O que espera, desespera
Editorial - miércoles, 20 de abril de 2005
Ata agora, a espera correspondía a toda a Cristiandade que agardaba pola fumata branca que anunciaría que a Igrexa tiña de novo cabeza visible.
Desde a tarde do día 19 de abril, o ata entón Cardeal Ratzinger, sombra de Xoan Paulo II, gobernará suponse que con man firme a barca de Pedro.
Non tiveron tempo de desesperar os millóns de fieles, representados de xeito entusiasta polos milleiros que encheron a Praza de San Pedro cun fervor propio dos devotos das grandes figuras mediáticas. Non houbo moito que agardar.
En Galicia, a espera por parte dos grupos da oposición, para saber se o Presidente Fraga vai mante-las eleccións en outubro ou as vai adiantar a xuño, non deixa de ter o seu aquel de impaciente, dependentes de xeito absoluto do poder do gobernante que decide cando se van celebrar os comicios.
Podemos equivocarnos de medio a medio, pero Fraga é home de palabra firme, e ten a gala non ter adiantado nunca unhas eleccións, aínda que llo pida o máximo cargo do Partido do que el é Presidente Fundador.
As sondaxes parecen serlle cada día máis satisfactorias, os seus vicepresidentes multiplican a actividade política cada día que pasa, o Bloque sofre proceso xeneracional na súa cúpula, o Psoe galego sofre os desaires ou esquecementos do goberno de Madrid...
E Fraga cala sabendo que ten a sartén polo mango, e o mango tamén.
O que espera, di o refrán que desespera. Neste caso, como sempre, as procesións van por dentro. E a espera vai ser longa.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora