Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entretecidos contra a violencia de xénero

miércoles, 21 de noviembre de 2012
Este mes tiven a oportunidade de vivir unha bonita experiencia coa asociación Mujeres Entretejidas, que teñen Lugo como residencia e primeiro radio de acción (que ben seguro, irán ampliando). Mujeres Entretejidas nace cunha vocación intercultural, nonviolenta e de emancipación da muller e da familia. O seu primeiro proxecto foi "tejiendo una muralla contra la violencia de género", no que me incluiron como formador nos centros educativos.

Xunto con Elsa Ospina, (alma mater da asociación e persoa entregada ás causas sociais que sen dúbida procura un mundo máis xusto para os seus devanceiros) e Lina Solarte, gran colaboradora e impulsora deste proxecto, no que ten depositadas moitas ilusións, tempo e enerxías, percorremos parte dos institutos da provincia procurando concienciar sobre a violencia de xénero.

Foron charlas de acción dialóxica nas que procuramos interaccionar en todo momento co alumnado dos centros, facéndolles preguntas para pensar e reflexionar. Empezaba as charlas pedindo unha definición de violencia de xénero para despois debater se é un problema persoal, familiar ou social.

Houbo respostas de todo tipo, e con elas viñeron moitos mitos que desmontar; pero ao remate os grupos eran quen de extraer as súas propias conclusións.

Xunto coa definición de violencia, os tipos de violencia, a mitoloxía, o ciclo da violencia, intentamos transmitir competencias que faciliten ao alumnado unha elaboración de respostas asertivas a cada problema. Deste xeito, e sempre seguindo as bases da pedagoxía da pregunta, quixemos conciencialos sobre a necesidade de fortalecer a vontade independente, sabendo que o que quere pode, que somos libres no noso interior e que só o compás dos nosos valores nos esixe unha fidelidade total. Ninguén manda no noso corazón, e ninguén pode entrar se nós non lle abrimos a porta.

Tamén lles falamos de interdependencia, da necesidade de establecer relacións libres e democráticas, nas que a achega mutua nos faga medrar en colectivo. Neste sentido os rapaces ían comprendendo que eles tamén tiñan moito que aportar á vida familiar, porque a verdadeira achega é o amor. Despois falamos de escoita activa, de que a natureza é sabia, e por algo temos dous ollos, dous oídos e unha soa boca. Escoitar ben, evita moitos problemas, pero para iso temos que incluír a comprensión sobre o escoitado, o que implica a cabeza e o corazón. Tamén reflexionamos sobre que ser libres leva consigo tomar as nosas propias decisións, entón metémonos na rotonda e visualizamos a peor equivocación: a permanencia na propia rotonda. Vimos que sempre é posible volver, que cada equivocación garda un tesouro chamado aprendizaxe e que para reducir o risco de equivocarnos, podemos procurar a imaxe dun poliedro, que nos permita analizar o problema dende distinta ópticas para xerar consciencia cara as posibles solucións.

Tamén ensinamos que querer é poder, e que a vida é facer camiños e andalos ata chegar ás ilusións que nós mesmos nos prometemos.
Preguntámoslles aos rapaces que é un conflito, se é bo ou malo e se é evitable sempre. Entón ían concluíndo que é imposible pasar pola vida sen ter algún conflito con alguén e que é imprescindible resolvelo por canles exclusivamente dialóxicas.

As conclusións (como xa se viu) corrían a cargo do alumnado, as máis habituais foron as seguintes:

· A violencia de xénero é un problema social, e todos temos que contribuír para erradicalo.

· Non existen desculpas que xustifiquen o maltrato, as relacións teñen que ser libres ou hai que romper a baralla.

· A persoa que sofre maltrato baixo ningún concepto é culpable. É difícil asumir o fracaso dunha relación e rachar co maltratador, por iso necesita un gran apoio familiar, político e social.

· Non se debe tolerar o maltrato por ninguén, ninguén merece vivir nunha situación de violencia.

· Non existen razóns para o maltrato nin xustificacións para o maltratador.

· O ser humano é libre por natureza e a súa conciencia é inviolable. Ninguén manda no noso interior.

· Temos que tomar as nosas propias decisións baseadas na reflexión e na análise, pero exercendo a nosa liberdade e non cedéndoa.

· A liberdade implica decidir por nós mesmos.

· O conflito é inevitable, pero o diálogo é a súa única vía de solución.

· Debemos comprender antes de ser comprendidos, e practicar a empatía ante calquera situación.

· A vida é un continuo dar e recibir, cooperación e coordinación. Só en interdependencia podemos medrar.

Con este proxecto aprendín que a acción dialóxica asegúralle ao conferenciante a transmisión dos contidos, e deixa en quen escoita unha rodeira máis profunda. Como pode intuír o lector, foi unha gran experiencia que deixou en min unha fonda aprendizaxe.

Durante o programa convidamos ao alumnado a participar nun concurso de manifestos en contra da violencia de xénero, quen gañara lería o escrito publicamente na concentración realizada na Praza de España de Lugo o 9 de Novembro. Elisa Valle García, do IES Perdouro (Burela), foi a gañadora co titulado “Eles tamén teñen dereito a voar”. O acto, cheo de emoción, contou coa participación das autoridades luguesas. Mujeres Entretejidas presentouse como asociación, e por cada muller morta este ano soltouse un globo co seu nome que se perdeu no ceo do luscofusco lugués.

A emoción estaba en cada rostro e en cada man entretecida contra esta lacra. Así puxemos o punto e seguido a un proxecto polo que ben seguro seguiremos loitando; coa esperanza de que un día sexa absurdo falar de violencia de xénero. Ese día a igualdade e a liberdade será certa na nosa sociedade.

Pola miña parte só me queda agradecer a asociación Mujeres Entretejidas , a Elsa e a Lina esta gran experiencia; confiando en sumar conciencias para a liberdade, para un mundo mellor.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania