¿Quen argallou poñe-los apóstrofos despois dos artigos?
Vázquez Fdez., Lois - jueves, 25 de octubre de 2001
Hai quen tiña azos de denuncia-lo galego incorrecto que me fire a ollada a cotío. dentro de Galicia, en Barcelona, en Madrid, ou onde se atope un bar ou restaurante de especialidades galegas. E dame moito noxo que me sirvan algún froito da nosa terra sempre, polo xeral, dun sabor exquisito-, mentres non acabo de facer ben a dixestión a causa do letreiro, que non só non é dun galego enxebre, senón dunha imperfección ferinte, alarmante, que che fai que xa non che aproveite o que estás comendo. Pois que non só de pan vive o home...
¿Sabedes, meus amigos, a que me estou referindo, a que estou aludindo? Pois a títulos que proliferaron pola xeografía nosa coma malas herbas. ¿Non estades cansos de ve-los títulos, tan incorrectos, espallados por todas partes: O´Pote, O ´Moucho, A ´Cociña Galega, O´hórreo, O ´pulpo, A ´Galiña, O ´lacón con grelos, A´Ría, O ´nabo de Lugo, A ´esparrela, Café O´Miño, Restaurante A ´Toxa...?
¿Que diaño tentou ós donos deses negocios para que puxesen enrriba da porta os títulos devanditos, ou outros semellantes?¿Que autoridade académica consultaron antes de encarga-los para que o disparate este ferindo ós nosos ollos implacablemente? ¿Onde aprenderon a poñe-lo artigo seguido dun apóstrofo? ¿Quizais coidan que se trata dun xenitivo inglés? ¿Foi influencia, xa que logo, dos emigrantes, que nos ofertan en letras de molde o que non se debe poñer? ¿Ou confundiron as antiguas contrarcións galegas, tipo O Tío Marcos d´a Portela co que é máis nidio cá auga do Lor? ¡O artigo non precisa da compaña malfadada do apóstrofo!
¡Compre poñer remedio! E pronto. Senón, o contaxio segue multiplicándose a cotío. Mais pregúntome eu, inxenuamente: ¿A quen, a que Institución, lle compete desface-los entortos? ¿Á Real Academia da Lingua Galega? ¿Á Xunta de Galicia?
Velaiquí o que queda plantexado nestas poucas palabras de denuncia. É unha vergoña para tódolos galegos que teñamos que soporta-los títulos devanditos, cada vez que pasamos diante deles, ou nos acercamos a xantar. A min atragántaseme, xa dende o principio, mesmo a empanada, ou o pulpo á feira. ¡Fora os apóstrofos entre o artigo e o nome!

Vázquez Fdez., Lois
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora