
Coido que non acae arestora debullar polo miúdo toda a vida do músico compositor que abrangue o libro que se está a presentar. Vaian un par de cousas que non se apuntan no perfil biográfico escrito ao comezo de O P. Manuel Feijoo. Obra polifónica.
No pobo de Outomuro, na Terra de Celanova, a vintecinco kilómetros de aquí, a carón do Polideportivo Piño Vilachá, das Piscinas Munipais e nun recanto do antigo campo da feira, o concello de Cartelle arranxou un lugar de lecer para os nenos. No monolito de entrada, os veciños e mailos visitantes poden ler : Parque infantil P.Manuel Feijoo Sousa( 1926-1992) medalla e fillo predilecto do concello, que paseu polo mundo o nome da nosa terra .
En Santiago de Compostela, á beira do Complexo Deportivo de Santa Isabel, nun espacio ben amplo do sur do campus norte da Universidade, o concello desta cidade adicou un fermoso lugar de convivencia cidadá e veciñal ao compositor cuxa obra maior vive no libro que hoxe ve a luz aquí en Ourense. Unha placa de bronce na fonte que está no medio de este espacio di: Xardíns P. Manuel Feijoo Sousa (1926-1992 ), franciscano e musicólogo, medalla de prata ao merito cultural e fillo adoptivo da cidade.
Acá en Outomuro nacera o P. Feijoo. E morreu alá en Compostela, sendo a súa vida un continuo tecido de senlleiras hipotenusas de arte e bonhomía, cas que xunguíu tódolos lados do mapa xeográfico, humano, relixioso e musical de Galicia, mesmo no interior coma no exterior, como imos ver. O P. Feijoo non só fixo música: con ela, facía sobre todo Harmonía: alto, delgado, fachendoso, flequiño bohemio, espíritu intenso e o soriso coma diapasón, cando saía polas rúas compostelanas, cousa que fixo durante 26 anos e decote, semellaba unha batuta que armonizase ao seu movimento tódalas xentes que encontraba e que disfrutaban incansablemente das súas apertas e conversas, sempre franciscanas, sinxelas e ledas.
Foi deste xeito como trabou amizades moitas con persoas pequenas ou grandes, das que quero destacar a Nemesio García Carril, o autor da música da banda sonora do filme Os gozos e as sombras de Torrente Ballester, de quen a Feijoo se lle pegou o maravilloso don de compoñer música para imaxe, como queda perfectamente reflectido na súa Misa para As Romerías para coro e grupo de gaitas, tamén para coro e banda de música, que fai parte do libro que hoxe se publica.
Daquela o P. Manuel Feijoo non acadaría a Harmonía Universal , pero si fixo o que puido, só, e nada menos, coa súa persoa, coa nosa lingua e co seu gran amor de toda a vida, o Orfeón Terra A Nosa, que fundara no ano 1966 e que celebrara a súa posta de largo na noite de Nadal dese mesmo ano en TVE, con parte das 45 panxoliñas polifónicas da súa autoría, das que 5 se publican no libro que hoxe aparece.
E así, Lisboa, Coimbra, Oporto; Alemania ( 1973), Austria (1979) con actuacións en Essen, Colonia, Bonn, Munich, Salsburgo; Paris, Versalles, Lusemburgo, Amsterdam, Brujas e Bruxelas; Londres ( 1975), Roma ( 1977 e 1983 ), Arxentina, Urugay, Chile e Venezuela ( 1991) son só algúns dos trazos do seu tiraliñas musical.
E xa ven vostedes: o P. Manuel Feijoo fixo o que puido pola súa vocación musical e franciscana e pondo en valor a propia identidade de galego bo e xeneroso. Xa que logo, ven ben recordar que coa ocasión do Festival Intercéltico de Lorient en 1982 a prensa da Bretaña Francesa chamou ao noso compositor e mestre O Franciscano de Galicia eloxiándoo como a vedette do encontro daquel ano, e logo no seguinte Festival de Música Celta de Ortigueira o alcumaba O franciscano galego de Ourense.
A produción musical do P. Manuel Feijoo é abundante e de temática moi diversa: música sacra, música profana, música para piano e solista, e música coral. Música para canto. Toda ela está inventariada e rexistrada, e consérvase no Arquivo Provincial do Convento Franciscano de Santiago e forma un corpus de máis de dúas centas obras, das que 58 títulos abranguen unha considerable discografía, polo de agora esgotada no mercado. Tócalle ao amigo Carlos Núñez explicarlles a vostedes os criterios seguidos para a selección do contido da obra que hoxe ve a luz aquí en Ourense, onde tamén, na casa de seu sobriño Manuel Mourille, aquí presente, se gardan as condecoracións que recibiu en vida pola súa labor de compositor e director: 1º Premio de Polifonía 1974 (Torrevieja), 1º Premio Nacional de Polifonía 1980 ( Torrevieja ), 2º Premio de Habaneras 1970 ( Torrevieja ), 1º Premio de Masas Corais Galegas 1976 (Lugo ); Medalla Fillo Adoptivo de Compostela 1985 e Medalla de Prata da Xunta de Galicia 1992, entre outras.
Para rematar quero, eso sí e casi a modo de anédota, contarlles cómo, ás veces, compuña Feijoo: home avisado pero sobre todo artista, procuraba estar sempre preparado para cando a inspiración o visitase, que evidentemente adoitaba visitalo con frecuencia. Andaba el sempre provisto dun lapis ou boli e con anacos de papel no peto, e se algún tema o rondaba no comedor, el non tiña reparo en pautar de contado unha servilleta e anotar nela o apunte musical que lle estaba a facer acenos . Se o visitaba pola rúa, o que acontecía a miúdo, entón sacaba o papeliño e o lapis e facía outro tanto. Cóntase que máis dunha vez o atopaba desta guisa seu amigo Amador Santos Bartalomé , director da Banda Municipal de Santiago naquel entonces, e este dicíalle ao frade ¡Feixoo, canta, que eu dirixo!
Remato. O P. Feijoo viviu cantando e compoñendo música. Morreu do mesmo xeito. Unha boa maneira de pasar pola vida dejando estelas sobre la mar
Poucos meses antes de morrer estaba moi doente -, no Nadal de 1991, fíxoselle unha última homenaxe na Igrexa - Hotel Convento de San Francisco de Santiago. Na misa o Orfeón Terra A Nosa interpretou o mundialmente coñecido Noite de Paz. De contado o Padre Feijoo colleu a palabra e dixo: nunca escoitei tan ben interpretado este vilancico./ Pidíu un aplauso para o coro./ Déuselle o aplauso ao coro
Logo engadiu: só quero que este coro siga cantando sempre así de ben
eu pola miña parte estou interpretando o mellor que podo o vilancico deste cáncer que sabedes que teño
E outro aplauso, moito máis forte co anterior.
Pasado algún tempo, xa finado, ao iren ao seu cuarto a recoller as cousas que el deixara , atopáronse na mesiña de noite tres folios cadriculados e unha receta de médico, pautados a man coa notación temblorosa do que sen dúbida foi o último compás da súa vida. El chamoulles Plegaria Anguriada.
Porque eso é a música, e eso foi o P. Manuel Feijoo: un berro sublime, ¡ o máis sublime ¡, na percura dese Santo Grial que é a harmonía de todos e de Todo.
Grazas de corazón a tódolos que, en maior ou menor medida, fixestes posible a publicación deste libro. Grazas.
(Intervención de Enrique Mourille Feijoo, sobriño do compositor e promotor do libro no acto de presentación en Ourense).