Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A memoria histórica da emigración

jueves, 21 de abril de 2005
Quizais sexa a miña formación en terras uruguaias o que me afirma nas miñas louvanzas para Francia, un país do que todos herdamos algo despois daquel histórico mes de xullo de 1789. Se dicimos que a historia da emigración é longa non podemos dici-lo mesmo da vida en democracia e por tanto os gobernos que se suceden en Madrid e nas autonomías seguen sen unha política de estado para a emigración.

Certo é que se está a traballar para a aprobación parlamentaria do Estatuto dos Cidadáns Españois no Mundo, un paso positivo e progresista porque xa é hora de que os de fóra teñan os mesmos dereitos que os de dentro. Pero hai moito sen facer e sen sequera propoñer. Aquí parece que só se move algo cando hai eleccións ou máis ben cando os partidos políticos comproban que o CERA aumenta moitísimo.

Se falei de Francia é porque alí as propostas dun goberno son logo cumpridas polo seguinte sen que haxa ningunha discontinuidade. Aquí non temos esa madurez e andamos sempre nas berzas intentando innovar e ser orixinais. Os anos pasan e aínda os emigrantes non poden votar en urna nos consulados españois e non hai unha mostra itinerante que amose a realidade daqueles que deixaron a súa terra. Existen boas iniciativas de carácter privado como a que recolle a traxedia dos nenos da guerra pero fallamos no conxunto e na síntese. Unha exposición sobre a emigración española ten que nacer no Ministerio de Traballo e en Galicia na Consellería de Emigración.

Non sei cal e o razoamento ou xustificación que sostén a insensatez de que non temos nin Museo nin Centro de documentación sobre a emigración española nin tampouco sobre a emigración galega. Hai anos cando en Francia era primeiro ministro Lionel Jospin propuxo a creación dun Centro ou Museo da Memoria Histórica da Inmigración que agora está levando adiante o seu sucesor Jean Pierre Raffarin. Quería Jospin e quere Raffarin ---e son membros de dous partidos diferentes--- agradece-la achega dos inmigrantes que se instalaron en Francia.

Aló por 1992 eu escribía sobre a necesidade patriótica dun museo da emigración galega tomando como modelo o americano da illa de Ellis. Se queremos un exemplo máis próximo podemos mirar para París porque no ano 2007 terá lugar a inauguración da Cidade Nacional da Historia da Inmigración. O seu nome está indicando que o goberno francés que darlle a máxima xerarquía en semellanza coas xa existentes cidades das ciencias e da música. As obras de remozamento do antigo edificio de 10.000 metros cadrados do ano 1920 no que estaba o museo de África e Oceanía custarán 20 millóns de euros. Para evitar que o grande esforzo quede escurecido por loitas partidistas o seu responsable Jacques Toubon fixo unha ampla concertación con estudiosos da historia da emigración, institucións e asociacións destacadas polo seu traballo na recuperación da memoria histórica.

Están deseñadas as liñas básicas para que o centro non sexa algo estático, só para mirar, senón aberto e dinámico. Por unha banda será un centro de conservación e salvagarda da memoria e polo outro un centro de producción e reflexión. Haberá unha exposición permanente (cronolóxica, desde a Revolución ata hoxe), exposicións temporais (xa está previsto que a primeira sexa sobre o proceso de colonización e descolonización e seguirá con outra sobre os estranxeiros na loita contra a ocupación nazi) e un espazo para as artes plásticas. Haberá un centro de documentación e conservación de arquivos e un departamento de eventos científicos.

Quizáis un dos aspectos máis importantes para nós sexa o de que a Cidade Nacional de París xogará o papel de cabeceira dunha rede que valorizará e apoiará aqueles proxectos que noutros lugares de Francia son testemuña da memoria da inkigración. Non se pretende a centralización na capital senón que desde alí vaian recursos para outras cidades como por exemplo para Lyon que está construíndo o edificio do seu Museo da Inmigración entre o concello e rexión de Ródano-Alpes. En Perpiñán e Béziers hai asociacións de emigrantes españois que teñen moita e ben gardada documentación sobre o exilio en Francia a partir do ano 1939.

Nin en Madrid nin en Santiago de Compostela hai nada encamiñado para que a emigración teña o seu lugar físico de referencia. A emigración vive nos nosos descendentes e debemos ser quen de poderlles posibilitar que visiten un edificio no que atopen dixitalizadas as fichas coa saída dos seus avós polos portos de Coruña ou Vigo.

Estamos en ano electoral e paréceme que ningún dos candidatos propoñerá a creación de centro ou museo ou cidade da emigración porque están asulagados por outras preocupacións sobre o censo electoral ou sobre o embaixador que nomeou o goberno central. O que podo asegurar é que dentro de dez anos ninguén lembrará se os candidatos foron dúas ou tres veces a América pero será lembrado con respecto e agradecemento aquel que erga o edificio no que todos os herdeiros do sangue emigrante teñan un fogar garimoso e deixen de seren orfos.

[MEMORIAS RIOPRATENSES]
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania