protagonistas da revisión da memoria, cando ao paso do tempo nos dá a perspectiva necesaria.

Paga a pena a Memoria, a Liberdade. E escribir así fai que nos sintamos libres, ... e iso, equivale a arriscar constantemente collendo camiños ignorados que alteran o noso destino, sen que ninguén nos marque a ruta, pero obrigándonos a protagonizar os nosos acertos e erros, estimando o pasado e a experiencia, e na proposta a decidir, a sobre-erguer dos medos, mesmo a inventar e a decidir os soños sen saber cal é o lugar que ocupan
.
Felicitar a Alfonso, a Xermolos e á Irmandade Manuel María, que foi amigo e referente de coherencia, a Héitor Picallo polo enxeño amosado ao debuxar soños debullando tintas e pigmentos, teas e recortes, cortizas e afectos. A Alfonso Campos próloguista que tenta expoñer o caos deste nobelo de fíos longos, da procelosa historia das vivencias, medos e frustracións que –de non ser anotadas- poderían perderse, disolvidas no esquecemento.

Aí el, O Xosé Lois, con aquelas estruturas que en verso longo e libre, tamén irregular, escribe. Son os pentagramas de tolos sabios, ou sabios tolos, aqueles que chegan a onde outros non poden e non chegan, porque viven aferrados ao que ven, sen máis. Chega no seu decorrer evocador, por fin, ao neno pobre dos pés sucios que profanou a ignorancia ao saber ler e escribir, para dar verbas de existencia a Domingos Pedro, Bibiano Peláez, Tareixa Lourenza, Pedro Arteiro, Pedro Domínguez “O Fol”, Agrolongo, Vasco Rodríguez, Roi Xordo, fusquenlla, Lope de Taboada e Ulloa, Xosé Martínez Dairoá, a estripe dos García –Tomasa, Xacobe, Francisco, Xoana de Paderne, Ramón, ...deica chegarmos a Xosé e Manuela –pais do ínclito que hoxe, agora, neste preciso intre nos ocupa e conta o seu presente entre amigos e coñecidos, con dous reás na man e no medio da Matria onde chanta bandeira canda o vello castiñeiro de Podente, en Merlán de Chantada.

Aí el, ateo republicano, bandido, residente da cobiza e sermón aparente, que non incerto nin falso, ...a carón dos seus, con Teresa e Hugo e cos amigos. Aí el, ...o noso amigo e por tal, querido amigo.
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES